A democracia borbónica

Manoel Barbeitos
Economista

"O xefe do Estado non pode nin debe comparecer diante do Parlamento porque sería inconstitucional. O rei é unha figura neutral politicamente" (Carmen Calvo, Vicepresidenta primeira do goberno de España)




En días pasados volvemos ter probas contundentes do que sinalaba nalgún artigo anterior sobre os déficits que aínda esconde a democracia en España. Evidencias moi relevantes, pois deveñen da xefatura do estado que, como tal, forma parte do cume institucional.


En base ás noticias que saíron estes días, xa non hai dúbidas de que desde hai bastantes anos a coroa española navega nos mares da corrupción e a fraude fiscal. Que o anterior xefe de estado finalmente optase por regularizar unha parte da súa situación fiscal deixou en evidencia que durante o seu mandato defraudou ao erario público e en cantidades nada menores. As dúbidas que quedan son de ata onde chega o nivel de fraude, durante cuantos anos practicouno e se, dados os precedentes, non estaremos diante dunha práctica común na familia borbónica. Porque de ser así a coroa española converteuse nun grave problema de estado, nun problema para a convivencia democrática en España.


Ante feitos tan relevantes cabe preguntarse por que, ben desde o goberno español ben desde poder xudicial, non se mandou á Axencia Tributaria que investigase a situación fiscal dos membros da coroa para así despexar calquera dúbida sobre a súa honorabilidade. Como ben subliña Carlos Cruzado, presidente de GESTHA, "a AEAT tiña, desde 2018, o deber de abrir unha inspección ao rei emérito, á vista dos numerosos indicios de posibles incumprimentos tributarios que se desprendían das conversacións de Corina Larsen co excomisario Villarejo publicadas nos medios, así como das conclusións da Fiscalía especial contra a corrupción e a criminalidade organizada (...) As declaracións dalgúns portavoces de que a AEAT non tiña posibilidade de actuar pódense considerar como simples escusas, pois a vía de iniciar unha inspección tributaria sempre estivo aberta xa que en ningún momento nin o Tribunal Supremo nin a Fiscalía notificaron ao rei emérito ningunha investigación para pescudar posibles delitos fiscais".


Para maior vergoña, convén engadir que a fraude fiscal do rei emérito aparece relacionada con prácticas corruptas e de lavado de diñeiro negro procedente da cobranza de comisións irregulares. Cobranzas relacionadas, por caso, co acordo entre España e Arabia Saudita para a construción do AVE á Meca, polo que o rei emérito habería percibido unha zumarenta comisión que finalizaría ingresada na conta dun banco suízo. Unha operación cuxa investigación levaría ao coñecemento de que Juan Carlos ten en numerosos paraísos fiscais contas cuxos ingresos proceden da cobranza de comisións irregulares que parecen ser unha práctica moi frecuente do anterior xefe do estado. Para maior repulsa democrática, entre as operacións comisionistas está a venda de armas a Arabia Saudita que esta tiranía está a utilizar para masacrar ao pobo yemenita, provocando unha gravísima crise humanitaria.


Caben poucas dúbidas sobre o enorme dano que este tipo de condutas fanlle a democracia española e a propia convivencia. Un dano que se pode converter nun cancro mortal se os poderes que deben garantir o cumprimento da legalidade vixente non lle poñen freo e non actúan na defensa do estado de dereito. Non está de máis lembrar o que, por caso, vén de suceder no país veciño, Francia, cun caso parecido. O que fora presidente da República Francesa (2007-2012), Nicolas Sarkozy, foi condenado a tres anos por corrupción e tráfico de influencias.


No artigo anteriormente citado sinalaba que non, non podemos afirmar que España sexa unha democracia avanzada. Aínda nos queda moito camiño por percorrer para chegar a ese destino. Un camiño que conta con moitas fochancas como estamos a comprobar por mor dunha monarquía borbónica que se considera omnipotente cando non deixa de ser un anacronismo. Un anacronismo que se está convertendo nun problema cada vez máis grande para a democracia en España. Un problema que é político, non xudicial.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress