Aberto por vacacións

Rodrigo Brión Insua

Encántame o meu traballo. É algo que non pode dicir todo o mundo e eu son parte dese pequeno estrato da poboación que non rehúye a súa xornada laboral. Encántame aprender sempre algo novo, indagar nas cousas que me son estrañas, sorprenderme con todo o que descubro ao longo do día, celebrar cada visita ás moitas noticias que a diario compoñen este medio pequeno pero peleón. Cada día é unha batalla na que nos enfrontamos a moitas penas e non tantas alegrías, aínda que sempre tratamos de darlles todos os enfoques posibles. Con todo, no verán adoitámonos enfrontar a un rival dificilmente sorteable: a monotonía.


En vacacións o xornalismo faise, se cabe, un pouco máis complicado. A pesar de que este é un servizo 24 horas, é certo que no verán ás veces hai que perseguir a noticia en moitas ocasións. Pero durante o estío os políticos vanse de vacacións, a xente está na praia facendo castelos de area e os xornalistas que quedamos de garda estamos trepanándonos os miolos en busca de algo zumarento sen morrer derretidos no intento. Porque cando ven no informativo por décimo séptima vez en tres días as recomendacións sanitarias para loitar contra a onda de calor non crean que é porque a porcentaxe de avoas que sentan á fresca vestidas de negro e con 42ºC á sombra crecese exponencialmente, senón porque, a verdade, ás veces non hai moito que contar máis aló do bo que é beber auga e consumir tres pezas de froita ao día.


Con todo, é certo que este vai ser un verán atípico. O maldito coronavirus teranos a moitos pendentes da última hora, de se crecen ou non as cifras, de se hai novos brotes como os que se están reproducindo de forma case constante nun punto e outro da península e nos “territorios de ultramar” ou se algún dos miles de investigadores de todo o mundo está un pouco máis preto da tan ansiada vacina. Co fin de facernos o verán un pouco máis fácil a todos e que non teñan que andar pendentes das nosas alertas diarias, a miña recomendación é que usen a máscara, non celebren na rúa a permanencia de Celta, Dépor e Lugo (imos, que se pode!) e traten de manter a distancia de seguridade sempre que lles sexa posible. Son recomendacións sinxelas e que todos podemos seguir co fin de que eu non teña que estar a botar contas sobre se fan falta máis camas de UCI e poida centrarme na última fichaxe de nome impronunciable do Obradoiro.



Doutra banda, e aínda que talvez abuse da súa confianza pedíndollo, estas vacacións teñan moito ollo na estrada, non se lancen ao mar nin á piscina desde un balcón ou outra altura nin facendo poses estrañas e non tenten librarse vostedes por conta propia do niño de velutina que acaban de atopar nunha matogueira preto da súa horta, que para iso hai profesionais que se encargan de librarnos desa praga. E por favor, por favor pídollo, teñan coidado coas fogueiras, os cigarros, a queima de restrollos… coidado cos pirómanos, que nesta semana xa reportamos suficientes incendios –case todos apuntan a que foron intencionados– como para pasarnos o verán na redacción buscando columnas de fume no horizonte. Temos un gran e verde país. Que siga sendo así no outono, cando non haxa que buscar noticias. Ata entón, o que xurda irémosllo contando aquí. Permanecemos abertos por vacacións. 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE