A marcha de Luís Villares e as miserias da política

Manoel Barbeitos
Economista

Cando alguén como Luís Villares deixa a política hai motivos dabondo para preguntarse polas razóns últimas que o levan a tomar esa decisión. Moito máis cando un pensa que deberían ser outros os que terían que marcharse, algúns hai xa tempo, pero a pesar diso seguen aí.


A decisión de Luís Villares, gardando as lóxicas distancias e diferenzas, tráeme a mente outras tamén relevantes como, por caso, as de Xabi Domenech e mesmo Manuela Carmena. Os tres teñen algunhas características comúns e a súa marcha da política tamén garda coincidencias. Por caso os tres son profesionais de ben gañado prestixio nos seus respectivos postos de traballo (Universidade, Poder Xudicial), cunha traxectoria persoal  intachable, radicalmente demócratas, xente das esquerdas con longa traxectoria na loita pola democracia e os dereitos humanos. Que no caso de Xabi e Luís ten ademais un indiscutible compoñente de amor pola terra (Cataluña e Galicia) tamén en clave política. “Raras  avis” da política.


Non coñezo persoalmente nin a Xabi nin a Manuela pero sei, por amigos comúns, bastante sobre eles. Si coñezo a Luís Villares e, penso, somos amigos. Unha amizade que naceu e creceu primeiro á sombra de EN MAREA pero que logo se estendeu máis aló desta organización. Unha amizade que foi quen de estar por encima dalgunhas diferenzas de visión e de debuxo. Foi isto posible grazas a que ambos somos radicalmente demócratas e, como tales, pensamos que as diferenzas entre compañeiros dunha organización política resólvense primeiro co diálogo, logo co debate e finalmente, de non ser posible, co consenso  por votación democrática. Un resultado que, loxicamente, compite e abarca a todos os membros da organización. Velaí, por caso, unha das razóns do incrible desastre de EN MAREA: os comportamentos antidemocráticos de destacados dirixentes desta organización que, seguramente porque arrastran vellos vicios de organizacións moi tradicionais, non aceptaron nunca a democracia cando esta levaba a decisións que non coincidían cos seus intereses particulares. Aí están as hemerotecas para demostralo que afirmo.


Os dous, aínda que no seu día militamos en organizacións políticas, nunca fomos “funcionarios de partido”,  sen que isto supoña ningún criterio pexorativo senón clarificador. Pensamos que as organizacións políticas, adopten a forma que adopten, son medios para un fin e non un fin en si mesmas. Neste caso EN MAREA debía ser un medio para, por caso, conseguir un poder político -a Xunta de Galicia- desde o cal poñer en práctica políticas públicas que servisen para mellorar as condicións de vida dos galegos especialmente daqueles que peor o están pasando. Un medio que facilitase a participación política das clases populares, o que esixe, para ser efectiva, a presenza e a acción de maiorías moi, moi amplas: velaí a razón das mareas. Un medio para deste xeito situar a Galicia no mapa político español e no lugar que lle corresponde.


Un formato, as mareas, que xurdiu do convencemento, froito da experiencia e as evidencias, de que os partidos políticos tradicionais precisaban e seguen precisando de renovarse, de abrir as portas e xanelas e de buscar aliados entre a xente non partidaria que si partidista. Un formato que, como enseguida comprobamos, choca radicalmente cos defensores de partidos clásicos e ortodoxos. Mesmo con aqueles/as que din defender o mesmo pero que na práctica teñen un comportamento de partido clásico: Que lonxe queda para algúns o 15M!


Os resultados das eleccións autonómicas do 2016 puxeron en evidencia que estes bosquexos tiñan unha ampla aceptación entre centos de miles de galegos. Uns resultados que, para a súa desgraza, revalorizaron a figura política de Luís Villares fronte outros líderes políticos máis identificados os partidos que se integraron en EN MAREA. Aínda que poida parecer paradoxal, aquel resultado electoral marcou o inicio do fin de EN MAREA por non ser quen de seguir o camiño trazado. A frontal oposición do sector máis partidario a formar grupo parlamentario propio, a publicitar unha axenda galega, a recoñecer o liderado de Villares, sacou á luz o que ata entón aparecía escondido: as enormes diferenzas entre as partes do que debía ser realmente EN MAREA. Diferenzas nadas dunha realidade indiscutible. A primeira que o partidismo segue dominando férreamente a política española e galega, sendo quen de levar por diante a todos aqueles como sucede agora con  Luís Villares, e antes con Xabi Domenech, Manuela Carmena... que queiran crebar o  statu  quo vixente. A segunda que o compromiso cun galeguismo de esquerdas era moi, moi desigual, entre os colectivos de EN MAREA.


Diferenzas que foron in crescendo, con episodios realmente kafkianos, e que levaron primeiro a graves divisións e enfrontamentos internos, logo a rupturas, e finalmente á demolición final de EN MAREA, que se non se produciu antes foi pola tenaz e admirable vontade de moitos miles de rexistrados que non estaban/estabamos dispostos a tirar pola borda o que custara tanto esforzo.


Velaí algunhas das principais razóns políticas, non entro nas persoais, que conduciron a esta anunciada retirada de Luís Villares da política. A súa retirada xunto coa permanencia doutros/as pon en evidencia as miserias da política que, sexamos sinceros, en Galicia vimos arrastrando desde fai moito, moito tempo. Aínda que se me acuse de oportunista quero traer aquí a colación o que nos indican as enquisas máis serias sobre a avaliación da clase política por parte da cidadanía, quen considera a aquela como un dos problemas máis graves que ten a democracia. Por algo será.


1 Comentarios

1

Nin tanto demócrata... Os traidores estaban dentro, e Villares non soubo ver que os consellos de Mario López-Rico (CERNA) eran a fonte do desastre ! Un desastre propiciado dende a UPG de Paco Rodríguez quen por segunda vez gañou a batalla ao Beirismo ! Villares xogou un xogo deseñado dende fóra e quixo ser o líder que NON ERA nin será ninguén na esquerda mentras a UPG non se disolva dunha vez por todas ! O tempo dará e quitará razóns, veremos o que dá de sí Nestor Rego ! Pactar co PSOE para poder liquidar as débedas do BNG (?)

escrito por Gamela 23/Feb/20    22:09 h.

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE