Non me cabe a menor dúbida de que se finalmente o goberno español de quenda (PSOE/ UP) toma a sabia medida de indultar aos políticos cataláns presos polo procés será unha decisión xusta, necesaria e oportuna.
Unha decisión xusta porque virá reparar en parte os danos políticos provocados polos abusos que o poder xudicial español (Tribunal Constitucional, Tribunal Supremo) vén cometendo nos últimos anos co pobo de Catalunya. Abusos que tiveron a súa máxima expresión nas sentenzas sobre a reforma do Estatuto de Autonomía de 2006 e sobre o Procés. Lembremos que, por caso, a sentenza do T. C., declarando inconstitucionais 14 artigos, supuxo un auténtico pau xurídico e político a un Estatuto, que tanto fora aprobado polo Parlamento Catalán como lexitimado por un Referendo popular. Pola súa banda, o Tribunal Supremo sentenciaría a penas entre 9 e 13 anos a nove dirixentes políticos cataláns acusados, nin máis nin menos, que de sedición e malversación. Dúas decisións xudiciais que serían fortemente criticadas, pola súa vulneración de dereitos fundamentais, tanto por expertos xuristas españois cunha traxectoria democrática intachable como por autoridades xudiciais europeas (TJUE, TEDH), que abrirían fondas feridas na sociedade civil catalá e que ademais de cuestionar a independencia do poder xudicial español servirían para alimentar as teses independentistas: entre as eleccións autonómicas do 2006 e as de 2021 o que podemos chamar "voto independentista" ascendeu do 9,7% ao 51% dos votos emitidos.
Unha decisión necesaria porque se o actual goberno español (PSOE/UP) quere finalizar a presente lexislatura ten que seguir contando co apoio das forzas políticas que tanto lle facilitaron o triunfo na moción de censura como a posterior gobernabilidade. Partidos políticos entre os que se atopan aqueles que teñen dirixentes encadeados (JxCat, ERC) e que reclaman a súa liberdade. Unha liberdade que tamén defenden e reclaman a práctica totalidade das forzas políticas que forman a maioría parlamentaria que sustenta o goberno pero que non será posible de mantela sen conceder os indultos.
Unha decisión oportuna porque as últimas eleccións catalás (14 febreiro 2021) puxeron en evidencia cambios interesantes no escenario político catalán. Cambios que parecen premiar aos partidos e aos dirixentes políticos que optan máis polo diálogo que pola confrontación co goberno español como, por caso, así puxo en evidencia o novo presidente da Generalitat, o señor Pere Aragonés, coas súas últimas declaracións.
A posición belixerante fronte aos indultos por parte das dereitas españolas (PP, Cs e VOX) ten unha certa lóxica aínda que tamén esconde riscos para a mesma, moi especialmente para o seu partido maioritario (PP). Ten a lóxica dunha estratexia de permanente confrontación política que os resultados das últimas eleccións autonómicas madrileñas parecen avalar. Tamén a de tapar o barullo provocado polas continuas frontes xudiciais abertos ao PP (Partido Popular) con motivo dos seus incontables casos de corrupción nos que aparecen imputados un cada vez maior número de dirixentes e directivos populares. Finalmente, a lóxica de pensar que montados no cabalo do apóstolo ("Santiago e pecha España") obterán mellores resultados electorais. Pero ten os seus riscos, por que se analizamos os últimos resultados electorais obtidos polo Partido Popular (PP) en Catalunya e o País Vasco observamos como este partido corre o risco de converterse en extraparlamentario nas dúas comunidades. En tal caso, como pensan gobernar España?
A pesar diso, e contra toda lóxica, os maiores inimigos á concesión dos indultos poden estar no interior de o PSOE. Nunha vella garda que non parece ser quen nin de "perdoarlle" a Pedro Sánchez e os seus apoios que os derrotaban democraticamente nas batallas internas nin de entender que o seu tempo político xa pasou, polo que deberían dar un paso atrás e deixar que as novas xeracións gobernen e dirixan o partido como asi quere a maioría dos militantes e simpatizantes do mesmo.
Esperemos que tanto Pedro Sánchez como o seu goberno (PSOE/UP), a pesar do barullo levantado polos contrarios, tomen unha decisión que segundo as enquisas máis fiables ten unha boa acollida cidadá. Unha maioría cidadá que tanto entende que os indultos axudarán a avanzar na convivencia democrática e pacífica entre os pobos de España como tamén sabe que non tomar esa decisión sería un suicidio para este goberno.
Deixo á opinión dos xuristas o de se unha amnistía, que precisa de aprobación parlamentaria, sería mellor que un indulto, para o que basta cunha decisión gobernamental.
Escribe o teu comentario