Sánchez non se fía de Iglesias, e…quen se fía de Sánchez?

Manoel Barbeitos
Economista

Ten razón a entrañable e valente alcaldesa de Barcelona Ada Colau cando se queixa amargamente do trato despectivo que os dirixentes do PSOE manteñen en relación aos respectivos de  UP. Ten razón e a proba témola nas formas e nos fondos dos argumentos utilizados por Pedro Sánchez e os seus compañeiros de dirección (PSOE) para tentar convencer a cidadanía de que unha alianza formal PSOE-UP nin é posible nin desexable.


Un dos últimos argumentos utilizados por Sánchez e os seus compañeiros do PSOE (levan tantos e tan dispares que xa perdín a conta) para xustificar a negativa a un goberno de coalición con UNIDAS  PODEMOS é o de que non se fían de UP. Que nin Iglesias nin UNIDAS PODEMOS son socios fiables. A verdade é que desde que se celebrou a moción de censura non pasou un día sen que Sánchez e o seu partido (PSOE) non nos sorprenderan co algún argumento novo que, case sempre, desmente argumentos anteriores. Argumentos diferentes pero sempre co mesmo obxectivo: poñer paus na roda a calquera tipo de alianza PSOE-UP. Por todas estas razóns cada vez hai menos dúbidas de que en ningún momento entrou na estratexia do PSOE formar un goberno de coalición con UP. Refugada a posibilidade dun goberno coalición tampouco queren chegar a ningún tipo de alianza ou acordo polo que a súa táctica diríxese a  culpabilizar a UP de tal imposibilidade.


As razóns políticas de fondo para este tipo de manobras, autenticamente  tramperas e pouco edificantes, hai que buscalas nas evidencias históricas. O PSOE sempre se caracterizou por ser un partido que fronte a un discurso socialdemócrata ten logo, cando goberna, unha práctica  socioliberal. O mesmo sucederá agora e por tal razón en ningún momento exponlla xa non formar coalición con partidos a súa esquerda como, por caso, UNIDAS PODEMOS, senón tampouco asinar calquera tipo de alianza.


Varias son as razóns que explican esta estratexia. O PSOE, especialmente desde a época de Felipe González, é o partido dos grandes bancos e  oligopolios  españois (velaí as súas prácticas de portas giratorias) quen, de  ningunha forma, queren ver a UNIDAS PODEMOS no goberno. O PSOE, a pesar das declaracións dos seus dirixentes e portavoces está, neste momento, aliñado na senda neoliberal que con man férrea impón  Alemaña en Europa e que ten a Comisión Europea e o Banco Central como executores. O comportamento e o  aliñamento de Pedro Sánchez nas recentes reunións dos cumes europeos así o evidencian. Unha evidencia que xa a tivemos logo da moción de censura cando o seu goberno (PSOE) deixou sen aplicar a maioría das promesas feitas relativas as políticas públicas progresistas.


Pero para poder levar adiante, sen sobresaltos, esta estratexia, o PSOE precisa construír un escenario político semellante ao que tivo Felipe González durante os anos oitenta. Un escenario no que as posibles opcións de esquerda, neste caso UNIDAS PODEMOS, estean moi debilitadas e o mesmo suceda a súa dereita, maiormente no centro que neste caso ocupa(ba) CIDADÁNS. Un escenario que lle permita ocupar en exclusiva a centralizade do espazo político e que non teña unha oposición forte na esquerda. Escenario que pasa por debilitar a UNIDAS PODEMOS e, tamén, a CIDADÁNS, aínda que neste caso xa  Rivera parece quererlles facer o traballo.


E neste obxectivo, que conta co apoio da maioría de medios altofalantes, andan ocupados os dirixentes do PSOE. Sen preocuparlles utilizar os argumentos máis sucios e mentireiros. Pero estes políticos parecen esquecer que non estamos nos anos oitenta. Que os tempos cambiaron moito e que o que foi posible nese período pode resultar imposible na actualidade. Máis aínda, que tal tipo de manobras poden dar lugar a resultados inesperados como, por caso, que as dereitas (PP, Cs, Vox) recuperen o poder antes do previsto. E que nese caso é máis que probable que a cidadanía nunca llo perdoe.


Con todo é ben certo que a última palabra téñena sempre os cidadáns cos seus votos.  Uns cidadáns que, segundo sinalan os estudos máis fiables, teñen unha percepción dos representantes públicos cada vez máis negativa conseguindo na actualidade niveles de  record.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE