Ensachar a base social

Manoel Barbeitos
Economista

Ten toda a razón a señora Pontón (BNG) cando afirma que "ou alargamos a base social ou calquera avance vai ter os pés de barro". Máis aínda, ou non será posible o avance. Se o argumento é irrefutable, o obxectivo non é moi fácil senón extremadamente difícil de conseguir. Porque se utilizamos como referencia o ocorrido nas eleccións autonómicas máis recentes, para aspirar con fundamento a presidir a Xunta de Galicia o BNG deberá  incrementar notablemente o último resultado electoral, ao redor dos 100.000 votos. Un gran incremento de apoio (30%) que só será posible se se estende por toda Galicia, tanto nas zonas urbanas como nas rurais.


Para alcanzar ese obxectivo precisará incrementar considerablemente a representación  municipal. Se nas próximas eleccións municipais, maio 2023, o BNG non consegue multiplicar a súa actual representación local, o obxectivo da Presidencia da Xunta de Galicia quedará fóra do seu alcance. Lembremos que nas últimas celebradas (2019) obtivo un número de votos (12,5%) que só serviu para conseguir un número de concellerías moi modesto (12,3%), unha soa alcaldía (Pontevedra) nas grandes capitais e ningunha presidencia de Deputación. O BNG ten, por tanto, unha tarefa nada menor por diante: duplicar cando menos o número de concellerías. Un resultado de tal envergadura só será posible se renova profundamente as súas candidaturas municipais, elabora un programa ilusionante e consegue convencer aos votantes das autonómicas de que para que o cambio sexa posible deben repetir o seu voto nas municipais.


Ampliar a base social implica incrementar o apoio entre as clases de rendas medias e baixas e, dentro destas, ser a forza maioritaria entre as clases traballadoras. Un obxectivo que esixirá dirixirse ao conxunto do movemento obreiro que na actualidade está maioritariamente articulado ao redor de tres centrais sindicais. Recollendo datos oficiais vemos a seguinte repartición de delegados: CIG (36,5%), UXT (32%) e CCOO (32%). Unha representación moi plural pero bastante parella o que nos leva a unha evidencia: si o BNG quere aspirar a Presidencia da Xunta de Galicia debe pescar nos caladoiros de UXT e CCOO (64% dos delegados). Trasladado ao campo político, este obxectivo debería levarlle a reflexionar sobre a súa estratexia sindical, pois dificilmente conseguirá o apoio dos traballadores e traballadoras afíns a UXT e CCOO se estes non atopan nas políticas laborais e sociais daquel unhas importantes coincidencias.


Para finalizar este percorrido polos apoios que o BNG debe procurar subliñar a necesidade de contar cunha forte audiencia entre os movementos sociais máis relevantes como o ecoloxismo e o feminismo. Respectar a autonomía destes movementos será fundamental para unha fraternal relación.


Son moitos e moi grandes os retos para superar polo BNG e o seu portavoz Ana Pontón no seu lexítimo obxectivo de ampliala base social de apoio para así poder aspirar a alcanzar a presidencia da Xunta de Galicia. Non se trata dunha meta inalcanzable pero si que esixirá de importantes revisións na estratexia e a táctica a curto e medio prazo. Revisións que, na opinión de quen isto escribe, non implican necesariamente renuncias nos obxectivos a longo prazo, senón modular os discursos e os programas en función dos colectivos cuxo apoio se procura para así ensanchar a base social.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE