A esquerda híbrida

Manoel Barbeitos
Economista

Como se puido comprobar nas últimas eleccións xerais, GALICIA EN COMÚN non é quen de recoller todo o apoio electoral que no seu día recibiu EN MAREA. Un retroceso que o 5A, por tratarse dunhas eleccións autonómicas, aínda pode ser maior o que, de confirmarse, situaríaa no escenario político galego nunha posición claramente menor.


Por distintas razóns GALICIA EN COMÚN non vai ter fácil a súa localización no espazo electoral das esquerdas galegas. En primeiro lugar porque se vai a atopar encajonadas entre dous partidos (PSdeG-PSOE e BNG) que están a alza e seguramente superarán con claridade os resultados das autonómicas anteriores (2016). Localización difícil tamén porque parece evidente que para o galeguismo de esquerdas non son, de ningunha maneira, un referente, a pesar da incorporación a última hora de ANOVA. Non menor dificultade de encaixe supón a falta dun programa propio que, por caso, si encaixa coas propostas do goberno español pero de maneira autónoma: “unha axenda galega”.


Unha carencia que lles leva a priorizar como eixo programático o seu papel na cara social do novo goberno español. Unha axenda que ten un moi curto percorrido por mor de que o real peso político de  UP en leste, como se verá con claridade nos Orzamentos para o 2021, é moito máis reducido do que tentan vender. Por estas evidencias os réditos electorais de estar no goberno serán claramente menores dos que parecen esperar os dirixentes de GALICIA EN COMÚN.


Tampouco cabe esperar grandes réditos electorais das autodenominadas mareas  municipalistas. En primeiro lugar porque son moitas menos das que se quere facer ver, pois  circunscríbense a Ferrol en Común, Marea Atlántica e Compostela Aberta. En segundo lugar porque, como quedou claramente de manifesto nas últimas eleccións locais, a perda de apoio social foi moi grande e significativa.


Non menos importancia, neste repaso polas debilidades de GALICIA EN COMÚN, ten a súa carencia de referentes políticos nacionais como,  por caso, sucede co Partido Popular (Alberto  N. Feijóo) e mesmo co Bloque Nacionalista Galego (Ana Pontón) e o PSdeG-PSOE (Gonzalo Caballero). Sen referentes contrastados e suficientemente coñecidos en toda Galicia e sen un programa propio esta organización política afronta as eleccións autonómicas nunha clara posición de desvantaxe con relación aos seus rivais nas esquerdas: PSdeG-PSOE e BNG.


A pesar diso, no outro brazo da balanza, GALICIA EN COMÚN pode presentar algúns  activos políticos a ter en conta. En primeiro lugar a marca PODEMOS que, estando moi lonxe do 15M, aínda mantén un importante tirón electoral, especialmente entre a mocidade galega con titulación superior pero desencantada tanto do PSdeG-PSOE como do BNG. En segundo lugar porque un sector relevante dos traballadores galegos, moi especialmente dos ligados a unha rama do movemento sindical (CCOO), mantén como referente político a Esquerda Unida e, por tanto, a GALICIA EN COMÚN. O mesmo sucede cos restos da vella familia comunista: paradoxos da historia, podemitas e comunistas xuntos! O  vertixe da marxinalidade fai estraños compañeiros de viaxe. Queda por ver a achega electoral de  ANOVA a esta coalición que pode ser notable e nivel dalgunhas localidades pero moi menor a nivel galego. Claro que cando a colleita é pequena calquera gran suma.


Estes argumentos lévanme a apostar porque, como subliñan a maioría das enquisas electorais, GALICIA EN COMÚN terá a súa presenza no Parlamento galego. Outra cousa distinta é o que puido ser e non será, pero isto entra dentro do campo das especulacións, aínda que non deixará de ter a súa importancia logo das eleccións autonómicas tanto na ocupación final dos espazos no novo escenario político como, de producirse a vitoria das esquerdas, na repartición de responsabilidades de goberno.


Poida que entón moitos lles pregunten para que serviu a ruptura de En Marea: 271.500 votos e primeira forza das esquerdas galegas no 2016.


2 Comentarios

1

certeira e sintètica, ademàis de triste, realidade

escrito por Carlos Neira 09/Mar/20    14:34 h.
2

certeira e sintètica, ademàis de triste, realidade

escrito por Carlos Neira 09/Mar/20    14:34 h.

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE