Pasos adiante, a pesar dos tropezones, que consolidan un Goberno

Manoel Barbeitos
Economista

O ano 2022 empeza con noticias moi positivas para o goberno español (PSOE/ UP) pero tamén con notables escuros na gobernación.


Dentro das positivas compre destacar como se merece a positiva xestión da pandemia a pesar dos irresponsables atrancos postos tanto polos partidos das dereitas (PP,  Cs e Vox) como dalgúns gobernos autonómicos máis preocupados polos posibles beneficios políticos da confrontación que pola vida e a saúde das persoas. Non debería estrañar que este posicionamento político páselles factura en próximas convocatorias electorais. Non menor valor teñen os efectos positivos das políticas expansivas que poñen en evidencia algo que xa se sabía pero que os dogmas neoliberais tentan de ocultar. Que son as políticas anticíclicas quen favorece o crecemento económico e a creación de emprego á vez que frean a desigualdade. A aprobación e posta en execución dos orzamentos máis expansivos da democracia (2021, 2022) facilitaron un crecemento importante da economía española tal que lle permite recuperar parte do perdido coa recesión e a pandemia. Os datos tanto de recuperación da riqueza como do emprego son indiscutibles. Unhas políticas expansivas que tiveron a correspondente repercusión positiva nos ingresos fiscais que no ano 2021 lograron un incremento nada despreciable. Finalmente, no activo do goberno español, hai que contar a recentemente aprobada reforma laboral -grazas á equivocación dun deputado do PP- algo que ten máis valor, polo que política e socialmente implicaría non aprobala, que polo propio contido da mesma, que resulta claramente insuficiente. A pesar diso, non se pode negar que supón un avance en dereitos laborais con relación á situación anterior.


Como dicía, hai tamén escuros. Por caso e empezando pola pandemia que o goberno español, ademais de tardar demasiado en tomarse en serio o problema, non tería no seo da Unión Europea unha postura máis firme e combativa en relación coa liberación das vacinas e a colaboración europea na necesaria vacinación dos países do Sur. Non só por razóns de solidariedade, senón tamén porque mentres o nivel de vacinación naqueles países mantéñanse en niveis tan baixos os riscos de mutación dos virus serán altos e así se estendan os contagios a occidente. Se as políticas expansivas están a provocar os efectos positivos coñecidos sobre o crecemento e o emprego non é menos certo que, mesmo en plena pandemia, non so mantéñense senón que se incrementan as escandalosas ganancias da gran banca e os  oligopolios sen que o goberno español póñalle freo, por caso, con políticas fiscais máis redistributivas, máis progresivas. Finalmente, aínda que consideremos como positiva a aprobación da nova reforma laboral, non se debe ocultar que resulta claramente insuficiente en temas moi relevantes do mercado laboral español. Por caso, seguirá sendo moi fácil e barato o despedimento (mantense practicamente intacto o artigo 41 da anterior reforma) como tamén seguirá outro do grandes problema do mercado laboral español como é a corrupción e a fraude na contratación (máis do 50% dos contratos que se asinan anualmente son irregulares).


Neste marco e partindo da evidencia de que estamos diante do primeiro goberno español de esquerdas que, ademais, é un goberno de coalición polo que non había precedentes anteriores. De que está a aprobar medidas moi positivas para a maioría da poboación dos pobos de España, especialmente para as clases máis desfavorecidas. Un goberno que mostrou sobradamente a súa capacidade de diálogo nun contexto difícil e un escenario moi plural. Un goberno con pasos adiante pero tamén con pasos atrás, moitas veces polas lóxicas, ás veces infantís, diferenzas entre os partidos que o forman (PSOE, UP).  Neste marco hai razóns fundadas para afirmar que estamos diante dun goberno que non só ten grandes posibilidades de finalizar a actual lexislatura, en contra do que opinaban moitos cando se formou e dos inmisericordes e continuos ataques das dereitas e os seus medios afíns que son maioría, senón tamén de repetir nas próximos eleccións que  -se non hai adianto- serán en novembro do 2023.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE