O escenario político español e a opinión cidadá

Manoel Barbeitos
Economista

Se facemos caso das enquisas que, segundo as experiencias habidas, aparecen como máis fiables, o goberno español das esquerdas (PSOE/ UP), a pesar do dificilísimo transo no que lle toca gobernar, goza de boa saúde. Así, de ter lugar hoxe unhas novas eleccións xerais tanto PSOE como UP sumarían practicamente os mesmos escanos (152 fronte aos actuais 155) e pasaríalle o mesmo ás dereitas (PP,  Vox,  Cs) que pasarían de 155 escanos a 151. Teniendo en cuenta os resultados previstos para o resto de partidos a situación, de confirmarse estas enquisas, permanecería practicamente igual.


Uns  vaticinios que parecen confirmar que a maioría da cidadanía dos pobos de España é moi consciente da gravidade e excepcionalidade da situación que estamos a vivir e de que, a pesar dos erros e os fallos, moitos dos cales son lóxicos e seguramente inevitables, este Goberno das esquerdas (PSOE/ UP) é a mellor ou menos mala das opcións posibles de goberno. Seguramente que moitos cidadáns entenden que un goberno desta natureza, sen precedentes anteriores na democracia  postfranquista, é inevitable que cometa erros, mesmo que teña meteduras de pata. Pero logo da nefasta xestión das dereitas españolas (primeiro con J.M. Aznar, logo con M. Rajoy) non resulta sorprende que lle concedan unha ampla marxe de confianza.


Moito máis cando se é consciente da dificilísima situación que a todos tócanos vivir e a estas esquerdas gobernar. Non existen experiencias recentes ou próximas nas que un goberno europeo tivese que gobernar baixo unha dobre crise provocada por unha pandemia e unha recesión económica. Unha pandemia de orixe practicamente descoñecida, que obriga a paralizar a produción e a distribución pola necesidade de implantar unha corentena, un estado de alarma, para así conseguir evitar unha propagación do virus que sería demoledora. Non cabe dúbida de que unha maioría da poboación entende a gravidade da situación e móstrase comprensiva, a pesar das molestias, coas decisións adoptadas polo goberno español, mesmo cos seus erros. Moito máis cando vai comprobando que esta pandemia cabalga sobre unha nova recesión económica cuxa responsabilidade hai que adxudicarlla aos gobernos anteriores e as súas políticas austericidas.


Unha cidadanía que, s atendemos a estas enquisas, é consciente de que o Goberno español das esquerdas (PSOE/ UP) está a poñer en marcha unha serie de medidas laborais, sociais, fiscais... que buscan paliar, na medida do posible, o impacto que sobre a actividade, o emprego e os ingresos ten a parálise provocada pola pandemia. Medidas que, pola súa extensión e intensidade, non teñen precedentes na democracia española e que, resulta indiscutible, teñen aos colectivos máis castigados pola pandemia como obxectivo prioritario de atención. Seguramente a este goberno pódeselle acusar de lentitude, de ser algo tardío na reacción, de fallos na coordinación, de jacobino, etc., críticas xustas e merecidas, pero tamén resulta indiscutible o seu vontade de dar prioridade aos colectivos máis afectados (familias, autónomos, pequenos empresarios, comerciantes polo miúdo) e con menos recursos.


Tamén resulta evidente que a maioría da cidadanía é consciente, de que a oposición política, como por caso o PP, Vox, Cs e JxCAt, está a adoptar unha postura belixerante que non ten parangón nos estados europeos da nosa contorna: velaí a exemplar conduta da oposición portuguesa. Unha oposición que neste transo tan difícil para todos, non axuda e que parece crer que "canto peor para todos mellor para nós". Unha oposición absolutamente irresponsable e que, con toda seguridade, de seguir por ese camiño, pagarao electoralmente.

Neste escenario cabe lamentar que as árbores da política partidista impídanlle , a algunhas organizacións democráticas soberanistas (ERC, BNG,), ver a selva que se esconde detrás e que se faría visible no caso de que o actual goberno de esquerdas (PSOE/ UP) fose derrotado. Algo que, con todo, si parece ver unha maioría de cidadáns dos pobos de España.


A pesar disto, este indiscutible apoio cidadán debería tamén servir para que os partidos que conforman o actual goberno español (PSOE/ UP) deixando atrás vellas tendencias jacobinas non esquecesen quen son os seus auténticos apoios e que, como tales, deben ser recoñecidos politicamente atendendo a moitas das súas reivindicacións por ser moi xustas e lóxicas. A súa continuidade dependerá, e moito,  de que non deixen de telo presente e de que, como fixo Odiseo na súa volta a Itaca, non escoite falsos e traidores cantos de sirena.

.

Os cidadáns estamos a espreita.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE