Ai Señor, canto sufrimos os pobres!

Manuel Fernando González Iglesias

O da Seguridade Social a Euskadi leva demasiados anos atrasándose a pesar de que o Estatuto de Guernica o deixara claro. Son daquelas cousas que os diferentes gobernos de España negociaron mal e que logo tentaron dilatar porque había algo que aos inquilinos de Moncloa non lles gustaba. Falando alto e claro: sufrían moito dunha especie de virus de arrepentimento centralizador sobre o historicamente prometido.


O portavoz do PNV no Congreso dos Deputados, Aitor Esteban


A chamada España das autonomías era un sistema moi avanzado ao seu tempo que nos facía soñar aos federalistas nun Estado plurilingüe, de convivencia fácil no multinacional porque todos acabariamos tendo un similar nivel de vida. Non resultou así, máis ben todo o contrario, e tan só quédannos do tento escintileos como o das pensións vascas que, de moi de cando en vez aparecen no ceo político como consecuencia de trueques oportunistas entre os partidos, que nada teñen que ver co proxecto inicial e moito menos co actual valor que os independentistas lle dan ao autonomismo ou a acción descentralizadora do inquilino da Moncloa de quenda. Como o PNV é un valor seguro.


O tempo, que todo o dilúe ou transforma, debúxanos, agora mesmo, unha paisaxe distinta ao que supuxeron os Pais da Constitución e os líderes dos partidos que a propiciaron. E iso é unha rémora insuperable. Por iso, os listos do momento atrévense a dicir e din que o Estado é un suxeito abxecto, antidemocrático e quedan tan panchos.


Mesmo este traspaso froito da perseveranza do PNV, apróbase cando a xeración da Transición está en idade de pensionar ou pensionando xa, o cal lles deixa coa dolorosa incerteza de se o que lles convén é que a pensión merecida e xa cotizada con traballo e honradez durante tantos anos páguella o goberno de Sánchez ou o de Urkullu. Aquí o que interesa é saber quen dos dous ten máis aguante financeiro mentres o suxeito pensionado viva para poder cobrar. En Catalunya, por exemplo, pensar que o goberno Torra poida chegar a gozar desa prebenda é sinceramente pouco estimulante, mesmo para os propios xubilados de a Estelada, que cho confesan polo bajini se che teñen confianza e estás a tomar unha Voll Damm con eles. Para que vexan vostedes os estragos que causa o tempo.


Ai Señor, canto sufrimos os pobres!

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE