O soberanismo move os marcos políticos

Manoel Barbeitos
Economista

Nun artigo bastante anterior escribía sobre as debilidades do soberanismo periférico español. Entre esas debilidades destacaba a súa aparente incapacidade para facer política de estado sen que, de ningún xeito,  iso tivese que supoñer renunciar aos seus obxectivos soberanistas. Unhas debilidades que lle impedían ser un axente político relevante nesta nación de nacións que é España. Noutro posterior sinalaba  como a aprobación dos Orzamentos 2021 co apoio, entre outros, dese soberanismo, abría a porta a un novo ciclo político en España á vez que consolidaba ao goberno de quenda (PSOE/UP). Pois ben, hoxe podemos dicir que, por caso, o soberanismo máis relevante (ERC, BILDU) parece querer dar ese paso adiante e que como era lóxico esperar a política española vese favorecida por tal decisión. Unha decisión que moveu os marcos e puxo moi nerviosas tanto ás dereitas españolas (PP, Vox e Cs) como a algunhas periféricas (PNV, JxCat).


Porque se o firme apoio aos Orzamentos 2021 foi moi, moi importante pois lle deu unha indiscutible estabilidade a esta lexislatura e fortaleza ao goberno de quenda (PSOE/UP) as decisións políticas posteriores dos soberanistas parecen apuntar na dirección de que estamos diante non dun movemento táctico, senón dunha aposta estratéxica. Como sucede sempre en política, só o tempo confirmará ou desmentirá esta avaliación, pero non cabe dúbidas de que as reaccións posteriores, por caso, das dereitas económicas, xudiciais e mediáticas parecen subliñar que tamén elas son conscientes da importancia destes movementos.


Se a memoria non me engana, é a primeira vez que a esquerda abertzale (neste caso  BILDU) dálle o voto positivo a unha actuación do goberno español. E non a unha actuación calquera, xa que se trataba, como sinalaba, dos Orzamentos do estado para o ano 2021. Unha decisión que saíu adiante a pesar das sacratísimas presións en contra. Un apoio que tivo continuación noutras decisións relevantes e que introduce cambios significativos no escenario político español. Cambios ampliados polo voto tamén favorable de ESQUERRA REPUBLICANA, un voto que ten un especial significado dada a situación política que se vive nunha Cataluña en vésperas electorais e con indisimulados enfrontamentos entre as forzas soberanistas. Parece evidente que a saída do escenario político catalán de determinados dirixentes independentistas está detrás desta decisión de  ER, que agora ocupa a Presidencia da Generalitat. Con menor relevancia, pero significativo, é o apoio doutras forzas periféricas como, por caso, dun sector do JxCat e de Nova Canarias, importante ambos polo seu simbolismo, Partido Rexionalista de Cantabria, Máis País,  Compromis e Teruel Existe, que vén representar á España que se desertiza e que seguramente irá incrementando a súa representación.


De que esta alianza moveu os marcos é unha clara proba a resposta das dereitas españolas a través dos seus numerosos e fortes peóns. En primeiro lugar, o sector conservador, e maioritario, do poder xudicial, que reaccionou rápido buscando romper tal alianza mediante o acoso xudicial a destacados membros deses partidos. Velaí a insólita sentenza do Tribunal Supremo ordenando a repetición do xuízo a Arnaldo Otegui polo caso Bateragune. Un caso de prevaricación e de falta de imparcialidade xudicial, tras o cal ven as claras intencións de poñer paus nas rodas ao xiro político iniciado en España e no que  BILDU vén de manifestar a súa vontade de participar. O mesmo pódese dicir sobre a reiterativa negativa do mesmo tribunal para conceder o terceiro grao aos presos cataláns do proces, condenados inxustamente, que mantén aberta a ferida do 1-Ou con Cataluña e que dificulta o necesario entendemento interterritorial. Finalmente, temos o claro enfrontamento do Consello Xeral do Poder Xudicial co Goberno en relación á súa obrigada renovación e na que o presidente Carlos Lesmes actúa coma se fose o xefe da oposición. Non hai que ser moi inxenuo para ver nestas decisións xudiciais respostas conservadoras á nova maioría de progreso. Respostas que tiran por evitar o cambio de ciclo.


Actuacións xudiciais que ven acompañadas dunha ofensiva mediática protagonizada por un amplo número de medios conservadores, que son maioría, no que aparecen destacados nas súas portadas tanto enfrontamentos internos, supostamente moi graves, entre os membros do goberno (PSOE e UP), coma se iso fose algo normal ou esperado dadas as naturais diferenzas, como recorrentes problemas xudiciais e políticos dos dirixentes do partido menor no goberno (UP), moitos deles inventados polo que acaban desinflándose por falta de fundamento. Cabe destacar o protagonismo que nesta ofensiva teñen os medios galegos en papel e moi especialmente La Voz de Galicia, que non pasa día sen que nas súas portadas non inclúa a UP como protagonista en negativo. Lamentable mostra tanto de falta de independencia como de carencia de rigor informativo.


A realidade é que o paso adiante dado polos partidos periféricos, e moi especialmente por parte de  BILDU e ERC, moveu os marcos da política española e marcou un fito que pode axudar a resolver definitivamente un dos problemas sistémicos en España como é o encaixe das comunidades históricas no estado. Queda moito por facer e as dificultades e os obstáculos para superar son moitos, dado que tal resolución esixe, entre outras medidas, de cambios constitucionais. Pero como dicía o gran poeta "faise camiño ao andar, e ao andar faise camiño para ver a senda que nunca se ha de volver pisar ".


Só cabe lamentar que neste novo ciclo político que vén de iniciar en España o soberanismo galego apareza desorientado e ausente por non ser quen de ler correctamente as claves fundamentais do momento político. Algo que si souberon BILDU e ERC. 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE