Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.
O 08/04/2019, desconvocouse a folga na Sanidade Pública Galega, que estaba prevista para os días 9, 10 e 11 de abril. Fixémolo in extremis, cando se cumpriu a condición principal: a Mesa de Diálogo entre a Administración Sanitaria e as Entidades que formamos parte do Sistema Sanitario Público, para elaborar o Novo Modelo de Atención Primaria (AP) no país. Así, constituíuse o Consello Técnico de AP de Galicia, que comezou a súa andaina creando 15 Comisións Técnicas (CT) que abordarán toda a problemática existente na AP. As 8 primeiras CT eran das entidades que formamos partes dos Centros de Saúde (CdeS): Enfermería, Médicos, Odontólogos, Traballadores Sociais, PSX, Matronas, Farmacéuticos e Fisioterapeutas. As outras CT son de desburocratización e mellora da xestión da Incapacidade Temporal, a relación entre AP e Atención Hospitalaria, Formación e Docencia, Análise Demográfica, Prescrición Eficiente e a de Intervención Comunitaria. Somos 208 persoas traballando, 30 entidades, que de forma desinteresada queremos conseguir un Novo Modelo de AP. A día de hoxe, avaliadas case todas as CT, queda a 9 que, será a que ditamine cal será a AP do futuro en Galicia?
Tanto a administración como as entidades que estamos na negociación recibimos múltiples presións de diferentes colectivos que queren posicionarse no novo modelo. A pesar disto e á pandemia da Covid-19, o Consello Técnico está a funcionar e elaborando informes, que van cambiar a dinámica de traballo nos CdeS e nos PACs.
Medidas que consideramos prioritarias, serían cambios organizativos, como potenciar o carácter Interdisciplinario e Integral dos CdeS, potenciando e incorporando novas categorías profesionais, para dar resposta ás necesidades e problemas sanitarios da poboación: Psicoloxía Clínica, Logopedia, Atención Temperá, Terapia Ocupacional, Farmacoloxía Clínica. Incrementar de maneira importante os recursos humanos dos CdeS: coñecer o censo real de vacantes e adaptar a OPE a esas vacantes.
Desmedicalizar a AP, potenciando e priorizando as actividades de promoción, prevención, rehabilitación e reinserción social, facendo fincapé no traballo en equipo.
Reorientar a AP cara a un modelo Comunitario e Participativo, transformando as Áreas de Saúde en espazos para unha atención integral, baseada no diagnóstico de problemas, necesidades e recursos relacionados coa saúde: Plans de Saúde a nivel local. Potenciar as relación dos CdeS cos Hospitais de Área.
Mellorar a accesibilidade da poboación a atención de saúde e acabar coa masificación das consultas: incrementar os recursos humanos en función das necesidades e demandas de atención. Potenciar as áreas de recepción e apoio administrativo.
Incrementar os CdeS nas áreas rurais, para achegar a atención a toda a poboación. Priorizar a Atención Presencial e utilizar a consulta telefónica e a telemedicina de maneira complementaria. Mellorar a atención domiciliaria.
Cando se aproben os acordos alcanzados nas 15 Comisións Técnicas, cando finalicen os traballos da Primeira Fase, convocarase o Plenario do CT e establecerase unha folla de roteiro, para seguir a aplicación do acordado. Debe convocarse de forma urxente a Mesa Sectorial cos Sindicatos, para aprobar os cambios nas condicións de traballo do persoal. A administración debe establecer un calendario orzamentario para acompañar a posta en marcha das medidas, e debe facer cambios lexislativos (recuperar Áreas Sanitarias, recuperar a Participación Cidadá e Profesional). Recuperar as Xerencias de AP. Derrogación das dúas reformas da Lei Galega de Saúde (a segunda por ser Inconstitucional).
Cando se asine o acordo, consensuado, entre o SERGAS e as Entidades que formamos parte do CT, faremos a Atención Primaria do Futuro!
Escribe o teu comentario