Pontón: “Para que cambie realmente a Xunta, ese cambio teno que liderar o BNG”


“Se o pesadelo de Arrimadas é que o BNG goberne, fagámolo realidade”, di animosa a candidata do Bloque nesta entrevista en Galiciapress, a primera das conversas con candidatos que publicará este xornal. E é que Ana Pontón (Sarria, 1977) vese con forzas para superar a Gonzalo Caballero, a quen acusa de fuxir do debate co Bloque. De chegar á presidenica, promete que o primeiro que fará será derrogar a lei que limitou o ensino en galego. A situación de Ferroatlántica, Alcoa e Alu Ibérica; a crise no agro, a marcha de Villares e a investigación de PEMEX son outros puntos da entrevista, ademais da súa recente maternidade.


|

“Se o pesadelo de Arrimadas é que o BNG goberne, fagámolo realidade”, di animosa a candidata do Bloque nesta entrevista en Galiciapress, a primera das conversas con candidatos que publicará este xornal. E é que Ana Pontón (Sarria, 1977) vese con forzas para superar a Gonzalo Caballero, a quen acusa de fuxir do debate co Bloque. De chegar á presidenica, promete que o primeiro que fará será derrogar a lei que limitou o ensino en galego. A situación de Ferroatlántica, Alcoa e Alu Ibérica; a crise no agro, a marcha de Villares e a investigación de PEMEX son outros puntos da entrevista, ademais da súa recente maternidade.


Ana Pontu00f3n entrevista

Ana Pontón recibiu a Galiciapress en el Parlamento de Galicia | EP


Luis Villares anunciou onte que deixa a política. En Marea non sabe a estas alturas se se presentará. Primeiro, cómo valora a figura de Villares?


Deséxollo o mellor no personal e no profesional. Foi unha honra poder reencontrame con el, despois de moitos anos coñecéndonos na universidade, compartindo debates, encontros e tamén desencontros como é lóxico en forzas políticas distintas. Viviu momentos convulsos e e iso deixa pegada. En todo caso, é evidente que a Xustiza recupera un bo xuíz.


Visto o visto, aínda que Villares non militara daquela no Bloque, cree que a realidade confirmou, pasados os anos, que os que se marcharon do BNG en Amio equivocáronse? Deberían volver?


Non me gusta ese tipo de dicotomías. O BNG tomou as súas decisións lexitimamente e outros tamén lexitimamente decidiron recorrer outros camiños. O que está claro é que o Bloque é a casa común de todos os nacionalistas e nós temos as portas abertas á xente que queira traballar un proxecto sen ataduras, dirixido dende Galicia. O BNG é unha forza á alza que gaña prestixio social e electoral. E isto é bo, porque cando o BNG está forte a Galiza vaille ben.


Todas as enquisas sitúan ao BNG como terceira forza política, algunha incluso con opcións de adiantar ao PSdeG, con 14 deputados fronte a 16 do PSOE. Como valora estes inquéritos?


Con moita cautela, sobre todo na translación que despois fan na ‘cociña’, para calcular o número de escanos. Sirven iso sí para ver tendencias. A tendencia que vemos na rúa e nos últimos procesos electorais é que o BNG é a forza que máis sube en Galiza. Con esa fortaleza saimos a por todas. Queremos liderar o cambio político. Todos os galegos e galegas coinciden con nós en que para que haxa un cambio real de políticas, ese cambio teno que liderar o BNG.


Daquela o electorado de esquerdas pode confiar que votando ao Bloque haberá pacto co PSdeG para evitar que o PPdeG siga gobernando a Xunta?


Ningún galego ou galega dubida que se o 5 de abril Feijóo non ten maioría absoluta vai haber un goberno alternativo. Dende logo, polo BNG non vai ser.


Ben, xa estamos logo en San Caetano daquela …


Non hai que poñer o carro antes dos bois. Hai que facer a campaña aínda.


Pero se Ana Pontón se senta no Consello da Xunta, sexa presidenta ou vicepresidenta ou conselleira, cal vai ser a primeira medida que propoña?


Nós presentámonos para ter a presidencia. A primeira medida que podo dicir faría sería derrogar o decreto da vergoña, que sitúa ao galego como unha lingua de segunda.


E tendo en conta as críticas sociais que suscitou o chamado Decreto do Plurilingüismo, como valora que Vox ataque a Nuñez Feijóo cualificándoo de nacionalista galego?


É un exemplo máis do istrionismo que usa a extrema dereita para chamar a atención, intentando crear un espazo aquí, facendo declaracións que rozan o ridículo. Se algo é Feijóo é un españolista.


Feijóo prometeunos que esta era a lexislatura do rural e está sendo a lexislatura da desfeita do rural. A Xunta e o PP teñen moita responsabilidade no declive, case diría que desaparición forzosa, do sector agrario.

A actualidade política a nivel estatal está marcada polas movilizacións do agro. En Galicia, os gandeiros do leite empezan tamén a protestar polos prezos. A clave sigue sendo a dos prezos mínimos, que os sucesivos gobernos din que non poden fixar debido as normas da UE. Cal é postura do BNG ao respecto?


En primeiro lugar, Feijóo prometeunos que esta era a lexislatura do rural e está sendo a lexislatura da desfeita do rural. A Xunta e o PP teñen moita responsabilidade no declive, case diría que desaparición forzosa, do sector agrario. Galiza, sen un rural vivo, perde parte da súa esencia e un sector económico no que temos moitísimo potencial.


Cal é problema logo para non sacar rédito a ese potencia?


Dende Galiza non se quixo liderar unha política para garantir prezos xustos e recuperar a producción agraria e gandeira, acompañado dun proceso de transformación deses productos. Acabaron con todas as medidas modernizadoras que puxera en marcha o conselleiro Suárez Canal, que apostou por uns contratos homologados a nivel galego ou impulsar o banco de terras. De dez anos de desleixo temos estas consecuencias, que se poden reverter se hai vontade política.


Creo que presentan o día 29 o seu programa electoral …


Ben, o 29 imos presentar os grandes eixos programáticos. A presentación do programa vai ser más dosificada.


En todo caso, pode adiantar algunha medida para paliar esa crise do rural?


Apostamos por contratos homologados que defendan os prezos xustos para os productores. Recuperar as mesas do leite e do viño que había no noso país. Facer unha gran aposta pola transformación, que non só vendamos leite senón que transformemos moito máis. Apostar pola innovación e tamén é importante recuperar o banco de terras, que tivo un impulso moi forte cando Suárez Canal e nesta década de PPdeG o único que fixo foi esmorecer. Non porque non teña futuro senón porque a Xunta non ten ningún proxecto real para o rural, máis alá da súa desaparición. Ningunha sociedade desenvolvida renuncia á produción de alimentos de calidade. Só temos que ver o que pasa nos país da UE, miremos a Francia, Alemania e Holanda que apostan por unha base productiva agraria forte. Nós non podemos permitir que Galiza quede marxinada nese deseño.


Outro sector en crise é o da industria electrointensiva. Ferroatlántica cualificou de insuficiente o borrador de axudas publicado hai unha semana. Alu Ibérica advertiu onte que estaban en perigo os empregos salvados no seu día en Alcoa A Coruña. En Alcoa San Cibrao siguen coas mobilizacións. Garantir un sistema que permitise a supervivencia destas fábricas é un dos puntos do pacto que vostede asinaron para investir a Pedro Sánchez. Son dabondo as medidas anunciadas ou son insuficientes, como din empresas e traballadores?


Hai que melloralo e acompañalo doutras medidas, como aumentar as compensacións por CO2 e poñer plans para que crezan eses sectores. Nisto tense que implicar tanto o Goberno central como a Xunta, que ten a súa cuota de responsabilidade na crise das industrias electrointensivas.


Por exemplo, Ferroatlántica. Dende a Xunta nunca se condicionou a titularidade das concesións das centrais hidroeléctricas a que a empresa mantivese o emprego. Todo o contrario, tomou decisións que claramente favoreceron a Villar Mir. Ese empresario, imputado por corrupción en casos que tocan ao PP e que parece que ten unha relación non moi clara con ese partido.


O goberno actuou nunha operación que está a ser investigada por corrupción. Temos a corrupción instalada dentro da Xunta. É moi grave e merece que o presidente da Xunta dea explicacións no Parlamento sobre PEMEX

Falando de sospeitas de corrupción, está o caso da detención de Emilio Lozoya, expresidente de Pemex. Feijóo dixo que foi un tema con Brasil e que nada ten que ver con Barreras …


Sen embargo agora mesmo a investigación estase apuntando a Barreras e sinalan algúns xornais mexicanos que pode ter implicacións para altos cargos da Xunta como a secretaría xeral de Comunicación, Mar Sánchez Sierra. Nós cremos que Feijóo debe comparecer ante o Parlamento para que explique este escándalo.


Ten que explicar primeiro a mentira. Foi todo propaganda electoral que quedou en case nada fronte ao prometido. Segundo, porque o goberno actuou nunha operación que está a ser investigada por corrupción. Temos a corrupción instalada dentro da Xunta. É moi grave e merece que o presidente da Xunta dea explicacións no Parlamento antes de que poidamos valorar máis este caso.


O argumento de Caballero de que el é o único con posibilidades de arrebatarlle a presidencia a Feijóo … eu pediríalle un pouco de prudencia porque aínda non votamos.

O socialista Gonzalo Caballero quere un cara a cara con Feijóo. A TVG propuxo xa un debate entre todos os candidatos. E vostede?


O importante é que haxa debates. Nós sempre propuximos debates en base á pluralidade. O argumento de Caballero de que el é o único con posibilidades de arrebatarlle a presidencia a Feijóo … eu pediríalle un pouco de prudencia porque aínda non votamos. Todos somos presidenciables. Espero que PP e PSOE non fuxan dos debates co BNG porque parece que os dous coinciden en querer un formato no que nós non estemos. A sociedade galega é plural e non se pode reducir ao bipartidismo. Nunca Galiza foi bipartidista. O PSOE equivócase querendo reducir o pluralismo político nos debates.


Como lle queda o corpo escoitando a Arrimadas alertando dun pesadelo no caso de que os nacionalistas toquen poder na Xunta?


Pois se ese é o seu pesadelo, fagámolo realidade. Seguro que é moi motivador para unha parte do electorado galego.


Esta é a pregunta que lle fará todo o mundo. Como afronta personalmente esta campaña electoral, cando acaba de dar a luz unha filla hai nada?


É un intre de moita felicidade no persoal. Ter unha filla é unha sensación única, dun amor que medra cada día. É unha situación nova que require pensar a campaña doutra maneira e outros tempos. Segundo vaia gañando intensidade a campaña, vai ser necesario un maior equilibrio. Todo isto reforza a miña convinción de que a conciliación e a corresponsabilidade teñen que ser elementos centrais de calquera goberno. Eu son unha muller de tantas que ten que compatibilizar a crianza coa súa responsabildade laboral. Fágoo o mellor que podo e cunha aportación moi importante do meu compañeiro que asumiu o elemento central do coidado. Penso que tamén iso é positivo, porque vexo que unha das mellores herdanzas que lle podemos deixar a nosa filla é que sexa unha persoa criada en igualdade, rachando os roles tradicionais. 

relacionada La CRTVG invita a las "principales fuerzas políticas gallegas" a un debate electoral el lunes 23 de marzo
relacionada México denuncia la venta de Barreras que negociaron el detenido Lozoya y Feijóo
relacionada El BNG quiere que la próxima legislatura apueste por la "conciliación" y la etapa de 0-3 años sea gratuita

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE