​“Non é difícil traer grandes artistas a Lugo; gústalles actuar no San Froilán”

Aos seus case 2.000 anos Lugo vaise de festa, e Maite Ferreiro, a Conselleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, atende a Galiciapress para explicar todo o traballo que esconde a organización do San Froilán, un dos principais reclamos turísticos e culturais da cidade. A pesar da escasa marxe para organizar a festa, desde a Consellería crearon un programa para todos os públicos, onde a música alzar como protagonista principal e cun dispositivo de seguridade que permitirá aos asistentes gozar da festa “sen que ninguén se poida sentir acosada ou ameazada de ningunha maneira”. 


|

Aos seus case 2.000 anos Lugo vaise de festa, e Maite Ferreiro, a conselleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, atende a Galiciapress para explicar todo o traballo que esconde a organización do San Froilán, un dos principais reclamos turísticos e culturais da cidade. 


A pesar da escasa marxe para organizar a festa, desde a Consellería crearon un programa para todos os públicos, onde a música alzase como protagonista principal e cun dispositivo de seguridade que permitirá aos asistentes gozar da festa “sen que ninguén se poida sentir acosada ou ameazada de ningunha maneira”. 


Maite ferreiro

A conselleira Maite Ferreiro


Se por algo destaca o San Froilán 2019 é polo seu cartel musical, que nada ten que envexar aos dos grandes festivais de música. Don Patricio, Def con Dos, La Habitación Roja, Nao... algúns dos grupos máis prestixiosos e reclamados do momento danse cita na cidade amurallada, onde Sés xa fixo vibrar aos presentes a pasada noite. Con todo, e a pesar da gran oferta musical, a titular de cultura non se atreve a definir esta edición como a “máis musical de todas”, aínda que sí subliña que desde a organización están moi contentos do programa deste 2019 “xa que temos actuacións de calidade, para todos os gustos e públicos e esperamos que a xente o goce moito”.


Do mesmo xeito, Ferreiro admite que convencer a tantos artistas para actuar no San Froilán non foi unha tarefa difícil. “Eu creo que aos e ás artistas tamén lles gusta actuar no San Froilán”, argumenta, a pesar de que nun principio sí xurdiron problemas que se liquidaron ben “polo traballo de todo a persoal da área de cultura e dos outros servizos implicados”, xa que a organización da festa comezou “tarde” por coller a Concellería de Cultura no verán “cando xa debería haber cousas organizadas”.


San froilan

Hai máis de 200 actividades programadas no San Froilán


A pesar dese hándicap, desde o goberno municipal conseguiron confeccionar un programa que mestura unha gran cantidade de estilos, desde o metal ou o rap ata o jazz. Sobre a dificultade para cadrar tanta diversidade, Ferreiro non se pon medallas e di que “non é difícil” porque Lugo “ten moitos escenarios nos que poder organizar actuacións, por tanto temos infraestrutura, e cadrar estilos e ritmos diferentes é simplemente ter en conta os gustos diferentes das persoas e ter claro que queremos unhas festas para que todos e todas poidan gozar e teñamos algunha actuación para ver”.


APOSTA POLO PRODUTO LOCAL

Aínda que o San Froilán é reclamo para os artistas de máis renome, esta festa segue sendo un escaparate moi importante para os grupos locais. Desde a concellería non esconden que dar o seu apoio e axudar á proxección dos artistas emerxentes da comunidade é un dos obxectivos do programa. “Tiñamos claro que queriamos facer unha aposta polos artistas locais e os novos grupos emerxentes”, expón Ferreiro. Para a concelleira, ao tratarse das festas de Lugo, é “unha oportunidade para que os grupos locais teñan un espazo nas festas”, xa que con tantos días de festa e escenarios “pensamos que tiñan que ter cabida”. “É unha maneira de fomentar a nosa cultura musical”, recalca.


Ademais da música, os asistentes tamén poderán gozar do Mercado Medieval, da Feira de Antigüidades, do Festival de Cultura Tradicional, actividades deportivas…Con tanto onde elixir, máis dun non vai saber moi ben onde ir para poder gozar todo o que ofrece a cidade estes días. “Eu creo que o que non podemos perdernos é gozar do ambiente festivo das rúas e de aproveitar todo aquilo que nos poida apetecer ver, escoitar e bailar”, afirma Ferreiro.


OS MÁIS PEQUENOS

Pero o San Froilán non coñece de idades e os máis pequenos tamén terán o seu espazo en cada unha das datas da festa. “Temos o programa ‘San Froilán Miúdo’, que se desenvolverá maiormente no Patio do Seminario Menor. Haberá desde talleres de manualidades, ata teatro, baile, xogos tradicionais para que os máis pequenos teñan tamén unhas festas á súa medida”, comenta Ferreiro. Na mesma liña, como novidade, este ano hai programadas “dúas actuacións de rúa para toda a familia” ademais de “un espectáculo itinerante que percorrerá o centro histórico”, dirixido especialmente para os nenos e nenas.


A pesar da expectación xerada, desde a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua non programaron esta edición coa pretensión de “bater records” en canto a asistencia, senón co obxectivo de que os asistentes “gocen dela e que o recordo que quede deste San Froilán sexa grato”.


POLÉMICA

A pesar do traballo que hai detrás da organización das festas, esta edición do San Froilán comezou con polémica dentro do goberno municipal. O grupo do Partido Popular do consistorio lucense solicitou non figurar dentro do programa das festas, argumentando que o BNG “non nos tivo en consideración” e que obviou as propostas dos populares para o evento.


Para Maite Ferreiro é “unha mágoa” a actitude “pouco construtiva” do PP de Lugo. “Houbo unha comisión de festas onde estaban todos os partidos representados e onde se tivo en conta todas as propostas que fixeron, así non ten moito sentido que despois digan isto”, reprocha a concelleira.


SEGURIDADE E FUTURO

Con todo, un gran evento como o San Froilán necesita dun gran dispositivo de seguridade. O ano pasado a festa foi todo un exemplo no referido a prevención contra condutas machistas e este ano xa puxeron en marcha unha serie de medidas para que todas aquelas persoas que se acheguen á festa poidan gozar do día e da noite “sen que ninguén se poida sentir acosada ou ameazada de ningunha maneira”.


Punto violeta

O 'Punto Violeta' prestará atención durante máis horas


“Este ano o ‘Punto Violeta’ multiplica por catro o número de horas de atención nas festas”, sinala ao titular de cultura, que á súa vez remarca que nesta edición colocáronse “tres puntos de atención: un na Praza Huerta do Seminario, outro no fondo da Praza Maior e un máis no Recinto Feiral, que estarán abertos a partir das 19 horas e ata ben entrada a madrugada”.


Con todo, Lugo non empeza e acaba no San Froilán, aínda que desde o goberno da cidade amurallada non queren mirar máis aló desta semana “de intenso traballo”, si admiten que o obxectivo é “dinamizar a oferta cultural” que ofrece a cidade “así como os museos e espazos que están neste momento pouco aproveitados e poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural”. Con case 2.000 anos ás súas costas, Lugo aínda ten marcha para longo. 

relacionada O programa "máis social" do San Frolán de Lugo inclúe 200 actividades
relacionada Don Patricio, NAO e Ray Gelato & The Giants, novas confirmacións para as festas de San Froilán
relacionada O cartel das festas de San Froilán 2019 de Lugo inclúe case 50 concertos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE