Que os debates se desenvolven a través dos medios de comunicación é un feito que ninguén pon en dúbida, véñeno facendo fai xa uns cuantos anos. É máis rápido, sinxelo e non tes ao destinatario diante. Cousas das estratexias, as novas tecnoloxías e, ademais de todo iso, chega á cidadanía.
Horas antes de que o presidente en funcións, Pedro Sánchez, presentase en sociedade as 370 medidas que ofrece a Podemos para seducilo, Pablo Iglesias era entrevistado en TVE e manifestaba que as propostas do líder socialista son promesas, promesas, promesas. Imos, que non se fía da súa palabra porque segundo el, hai documentos que asinaron e logo non se levaron á práctica. Xa se di que as grandes promesas adoitan ser moi sospeitosas.
O líder da formación violeta, en plena forma dialéctica, envioulle varias mensaxes ao presidente en funcións lembrándolle que queren estar na mesa do consello de ministros, que non acepta os abundantes cargos de segundo e terceiro nivel -segundo el interpreta- que lle ofrece e que vai seguir dando guerra. Pero ten tanta xente preparada Podemos para ocupar os cargos? Algúns si; a maioría son aspirantes a un bo salario mensual.
A escenificación mediática de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, con intermediarios polo medio, segue poñendo de manifesto os seus desencontros que ao final chegaron ao límite de non soportarse, á desconfianza mutual e a un case odio persoal e político: non hai empatía e vontade de tela. Iglesias quere erixirse no controlador do Goberno, o Pepito Grilo cuxa misión é conseguir que o Goberno aplique o seu programa e, se non o fai, denúnciao publicamente. Imos, que é ter ao inimigo dentro de casa. Mentres, a Sánchez, esta actitude de "defensa" das esencias ponlle os pelos de punta.
Neste estado de cousas, con tanta proposta programática que máis ben parece o programa electoral, se Podemos non o acepta, Sánchez ten máis argumentos para convocar eleccións. Hai que dicirlle á cidadanía que non hai maneira de chegar a acordos cos morados. Unha estratexia que lla está poñendo en bandexa a nova formación e os seus dous líderes, Iglesias e Montero. A situación é de "guerra" e nela sempre hai un vencedor, para iso fanse. Pero o resultado final, como afirmaba Nietzsche é que 'A guerra volve estúpido ao vencedor e rencoroso ao vencido'.
Escribe o teu comentario