Como un césar espido

Manoel Barbeitos
Economista

A prolongación da pandemia está a deixar ao descuberto as enormes carencias do discurso do presidente da Xunta de Galicia, o señor Núñez Feijóo, de tal maneira que nos últimos tempos este parece camiñar politicamente espido, sen relato propio como correspondería ao presidente dun país. Poida que inflúalle tanto o cansazo de moitos anos de goberno con maiorías absolutas en canto á certeza de que se se presenta novamente nas próximas eleccións autonómicas volverá repetir a maioría.


Esta carencia de discurso como gobernante queda patente cando, por caso, trátase de expoñer as alternativas do seu goberno (PP) ao impacto da pandemia na economía e na sociedade galegas. Parecería, por caso, que o único sector afectado sexa o da hostalería e o turismo (10,5% do PIB e 11% do emprego) como podemos comprobar cando acode a súa cita diría na TVG e vemos que o seu rutineiro discurso vira case que exclusivamente ao redor das medidas adoptadas (protocolos) ben a favor da presenza de xente nas terrazas e no interior de cafeterías e bares ,ben sobre os horarios para os locais de lecer.


Porque cando se trata de facer fronte a outros problemas que afectan a maioría dos galegos e galegas, entón o discurso do señor Feijóo centrásese de maneira monocorde en botarlle a culpa ao Goberno central pola falta de solucións pero sen achegar pola súa banda ningunha iniciativa propia, como sería mester. Se a AtenciónPrimaria atravesa unha crise sen precedentes por mor dos recortes e as privatizacións e a pesar de que o persoal proteste por carecer de medios e recursos para realizar con dignidade o seu traballo, a responsabilidade polos déficits de atención, afirman os populares galegos, é do Goberno español porque as súas políticas impídenlles, por caso, contratar profesionais que, por outra banda, afirman que escasean. Que o prezo de a luz sobe de maneira escandalosa mesmo nunha comunidade como a galega que ten superávit, a responsabilidade é toda do goberno Sánchez ao provocar tal subida por intereses partidarios para o que ten como cómplice e aliado ao BNG. Se as centrais eléctricas baleiran os encoros para xustificar así as subidas nos prezos, a Xunta de Galicia, para desculpar a súa inanición, utiliza o falaz argumento, que choca coas evidencias, da falta de competencias e de ferramentas para actuar. Que a gran banca, receptora de incontables e zumarentas axudas públicas, pon en marcha unha onda de clausura de sucursais no rural retirando servizos a miles de clientes cativo, a solución que ofrece este goberno, lonxe de garantir o servizo que reclaman os afectados pola exclusión financeira, é ofrecer novas axudas á banca (16.000 euros/ano) para a instalación de caixeiros automáticos onde a banca pecha oficinas. Finalmente fronte a xa tradicional secuela de incendios forestais (27.800 incendios na última década que queimaron mais de 205.000 hectáreas: 11% da superficie forestal) que pon en evidencia o indiscutible fracaso das políticas forestais, o señor Feijóo utiliza o argumento de que os incendios son por mor duns pirómanos que en Galicia deben abundar máis que en ningún outro país do mundo. Mentres, pola súa banda, os brigadistas, que loitan en primeira liña contra unhas labaradas que cada vez son mais violentas e grandes por mor do cambio climático, denuncian tanto a carencia dos medios necesarios para sufocar os lumes como que a Xunta non contempla entre as súas actuacións os necesarios labores de prevención.


Esta brutal falta de iniciativa política só é posible cando se dispón dunha folgada e cómoda maioría absoluta como a que goza o Partido Popular de Galicia, quen ademais conta coa axuda tanto dos medios públicos de comunicación -como sinalaba antes, na TVG o señor Feijóo dispón libremente de todo o tempo que queira para expoñer as súas teses sen que a oposición poida responder- como da maioría dos medios privados en papel que xustifican contundentemente a razón das importantes axudas públicas que reciben.


A pesar deste escenario tan favorable, o señor Feijóo non debería confiarse, pois torres máis altas xa caeron. Será necesario esperar a que pase a pandemia e ver se tanto a oposición política como os movementos sindicais e sociais son quen de ocuparl as rúas e as alamedas para así mostrar as súas indignación e rebeldía pola falta de políticas públicas que resolvan os crecentes problemas. As frontes abertas multiplícanse e dado o carácter estrutural dos mesmos non está nada claro que as políticas do "doce far niente" e/ou "balóns fóra", que tan bos resultados déronlle ata o de agora ao Partido Popular de Galicia, poidan servir para moito tempo máis. Este país non se pode permitir contar indefinidamente cun presidente que actúa como un césar espido.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE