As dereitas galegas volven doutorarse

Manoel Barbeitos
Economista

As eleccións autonómicas do pasado 12 de xullo deixaron de novo en evidencia a gran fortaleza política do PP en Galicia froito dun maioritario apoio social. Apoio que se ve favorecido pola concentración do voto conservador e que supera territorios e clases  sociais. Unhas evidencias que fan pensar que este dominio seguirá prolongándose no tempo.


Que das 11 convocatorias electorais habidas desde o ano 1981, con cambios xeracionais polo medio, a presidencia da Xunta de Galicia caese  en 8 delas nas mans deste partido (AP/PP), todas con maioría absoluta, é unha evidencia indiscutible de que as dereitas manteñen ao longo da recente historia autonómica un continuo e maioritario apoio social. Evidencia que se confirma co dato empírico de que ao longo destas catro décadas, coa excepción da primeira lexislatura en 1981, contaron cunha media de votos que superou os 700.000 (26% do censo electoral!), cos picos de 515.000 (1985) e 825.000 (1997). 


Un apoio que se reflicte tanto a nivel territorial como social. Nestas últimas eleccións autonómicas o Partido Popular foi o partido máis votado en 298 dos 313 concellos galegos (95,2%). Dato que confirma que ese apoio dáse tanto na Galicia interior como exterior, na rural e mariñeira como na urbana e que, para gran preocupación das esquerdas, tamén é moi importante entre as clases populares (velaí que, por caso, impuxésese na maior parte dos barrios das grandes cidades e en importantes vilas industriais, rurais e mariñeiras: as rías de Ferrol e Vigo, Terra Cha, Costa da Morte).


Resultado que se produce a pesar de que o Partido Popular conta nestes momentos en Galicia cun apoio institucional local moito menor que o das esquerdas, quen coas alcaldías de 6 das 7 grandes cidades e 3 das 4 deputacións son maioritarias a nivel local. Dato que ao mesmo tempo tira por terra as teses do "caciquismo" como fundamento da inclinación do voto a favor das dereitas galegas. Xa non vale este argumento!

.


Unha das claras razóns desta hexemonía é o conseguir aglutinar a maioría do voto das dereitas, o que non deixa de ser un mérito destas elites conservadoras. Que, por caso, Vox, que viña experimentando un forte crecemento en toda España, non lograse representación nestas autonómicas non deixa de ser tanto un bo dato para a democracia galega como un éxito do Partido Popular: pódese argumentar, e con certo fundamento, que a lei electoral galega que esixe un mínimo do 5% para obter representación tivo un papel determinante, pero ese condicionante alcanza a todos. O mesmo cabe dicir con relación a Cs.


Non menos importancia tivo unha moi intelixente campaña reflectida por caso no cartel electoral. Cunha publicidade que centraba a atención en Galicia (Galicia, Galicia, Galicia!) e no candidato (A. Núñez Feijóo) o Partido Popular deixou practicamente en fóra de xogo ao PSdeG-PSOE e a Galicia en Común, que non foron quen de responder a tal escenario. Só o BNG fíxoo, velaí una das razóns dos respectivos resultados.


Teñen razón os partidos da oposición cando sinalan o importantísimo papel que a favor do Partido Popular xogan a maioría dos medios de comunicación e opinión galegos. O control goebbelsiano da RTVG e o servilismo majadero da maioría de medios de información e opinión en papel suman moitos votos a favor das dereitas galegas.  Con todo, centrar todo ao éxito destas no papel dos medios non responde á realidade, dado o baixo nivel de audiencia dos mesmos e a enorme vantaxe que os populares lle sacan aos demais partidos. Pola contra, non se debería desprezar o peso que nunha gran parte da poboación galega ten hoxe un galeguismo populista e vulgar (gaita e empanada), o cal podemos ver reflectido nalgúns programas televisivos (como por caso LUAR) e que tan ben saben representar os líderes locais do Partido Popular.


Non querería finalizar este artigo sen facer referencia ás lecturas que desde determinados púlpitos mediáticos, tanto desde dentro como desde fóra de Galicia, fixéronse do resultado destas eleccións. Lecturas que converxen no tópico da Galicia distinta por conservadora. Tales altofalantes e expertos interlocutores parecen esquecer que desde os anos oitenta, co final do "felices trinta" (1945-1975), o pensamento conservador domina en todo o occidente grazas tanto ao auxe do neoliberalismo como a conversión da vella socialdemocracia ao socialliberalismo. Por favor, repasen a historia política de occidente e verán que Galicia non é tan diferente.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE