Cando no horizonte aparecen sinais cada vez máis claras de que podemos estar as portas dunha nova crise (esta vez será de oferta) que, dada e debilidade e fraxilidade actual das economías europeas, seguramente desemboque nunha nova recesión económica en toda a eurozona. Cando a forte competencia internacional entre Estados Unidos e China está a facer cambalear o comercio internacional e con el cambaléanse as economías occidentais pola súa elevada dependencia do comercio exterior (aí está a situación de Alemaña).
Cando en España estamos as portas de coñecer a sentenza do Tribunal Supremo contra os líderes do procés con fundadas sospeitas de que aquela vai traer unha sentenza moi dura para os políticos independentistas cataláns: están procesados por rebelión, malversación e desobediencia. Unha sentenza que seguramente tensará aínda máis o chamado “conflito catalán”.
Cando todo isto sucede, en España parecemos condenados a acudir a unhas novas eleccións xerais que serían, de celebrarse, as cuartas en catro anos (!). Unhas eleccións xerais provocadas, que non inevitables, por mor de que os partidos políticos que as poderían evitar non se poñen de acordo. Sobre a falta de entendemento entre o PSOE e UP xa se ten escrito e debatido tanto que non considero necesario, nin oportuno, volver sobre iso. Simplemente si recalcar o evidente: de celebrarse estas eleccións, as cuartas en catro anos, serán a proba inequívoca dun enorme fracaso político tanto do PSOE como de UP. Non se poderá cualificar doutro xeito. Un fracaso que, de producirse, traerá polas razóns apuntadas ao principio moi graves consecuencias tanto para España como, moi especialmente, para as súas clases populares.
Un enorme fracaso por que cando as esquerdas (PSOE/ UP) tiñan todo a favor, tanto polos resultados electorais como polo apoio dunha gran maioría social, para poñer en marcha un programa de goberno que afrontara con firmeza e decisión os numerosos e grandes problemas que ten España. Esa oportunidade tírase pola borda por mor de estreitos e impresentables intereses partidarios e persoais.
Con graves consecuencias para España porque dado o panorama internacional que se está perfilando, debido fundamentalmente as causas anteriormente citadas, precisamos de contar cun goberno coas ideas claras e un forte apoio parlamentario que asente a España no taboleiro europeo e internacional no lugar que lle corresponde. Moito máis logo da nefasta xestión dos gobernos populares (PP) de Mariano Rajoy (2011-2018) que situaron a España como un dos estados europeos lideres en desigualdade social e desequilibrio territorial. Ademais de aparecer como un estado sen apenas peso internacional.
Con graves consecuencias tamén para as clases populares de España e, por tanto, de Galicia principais damnificadas polas durísimas políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial que aplicaron os últimos gobernos españois e galegos e que ademais de provocar unha grande recesión elevaron os niveis de pobreza e desigualdade social a cifras record con enormes desfeitas nun xa moi deficitario estado de benestar. Unhas clases populares precisadas dun goberno que poña en marcha políticas públicas que revertan a situación actual. Un goberno que, como sinalamos, precisaría dun amplo apoio parlamentario.
Pero, por desgraza e maior bochorno, os partidos maioritarios na esquerda española (PSOE, UP) non parecen ser quen dea polos intereses xerais por encima dos intereses partidarios conducíndonos así a unas novas eleccións xerais absolutamente innecesarias pero arriscadas para a propia esquerda. Unha esquerdas que enganadas nunha loita de egos, ridícula pero suicida, parecen empeñadas en apostar por aquilo de que “canto peor mellor para todos, e canto peor para todos mellor…”.
Escribe o teu comentario