As debilidades do independentismo catalán

Manoel Barbeitos
Economista

A maior debilidade do movemento independentista catalán deriva de non ter calibrado na súa xusta medida a correlación de forzas por mor dun, cada día mais evidente, infundado e excesivo optimismo. Como senón explicar esa sorpresa diante da brutal reacción do goberno español de torno (PP) fronte ao inicial desafío independentista (DIU)?, non cabía esperar esa reacción tendo en conta que naqueles tempos eran as dereitas españolas quen gobernaban?. Unhas dereitas (PP) que ían utilizar toda a forza que permite un estado europeo como o español. Ou é que, por caso, os lideres do independentismo buscaban esa reacción esperando así incrementar tanto o seu apoio social en Cataluña como os movementos de solidariedade en España i en Europa?. Parece evidente que fora cal fora o cálculo político este resultou moi, moi errado.


O independentismo tiña que ter asumido que a súa forza é a que é, nin mais nin menos e que ademais -isto para os iluminados- o “asalto ao Palacio de Inverno” é historia, historia gloriosa, pero historia polo que intentar repetila leva ao desastre. Os repetidos resultados electorais sinalan que as tres forzas que apoian o process (JxCat, ER e CUP) teñen a maioría parlamentaria (68 de 135 deputados: unha maioría moi exigua) pero non a maioría social ou unha maioría moi precaria (47,3% dos votos electorais). Pensar en iniciar un proceso de independencia con esta correlación de forzas resulta unha temeridade de moi dubidosa xustificación dende o punto de vista democrático. Unha temeridade por que significa que o independentismo se enfronta con mais da metade do país xa que un 52,7% do electorado non apoia a súa estratexia. Pechar os ollos a esta realidade é suicida e, ademais, unha aposta moi ariscada xa que pode incubar un enfrontamento cívico moi perigoso: independentistas/non independentistas. Un enfrontamento que se está a facer real, incluso a nivel familiar, e de cuxa responsabilidade o independentismo non pode fuxir. De ningures.


Nesta visión optimista da realidade entraba, polo que se pode ver, a crenza de que o independentismo, e moito mais si o estado español respondía coa represión, ía atopar a solidariedade do resto de España e de Europa. En relación ao primeiro malamente podes esperar solidariedade dos demais cando ti non a practicas. Así puidemos comprobar como, a pesar da desmesura da sentencia contra os líderes políticos do process, as mostras de solidariedade en España foron moi cativas, de moi escaso alcance. En relación a Europa peor aínda. Recentemente tivemos unha nova proba cando o Parlamento Europeo impediulle a entrada a Puigdemont. Nin un so goberno europeo, moito menos as institucións comunitarias, os apoia. Así …. quo vadis?.


Neste relato sobre as debilidades do independentismo catalán non se pode obviar unha realidade indiscutible. Que carece de auténticos líderes a altura do reto político. Non se cuestiona a honradez e a honestidade de moitos dos dirixentes independentistas pero si resulta moi evidente a falta de lideres políticos de auténtica talla. Políticos con visión de estado e comprensión da realidade, da auténtica realidade e non da soñada. Políticos que, por caso, teñan moi claro que a actual loita pola independencia non ten nada que ver coa pasada loita antifranquista. Que non se pode converter o que debera ser unha loita social nunha loita entre independentisas e non independentistas. Políticos que teñan claro o que pode supor un enfrontamento frontal e directo con un estado europeo. Que entendan que a loita pola independencia require dunhas amplísimas maiorías política e social (nunca inferior ao 75%) e que esa independencia coa que soñan so será posible si o estado do que se queren separar asume esa demanda e acepta a posibilidade dunha separación política.


Outras das debilidades, que quedaron claramente de manifesto a semana do 14 ao 20 de outubro, é a incapacidade para controlar os actos violentos (ou, por caso, forman parte da “loita pola independencia”?). As imaxes que as televisións e os medios de comunicación, moitos deles con indisimulada fruición, estenderon por todo o mundo sobre os actos violentos dos autodenominados CDR (Comités para a defensa da república) fixeron moito, moito dano a imaxe do independentismo. E puido ser peor. Mozos/as queimando contedores, estragando patrimonio público, deixando tras deles unha desfeita urbana non axudan as causas democráticas. Barcelona e Cataluña non son así. Pero uns descerebrados (por certo, quen os dirixe?, quen os financia?) veñen de manchar inxustamente unha imaxe de xente maioritariamente demócrata e cívica. Como é posible que lideres independentistas relevantes non condenaran inmediatamente, con rotundidade e sen equívocos tales actos?


Finalmente o independentismo xa non é quen de evitar que saian a luz as lóxicas diferenzas entre organizacións políticas tan distantes como, por caso, ERC e JxCat. So a cegueira tanto do PSOE como, moi especialmente, do PP e Cs pode evitar que esas diferenzas rematen en ruptura. Pola de agora as forzas centrípetas da unidade fronte ao inimigo común son mais fortes que as forzas centrífugas. Pero, por canto tempo?. Tamén lles resultara mais difícil cada día que pase, e mais consonte a crise que se aveciña se faga mais e mais evidente, conseguir que o furor independentista sega tapando a grave crise económica e social na que Cataluña está embarcada moi especialmente polas políticas públicas que se aplican dende a Generalitat.


2738905




Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE