A socialdemocracia galega a procúraa dunha identidade perdida

Manoel Barbeitos
Economista

Como vén sucedendo nas últimas décadas unha das incógnitas máis decisivas nas próximas eleccións autonómicas será cara a onde se inclinará finalmente o voto maioritario de as clases traballadoras galegas, especialmente nas rendas máis baixas. Incógnita que xorde polo feito indiscutible de que o PSOE deixou hai tempo de ser “o partido das clases traballadoras”.


Difícil adiviñalo, pero non nos equivocaremos en demasía se afirmamos que esta esquerda “brahmánica” perdeu moito do voto obreiro para gañalo nas clases traballadoras tituladas (véxase, por caso, a composición das listas electorais). A dimensión deste transvasamento vai decidir o resultado final que obteña o PSdeG-PSOE. Parece evidente que un sector relevante das clases traballadoras galegas, as máis castigadas polas políticas públicas de austeridade fiscal e rebaixa salarial, culpabilizan tanto aos socialdemócratas como os liberal-conservadores da súa situación. Neste marco as dúbidas sobre o voto final están na capacidade que teña o PSdeG-PSOE para convencer a este sector do electorado da súa sinceridade cando asegura, por caso, que quere reverter a demolición dos servizos públicos básicos e poñer ao emprego e o benestar social como prioridades da súa acción política de goberno.


Difícil tarefa pero non imposible. Difícil porque o exemplo do goberno español (PSOE/ UP) non vai ter moito impacto electoral, dado o escaso tempo transcorrido desde a súa formación e a carencia duns Orzamentos Públicos propios non permiten verificar o prometido cambio de prioridades. Tampouco axuda a calculada ambigüidade que destacados/as membros/as do goberno español están a manter con relación, por caso, a temas tan decisivos como a fiscalidade e as relacións laborais.


Non menos relevante será a capacidade que despregue o PSdeG-PSOE para convencer á cidadanía galega, especialmente a que se identifica co galeguismo político non radical, de que as necesidades do goberno central (PSOE/ UP) de contar co apoio parlamentario das forzas nacionalistas vascas e catalás non vai carrexar privilexios fiscais e orzamentarios para aqueles territorios en prexuízo do resto de pobos de España. Un argumento que será prolijamente utilizado tanto polo Partido Popular (PP) como polo propio BNG.


Outro interrogante non menor é cal será a orientación do voto maioritario nas grandes vilas que, por caso, contan con alcaldes ou alcaldesas socialdemócratas (Vigo, Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo). As experiencias históricas subliñan que, por mor entre outras razóns do acusado personalismo destes e estas edís e tamén de vellas rivalidades, non hai unha osmosis asegurada entre os votos das diferentes contendas electorais. De non conseguir Gonzalo Caballero un firme e efectivo compromiso solidario dos gobernos municipais destas vilas, o seu partido (PSdeG/PSOE) experimentará un importante retroceso no apoio electoral.


Será tamén importante a decisión que adopte a mocidade galega. Unha mocidade á que, por caso, prometéuselle no seu día que un título universitario garantiríalles un futuro profesional e familiar estable, de maior riqueza e patrimonio. A realidade coa que se atoparon e seguen atopándose é moi, moi diferente: desemprego de longa duración, precariedade laboral, emigración.... Será quen o PSdeG-PSOE de convencer a esta mocidade de que a culpa é só do Partido Popular (PP) e de que con eles no goberno cambiará radicalmente a situación? Esquecerá esta mocidade que as políticas austericidas empezaron coas socialdemocracias nos gobernos?


Queda no aire a orientación do voto dos/as pensionistas galegos/as, que son unha maioría cada vez máis grande nos núcleos rurais. Que decisión tomarán o 5A? As experiencias parecen conducir a pensar que neste colectivo hai unha certa inercia a votar por quen goberna. Queda lonxe aquela crenza maioritaria de que eran os socialdemócratas quen garantía as pensións públicas. Nas últimas décadas parecía que nun sector amplo de pensionistas galegos houbo unha clara reversión do voto para as dereitas. Ata onde chega? Velaí un dato importante.


A pesar de todas estas dúbidas, pero favorecido polos enormes erros do resto das esquerdas galegas, o PSdeG-PSOE seguramente será a opción máis votada neste lado do escenario, aínda que quedará lonxe do resultado que consiga o PP. Un resultado que no mellor dos casos fará necesarios os apoios do BNG e UP para poder gobernar. Uns apoios que, loxicamente, non serán gratuítos nin serán garantía dun goberno sólido e estable. Unha circunstancia que tamén será estruendosamente utilizada na campaña electoral por parte de A. Núñez Feijóo, quen acudirá con reiteración a denigrar a experiencia do bipartito (PSdeG-PSOE/BNG).


Xoga tamén a favor desta socialdemocracia e do conxunto das esquerdas galegas o  indiscutible desgaste tanto da actual Xunta de Galicia (PP) como do propio A. Núñez Feijóo. O próximo 5 de abril comprobaremos ata onde chega ese desgaste. Tamén comprobaremos se o PSdeG-PSOE foi quen de conservar unha parte relevante dos votos que obtivo nas xerais do 2019.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress