O Partido Popular (PP) enfróntase, unha vez máis, a unha crise de liderzgo. Unha desas crises recorrentes que en dous dos últimos casos (Rajoy e Casado) tiveron uns finais realmente esperpénticos.
Non se debería perder de vista, moito menos por parte de quen sexa o novo líder, as formas en que se está producindo esta última, polo de agora, crise de liderazgo. Estamos diante dunha crise que tivo como espoleta final non os continuos erros estratéxicos e tácticos de Casado, nin o seu gusto polas trolas e os insultos, senón o choque cun lider territorial (Ayuso en Madrid) acusado de corrupción. Unha crise durante a cal os anteriores compañeiros de dirección (por caso, o alcalde de Madrid, señor Almeida) non tiveron reparos en abandonar rapidamente un barco que se afundía, os antigos abrazos (presidentes autonómicos) convertéronse en puñaladas, as vellas fobias da noite para a mañá transformáronse en filias (Ayuso/Feijóo). Formas e modos que deixan en evidencia tanto que tipo de organización é o Partido Popular como o porqué das súas recorrentes crises de liderazgo.
Unhas crises de liderazgo político que está a favorecer o auxe dun partido franquista como Vox. Un auxe que non é exclusivamente español, senón que se repite en moitos países europeos e que pon en evidencia varías circunstancias como, por caso, que en España, a pesar dos anos que levamos de democracia, a ideoloxía franquista persevera entre un importante sector da poboación de rendas medias e altas. Que cando un partido de dereitas, como neste caso o Partido Popular, tenta competir coa extrema dereita, atópase que o electorado "prefire o orixinal á copia". Unha preferencia que vese favorecida polo impacto que a pandemia e a recesión económica teñen sobre sectores da poboación máis vulnerable quen finaliza pensando que a extrema dereita é quen mellor defende os seus intereses.
Unhas crises que non se poden separar do cancro que consome ao Partido Popular (PP): a corrupción sistémica. Como moi ben sinalou o intelixente deputado de máis Madrid, Iñigo Errejón, "todos os españois saben o que hai baixo as alfombras de Xénova. Por iso alá rexe unha soa lei: non se tira da manta. Casado, por razóns internas, tentouno e acabaron tirándoo a el". Un cancro que supura por todos os poros do Partido Popular e que moi probablemente acabe levándose por diante a este partido.
Finalmente, non se debe perder de vista o impacto que nesta última crise interna do Partido Popular ten a evidencia de que o goberno español de quenda (PSOE, UP), mal que ben, vai gobernando e tirando para adiante. A pesar da pandemia, a recesión económica, o brutal acoso das dereitas e os seus medios afíns, as diferenzas internas, o infantilismo dalgúns partidos periféricos que o apoian...este goberno vai tomando medidas que benefician claramente a quen peor o está pasando, mantén a unidade e vaise gañando a confianza dunha maioría social que lle pode garantir repetir mandato.
Escribe o teu comentario