Orzamentos e cambio de ciclo político en España

Manoel Barbeitos
Economista

Está fóra de toda dúbida que coa aprobación dos Orzamentos 2021 abriuse en España a porta tanto a un novo ciclo como a un reagrupamento novo dos actores no escenario político español. Os datos que avalan esta afirmación son contundentes.


En primeiro lugar, estes Orzamentos veñen substituír aos que estaban vixentes (2018) e que foran aprobados durante o anterior mandato de Mariano Rajoy (PP). Son, por tanto, os primeiros orzamentos do novo goberno (PSOE/UP) que agora poderá poñer en marcha o seu programa. Uns orzamentos que presentan, entre outras, dúas características relevantes. Ser uns orzamentos expansivos cun moi forte compoñente social (o 52% do gasto público é gasto social: atención sanitaria, ensino, dependencia, desemprego…) o máis elevado da democracia marcando así un xiro nas prioridades políticas en relación aos gobernos anteriores. A outra característica é a de que foron aprobados por unha ampla maioría parlamentaria (189 votos: 54%) que ademais reflicte unha pluralidade política e territorial como nunca se deu no parlamento español (PSOE, UP, ERC, PNV, PdeCat,  Máis País,  Compromis, Teruel existe, NC, PRC). Desde a perspectiva galega cabe subliñar que entre os deputados galegos (23) foron maioría (13) os que votaron a favor dos orzamentos.


Velaí que haxa motivos evidentes para sinalar que estes orzamentos marcan un cambio de ciclo político en España e no que Galicia está presente xunto a moitos outros territorios. Cambio que está a ser recibido polas dereitas españolas e galegas con evidentes mostras de rexeitamento que se non deben resultar estrañas nun sistema pluralista si son inaceptables, desde o punto de vista democrático, polas súas formas que poñen en evidencia o auténtico talante das mesmas. A brutal ofensiva política, xudicial, militar e mediática contra o actual goberno español buscando impedir que leve adiante políticas progresistas resulta repudiable desde calquera perspectiva minimamente democrática. Unha ofensiva fronte á cal será moi necesario tanto que a actual maioría parlamentaria manteña a súa alianza por encima das lóxicas diferenzas como que se procure o apoio das maiorías sociais.


Como se está comprobando noutras medidas de progreso o camiño do cambio non será fácil. As dificultades que para a súa aprobación tivo a nova lei educativa (LOMLOLE popularmente coñecida como a lei Celaá: 177 votos a favor, 148 en contra e 17 abstencións) quen como era previsible, a pesar da súa moderación e insuficiencias, contou con o  rexeitamento frontal da comunidade educativa ligada a empresa privada e a Igrexa católica. Os continuos ataques que está a recibir a Lei de Memoria Histórica. A nula cooperación na loita contra a pandemia (actitude coa que sintan precedente na Unión Europea), poñen en evidencia que as dereitas españolas non cesarán no seu obxectivo de derrubar ao actual goberno sen importar as formas nin, moito menos, as consecuencias para a democracia e para o benestar dos cidadáns.


Con todo, se o goberno español de quenda consegue empezar o novo ano 2021 cos Orzamentos públicos aprobados (están agora pendentes do seu paso polo Senado e a súa volta ao Congreso), non cabe a menor dúbida de que a súa estabilidade avanzaría moito cara a manter unha lexislatura que pode chegar a ser histórica na democracia española. Todo dependerá de que o actual goberno sexa quen tanto de poñer efectivamente en marcha as medidas aprobadas, o nivel de execución dos orzamentos será decisivo, como de conservar o actual apoio parlamentario. Neste caso será tamén moi importante que todos eles sigan aceptando que as maiorías esixen tanto acordos como renuncias: "manca  finezza".


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE