Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.
“Hai persoas que observan as regras da honra
como quen observa as estrelas, desde moi lonxe”.
(Os Miserables : Victor Hugo, 1802-1885,
escritor do romanticismo francés).
Nos últimos tempos, o Sr. Feijóo, o Sr. Comesaña e diferentes responsables da Sanidade Pública dinnos “que non podemos poñer substitutos nas consultas de Atención Primaria, porque non temos médicos e médicas”... a pregunta que nos facemos todos é: a que se debe, que algo tan importante como é a Saúde (probablemente o máis), non conte con profesionais adecuados para realizar este labor?
Desde hai 12 anos a política sanitaria en Galicia está caracterizada polos recortes: a crise do 2008 deu pé a facer unha diminución de orzamentos que afectaron tanto a profesionais como ás infraestruturas; e con esta desculpa: vale todo. Chegou a pandemia, e todo empeorou. Pero esta dinámica, ao que leva é a a descapitalización do Sistema Sanitario, algo que vai custar moitos anos recuperar (se o facemos...sabendo que para algúns e algunhas xa é irreversible).
Indiquémoslle ao Sr. Feijóo as causas da falta de profesionais (que el xa as sabe dabondo, pero non actúa en consecuencia): profesionais pouco incentivados para realizar un traballo vocacional, unha administración que non ten órganos de decisión para realizar as carteiras de servizos e que non aprecian a Sanidade Real, por non estar próximos aos problemas da xente. Falta de estabilidade no traballo: sabemos de contratos por horas, por días (cando se vai a estar meses) ou contratos parciais para substitucións anchas. Que profesional traballaría nunha empresa, que paga pouco (estamos na cola das CC.AA.), non dá estabilidade laboral e non prestigia unha profesión que require da máxima dedicación, compromiso e dificultade técnica, para non cometer erros, que poidan custarlle morbilidade ou mesmo mortalidade a outra persoa?
Feijóo leva 12 anos xestionando unha sanidade que xa tiña moitos problemas no 2009: baixo orzamento, previsión de xubilacións de moitos profesionais, non facilitar a prolongación da vida laboral, desprestixiar a profesión coa idea de fomentar os seguros privados e a privatización sanitaria, pouco apoio á formación e a investigación. Despois de tanto esforzo, o resultado é: salarios baixos e inestabilidade... calquera profesional que alcance o título de Médico, Enfermeiro, Psicólogo, etc. se non é considerado ou considerada na súa profesión e non ten estabilidade, busca lugares onde si prestigien o seu traballo: Portugal, Gran Bretaña, Alemaña, etc. captan profesionais sanitarios e non pagan un peso pola súa formación (só necesitan un tradutor uns meses e xa teñen un grandísimo profesional nos seus Centros de saúde). É impresentable para un país como Galicia formar a profesionais, co gasto que iso conleva, para logo marcharse a outros lugares para exercer.
A falta de previsión de factores como a xubilación, vacacións, enfermidades, mortes, abandonos, non pagar o suficiente e dar estabilidade: é responsabilidade de quen a xestiona!
Un Sistema Sanitario Público, debe contar con orzamentos suficientes (nós esiximos o 25% do total e estamos no 12%). Debe ter profesionais acreditados: cada ano preséntanse o MIR 30.000 médicos para 3.000 prazas (redondeando). Sr. Feijóo: dçonnde están os outros 27.000 Médicos que non alcanzan a praza que oferta o Ministerio? Como que non hai médicos? Hainos e moi bos, o que sucede é que están en Sistemas Sanitarios que valoran o seu traballo: ou pensa que por igual salario e estabilidade (e dignificación) a xente marcharía a traballar a sitios afastados?
E xa non digamos, se LINGUATEIROS como Telmo (alcalde de Sanxenxo e líder do PP) ou Jácome (alcalde ínclito de Ourense apoiado polo PP) fan unhas declaracións extemporáneas en contra dos profesionais sanitarios.
É un escándalo apoiarse nunha falacia para consolidar unha estratexia: a Sanidade Pública custou moito conseguila, é o ben máis prezado que temos e non podemos permitir que xente sen escrúpulos deteriórea día a día. Defendámola (a pesar de ter maiorías absolutas).
Escribe o teu comentario