As vacinas: Saúde ou negocio?

Manoel Barbeitos
Economista

O barullo político e mediático dos últimas días (a crise de Cidadáns, a convocatoria de eleccións autonómicas na Comunidad de Madrid, a candidatura de Iglesias e a consecuente dimisión do seu cargo de vicepresidente...) fixo que pasase practicamente desapercibida unha noticia moi relevante para a cidadanía. Estou a referirme a decisión do goberno español de suspender temporalmente a aplicación da vacina de AstraZeneca. Unha decisión que vén de sumar á adoptada na mesma liña polos maiores estados da Unión Europea (Francia, Alamana, Italia, Holanda, Austria, Dinamarca...). Decisións que poden poñer en risco a vida e a saúde de miles de cidadáns europeos, pois van ocasionar atrasos na vacinación.



Atrasos nun programa europeo de vacinación que xa vai moi, moi lento e a un ritmo moi desigual, polo que parece será difícil alcanzar neste ano o obxectivo da "inmunidade global". Cando redacto estas liñas a porcentaxe de persoas que na Unión Europea han recibido algunha dose das vacinas é do 13,6%, cifra que por caso está bastante por baixo da dos Estados Unidos que é do 21,3%. Cabe destacar que no interior da UE o ritmo de vacinación está a ser moi desigual e o mesmo sucede en España, con diferenzas relevantes entre as distintas comunidades autónomas (mentres en Castela León o 10,8% dos cidadáns xa recibiron a primeira dose, en Galicia o 9,7% e en Valencia o 7%)


Cabe entón preguntarse por que a xestión da vacinación non marcha como debería. Pregunta mais pertinente cando sabemos que hai as vacinas idóneas e en cantidade suficiente para vacinar a un ritmo alto e con éxito a toda a poboación. A resposta está moi clara: as patentes están a obstaculizar o ritmo e a intensidade da vacinación dificultando así alcanzar o obxectivo da inmunidade global o mais rápido posible.


A pesar dos manifestos que veñen facendo desde distintas instancias nacionais e internacionais (gobernos nacionais, UE, OMS) a realidade mostra que o proceso de vacinación móvese ao ritmo que marcan as industrias farmacéuticas mais potentes, quen a pesar dos cuantiosos fondos públicos (miles de millóns de euros en subvencións) empregados na investigación, desenvolvemento e produción das distintas vacinas manteñen, ademais da propiedade das patentes, o control oligopolista tanto da produción como da venda e distribución. Un control que utilizan para conseguir o obxectivo empresarial da máxima ganancia negociando cos Estados prezos a alza para así vender ao mellor poxador. Un criterio que choca co ben común e que explica, por caso, as diferenzas na distribución das vacinas entre o Norte e o Sur e tamén entre os estados da Unión Europea. Unha situación que levará a que millóns de persoas sigan morrendo, cando poderían seguir vivindo se fosen vacinadas, pois está claro que unha maioría de cidadáns dos países do Sur non recibirán a vacina en moitos anos: "un fracaso moral catastrófico" segundo o director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS).


A pesar diso non deberiamos botarlle toda a culpa ás farmacéuticas. Aínda que son ben coñecidas as súas estratexias egoístas e de malas prácticas, a súa falta de escrúpulos e de sensibilidade, a responsabilidade última hai que buscala na actuación das institucións públicas. Por caso, nunha Unión Europa que, antepoñendo os intereses financeiros aos sanitarios e de saúde da poboación, actuando dun modo oscurantista e mostrando unha enorme incompetencia, coloca nas mans dos axentes privados (neste caso as industrias farmacéuticas) a resposta á pandemia asinando contratos inverosímiis e moi desequilibrados. Como era lóxico esperar, aqueles sitúan no primeiro lugar os seus intereses comerciais entre os que prima o do máximo beneficio. Un interese, por caso, que a Unión Europea, fiel ao seu ideario neoliberal, non cuestiona a pesar dos cuantiosos fondos públicos empregados na investigación e desarollo das vacinas.


Neste contexto as preguntas que deberiamos facernos todos os cidadáns son, por caso, ata cando o sacrosanto dereito de propiedade (a patente) manterase intacto e á conta da vida de millóns de persoas? ata cando se seguirán utilizando fondos públicos para a investigación e desarollo de vacinas que logo serán comercializadas e distribuídas por industrias privadas que se manexasen en función do criterio de máxima ganancia? ata cando o interese privado primará sobre a saúde das persoas? ata cando a saúde cotizará en bolsa?


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE