Galicia vota en clave galega

Manoel Barbeitos
Economista

Poucas veces un resultado electoral permitiu unha lectura política tan fácil como estas eleccións galegas de onte, 12 de xullo. Por esta razón resulta moi sorprendente que haxa dirixentes políticos que sexan incapaces de facer as oportunas lecturas.


Por caso, foron unhas eleccións que confirmaron unha vez máis que cando se trata dunhas eleccións autonómicas, Galicia vota en clave galega, diría máis, en clave galeguista. Velaí que os resultados sexan moi diferentes segundo que clase de convocatoria trátese: xenerais, autonómicas e locais. Unha evidencia que, por caso, tira por terra o falaz argumento de que os/as galegos/as votan sempre aos mesmos/as. Que tanto o Partido Popular (PP) como o BNG teñan claro esta visión política dos/as galegos/as explica en gran parte os seus resultados.


Parece indiscutible, aí están os resultados, que o Partido Popular (PP) é quen mellor entende esta vocación dos galegos. Por se non fosen suficientes as evidencias de que con estas últimas eleccións serán catro as convocatorias sucesivas que o Partido Popular (PP) gañe con maioría absoluta presentando ao mesmo candidato (A. Núñez Feijóo) está o feito empírico de que na historia da autonomía, se a memoria non me falla, o Partido Popular (PP) só presentou tres candidatos (Fernández Albor, Fraga Iribarne, Núñez Feijóo) algo que non sucede en ningun outro partido. Candidatos que sempre puxeron por diante a súa condición de galegos. Poida que a moitos este argumento parézalle falaz pero non está de máis lembrar que Albor, Fraga e Feijóo sempre fixeron fincapé, aínda que só fose a nivel de propaganda, a súa condición de galegos, de políticos galegos por diante da súa realidade de dirixentes do Partido Popular. Unha estratexia totalmente exitosa como de novo vimos de ter a proba cando o Partido Popular (PP) consolida a súa maioría absoluta logo dunha campaña onde aparece Galicia como referencia política, mentres as siglas do PP estaban practicamente desaparecidas. A. Núñez Feijóo revalida a súa maioría absoluta ofrecéndose como un líder galego a pesar de conflitos relevantes, como o da sanidade, os maiores, a Mariña lucense, Verín... Por outra banda, ao longo de todos estes anos, o Partido Popular de Galicia vén confirmando que se trata dunha familia sociopolítica cuxa forza está tanto no seu fiel electorado (por encima dos 650.000) que nos seus líderes. Empeñar, por parte das esquerdas, en que a súa forza está no caciquismo, é un gran erro cando neste momento as esquerdas teñen moito máis poder institucional a nivel local que as dereitas.


Quen, por razóns lóxicas, ten isto claro é o Bloque Nacionalista Galego (BNG). A desfeita de EN MAREA deixaralles practicamente todo o campo galeguista. Un agasallo que soubo aproveitar. Apoiándose nunha magnífica candidata (Ana Pontón), moderando o seu discurso para atraer aos desencantados cos políticos de EN MAREA, e capitalizando o seu traballo previo a parlamenta, o BNG sacou un resultado magnífico. Un resultado (19 deputados) que deixa a bastante distancia á terceira forza (PSOE: 15 deputados) e que lle vai a permitir exercer o liderado da oposición na lexislatura próxima. Con todo, non debería emborracharse con este resultado, e se realmente quere chegar a gobernar, e moi especialmente conseguir a Presidencia da Xunta de Galicia, terá que revisar algúns dos seus postulados, renovar algúns dos seus liderados, incrementar a presenza feminina nos postos directivos e abrirse con xenerosidade e visión política aos sectores do galeguismo que, por razóns diferentes e algunhas ben fundamentadas, aínda desconfían do seu liderado.


A situación do Partido Socialista (PSdeG-PSOE) non é para ser optimista. Cun dos peores resultados da historia, sendo superado, por segunda vez consecutiva, por outra forza das esquerdas, o futuro inmediato non parece claro. A primeira conclusión, confirmada despois de escoitar a Gonzalo Caballero as explicacións dos resultados obtidos, é a de que este PSdeG-PSOE segue sen entender que as eleccións autonómicas en Galicia celébranse en clave galega porque así o quere a gran maioría do electorado galego. Resulta significativo, e debería preocuparlles aos seus dirixentes, que a mocidade galega pareza hoxe simpatizar máis cos postulados do BNG que cos do PSdeG-PSOE. Haberá que estar a espreita das reaccións e decisións que tomen os seus dirixentes. A experiencia histórica debería ensinarlles que as solucións pasadas non son as mellores, nin moito menos.


A desfeita de Galicia en Común (UP) vén confirmar aquel vello devandito de que "Roma non paga traidores". Tamén podiamos repetir a sentenza que vén de facer Iñigo  Errejón referíndose a actualidade de Podemos: "Aquilo xa non existe, agora chámase UP e ten os resultados de sempre de EU". A procura de non se sabe ben que obxectivo político, que non fora o soamente persoal, sen sinais de identidade, os directivos e dirixentes desta organización desde o día seguinte ás eleccións autonómicas do 2012 veñen esnaquizando todo o que atopan ao seu paso, velaí o que pasou con EN MAREA en cuxo desfeita tiveron unha gran responsabilidade, dando unha imaxe de cainismo e falta de proxecto político que vén de finalizar situándoos na marxinalidade, sen presenza no Parlamento galego, despois de conseguir 14 deputados nas eleccións do 2016. Por perder ata perderon o seu referente municipalista como proban os pobrísimos resultados obtidos, por caso, en Compostela e A Coruña.


Como reflexión final chamar a atención sobre o elevado nivel de abstención (41%) que se pode xustificar en grande parte polo impacto provocado pola pandemia que, sen dúbidas, fixo que moitos posibles votantes optaran por absterse. Con todo, moi especialmente se as esquerdas queren darlle a volta á actual situación, sería importante que se conseguise un maior nivel de participación que ao tempo daría máis forza social e política á autonomía galega.


Sintan cómodos, que a travesía vai para longo.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE