Guinarte: ​“O goberno de Santiago está disposto a reabrir o debate sobre a taxa turística”

Nesta entrevista con Galiciapress, Gumersindo Guinarte detalla os plans de Santiago para cambiar o modelo de turismo. A nova limitación dos pisos turísticos e o posible levantamento da moratoria aos hoteis na zona vella son dous dos puntos desta conversa co tenente de alcalde, tamén responsábel do turismo e o Xacobeo. Guinarte tamén foi decano de Dereito na USC e secretario de Presidencia con Touriño, experiencia da que extrapola un consello para a investidura de Pedro Sánchez.


|

Nesta entrevista con Galiciapress, Gumersindo Guinarte detalla os plans de Santiago para cambiar o modelo de turismo. A nova limitación dos pisos turísticos e o posible levantamento da moratoria aos hoteis na zona vella son dous dos puntos desta conversa co tenente de alcalde, tamén responsábel do turismo e o Xacobeo. Guinarte tamén foi decano de Dereito na USC e secretario de Presidencia con Touriño, experiencia da que extrapola un consello para a investidura de Pedro Sánchez.


Gumersindo guinarte 2



O alcalde estimou nuns mil os pisos turísticos e criticou a actividade daqueles que actúan alegalmente. Estimou que había máis de 1.000 …

Efectivamente, segundo estudos independentes, de organismos internacionais, que tiran de datos de plataformas de alugueiro e rexistros oficiais, calcúlase que en Santiago pode andar en torno a 1.200 pisos turísticos, cunha oferta de prazas que supera algo as 4.000.


O Concello xa anunciou que traballa nunha nova normativa para eles. ¿Que requisitos deberán cumplir?

En Galicia hai unha regulación autonómica, un Decreto, que, no que ten que ver con este tipo de aloxamentos non hoteleiros, distingue unha categoría para o que coñecemos como vivendas de uso turístico. Establecidas en espazos residencias e que os propietarios alugan por períodos curtos, menos dun mes.


En Santiago non hai unha norma municipal reguladora desa oferta, máis alá da modificación do Plan Especial, que ve incompatibles determinados ámbitos do plan especial para eses usos turísticos.


Nós estamos a traballar nunha ordenanza para toda a cidade, non só para a zona vella, onde hai esa moratoria. A norma autonómica permite limitar por zonas ou edificios ese uso. É posible atender a esa posibilidade e establecer requisitos específicos, nos que se están traballando, con referencias doutras cidades, a San Sebastian, por exemplo, que crearon normas específicas. Ben é certo, non sen complicacións tamén legais. Por exemplo, a CNMC recurreu esas normas.


Da súa resposta interpreto que vostedes apostan por unha moratoria dos pisos turísticos na Zona Vella …

Eu non sei se chamarlle moratoria, pero si por unha norma que no ámbito da zona vella sexa absolutamente limitativa desas ofertas, porque aí temos xa unha oferta, non sei se chamarlle saturación, pero dende logo unha concentración moi importante de aloxamentos turísticos de todo tipo e de visitantes. Probablemente, o que nos interesa do turismo é expandilo a outros barrios da cidade porque iso tamén ten unha incidencia positiva, non concentrar todo o comercio e restauración na zona vella.


Con todo, o problema non é tanto de normas, porque como vostede di, a norma existe …

O problema é de facer cumplir a norma.


Se agora nos conectamos a Internet, atopamos pisos turísticos na zona vella, diga o diga o Plan Espacial. O problema é que as administracións non vixían e fan efectivas as normas. Vai contratar o concello traballadores para que vixíen que se cumpren as normas dos pisos turísticos?

Iso tamén o estamos a estudar en relación coa norma que queremos implantar de aquí a final de ano. O problema é que as labores de inspección téñenas que facer funcionarios públicos. Non é algo que en principio de poida externalizar. Iso engade problemas prácticos de xestión, pero concordo que é fundamental facer cumprir a normativa, a autonómica e a local, cando a haxa, máis alá da moratoria do Plan Especial. Se tes a normativa e non a fas cumprir case é peor porque están tolerando unha situación de ilegalidade e competencia desleal e iso é un mal exemplo da Administración.


Nun marco máis xeral, a problemática do turismo en Santiago parece estancada no tempo. Cambian os responsables das administracións pero os problemas, e as promesas, seguen sendo as mesmas: turismo de baixo custe, necesidade desestacionalizar, hai que promover o turismo de congresos … Con todo, o certo é que o que se observa é cada vez máis turismo barato …

Os técnicos de INCOLSA o acreditan a través de informes, Santiago está a traballar por fomentar o turismo de congresos, de empresas, enogastronómico, etc. O que ten máis valor engadido. Con todo, Santiago ten uns compoñentes dos que imposible prescindir. Peregrinos? Van seguir chegando e hainos que cando chegan dormen en hoteis de catro ou cinco estrelas, non so a maioría pero hainos. Non son unha categoría uniforme.


Santiago xa é un destino consolidado. Hai turistas de todos os estratos e estamentos. Hai turismo de fin de semana, hai turismo cultural, hai turismo vacacional … Temos unha oferta de aloxamento amplísima en todos os niveis. Temos máis prazas de albergue que ningunha cidade de Galicia, máis prazas de hoteis de cinco estrelas que ningunha cidade de Galicia e todo o demais no medio.


A promoción ten que ir dirixida cara ese turismo, que é o que máis se pode desestacionalizar. Ti podes facer que a xente veña a congresos, a reunións de empresa, a reunións promocionais en decembro, febreiro, meses de temporada baixa. Pero tampouco podemos por barreiras. Aqueles días de chuvia vímolo.


A semana pasada houbo días nos que o centro da cidade estaba impracticable para os coches, con todos os aparcamentos con colas …

Eu vivino no aparcamento de Xoán 23. Ao final fóronse enchendo todos, incluso o de Galeras. Ese é un turismo que está nas praias, nas Rías Baixas e claro, ven a Santiago cando chove. O noso obxectivo é que algunha desa xente durmise en Santiago e logo marchase á praia, e non ao revés, pero tamén temos a capacidade que temos. Aínda que nos interesa máis a calidade que a cantidade.


En relación con isto, vostede acaba de usar a palabra “saturación” en relación co número de hoteis da zona vella. Así e todo, o alcalde acaba de dicir que están planeando levantar a moratoria de novos hoteis na zona vella. Non é contraditório?

O Plan Especial ten diferentes zonas de protección. Unha cousa é a limitación absoluta e outra a posibilidade de abrir máis na periferia establecementos turísticos. Iso é algo que tamén imos valorar, paralelamente á normativa de pisos turísticos. Non hai unha decisión definitiva tomada ao respecto, tampouco tería moito sentido limitar unha modalidade de aloxamentos turísticos se non somos quen, ou non funmos quen, de controlar outras. Estívose impedindo a proliferación ou a nova instalación de aloxamentos e iso serviu de porta de entrada para a proliferación de pisos turísticos. Non é razonable. Unha actividade máis regulada, máis sometida requisitos, en principio é mellor, crea máis postos de traballo, pagan máis impostos …


Tamén hai que ter en conta que en Barcelona houbo unha sentencia que anulou a moratoria, que segue vixente porque non é definitiva, por falta de un estudo económico. Cando limitas unha actividade económica que, en principio, pode desenvolverse de acordo as normas xerais, tes que explicar o porqué. Aquí podemos estar nunha situación semellante.


Xa última cuestión sobre turismo. Evidentemente Compostela ten moitos máis ingresos co turismo, pero tamén moitos máis gastos. En seguridade, en limpeza … Está este goberno dispuesto a reabrir ese debate?


Claramente estamos dispostos e cremos que é necesario abrir ese debate, sen apriorismos. Todos os temas están relacionados. Vinculando co que falamos antes, de implantarse unha taxa turística ten que ser equitativa, non penalizar a uns establecementos fronte a outros. Non ten sentido cobrarlla a unha persoa aloxada nun hotel que non sexa de luxo, e non cobrarlla a quen ocupa unha vivenda de uso turístico, que igual é de maior luxo. Iso quere dicir que temos que controlar os pisos turísticos, temos que saber quen está neles, temos que poder cobrarlles tamén taxa turística porque senón penalizamos a uns e derivas o mercado cara un lado.


Logo hai unha peculiaridade de Santiago a ter en conta. Sei que xa se fixeron estudos que apuntan a isto e paréceme importante. Vostede falaba que as persoas que visitan Santiago consumen limpeza, espazo público … pero iso tamén o consumen os que non durmen, os que veñen de excursión, en autobuses que veñen pola mañá co bocadillo e marchan pola noite.


A eses vai ser moi difícil cobrarlles …

É difícil pero non imposible. Había que exploralo.


Cabe a posibilidade de taxas aos coches no centro …

Efectivamente, algo así, ou aos autobuses nos aparcamentos de borde. Parece razoable, que si os que durmen, que deixan máis cartos na cidade, non sexan os únicos que paguen a dos que veñen pola mañá, traen o bocadillo e se van pola noite. Todo con equidade, claro está.


Volvendo ao principio, o debate estamos disposto a abrilo, pero é complexo e temos que analizar todas as variables.


No da taxa turística a Xunta ten a última palabra, como no Xacobeo 21. A Xunta dixo que ía presentar a final de ano a programación. Como son as relacións co goberno galego?

Formalmente correctas, tivemos xa varias reunións coa responsable do Xacobeo e co conselleiro de Cultura. Aí temos un elemento diferencial. A Xunta cando fala do Xacobeo pensa nun evento de promoción de Galicia, nós pensamos en Santiago. Santiago forma parte dos camiños, pero é a meta dos camiños, polo que ten que ter un papel diferenciado. Obviamente, queremos pensar que terá unha participación importante na programación cultural, pero sabemos que a Xunta quere facer unha programación cultural para o ámbito de toda Galicia.


A Xunta pode cambiar de Goberno o próximo ano. A última enquisa do CIS sitúa ao PSdeG moi por diante do PPdeG, incluso non lonxe maioría absoluta. Así e todo, esa enquisa fíxose antes do fracaso da investidura de Pedro Sánchez. Canto pode prexudicar a parada no Goberno de España ás opcións reais do PSdeG de gobernar en Galicia?

O panorama político xeral ten un elevado grado de incertidume. A tradicional alternancia entre dous partidos que optaban sempre a maioría absoluta parece ser un recordo do pasado. Confío en que haxa novo goberno en Madrid e que a vía que propón Sánchez, apelando a responsabilidade de todos os demais grupos, permita que haxa Goberno. O PSOE gañou as eleccións con moita diferencia. Se iso non fose así, sería un pequeno fracaso colectivo, pero no que obviamente terían moita responsabilidade os grupos que non lle permiten ao partido que gaña as eleccións formar goberno. Outra cousa é a gobernabilidade, a necesidade de chegar acordos para aprobar orzamentos … pero parece razoábel que quen gaña con tanta diferencia goberne.


E que impacto pode ter ese pequeno fracaso colectivo en Galicia?

As enquisas son unha foto dun intre, hai que tomalas con prudencia. Nas próximas autonómicas vai haber unha oportunidade de conformar un goberno en Galicia. Percíbese que hai un esgotamento do proxecto do PPdeG e Feijóo. Os gobernos autonómicos con maioría absoluta xa non existen en ningún lugar de España, practicamente. Galicia non vai ser unha excepción. Chegada a oportunidade de haber un goberno de progreso, non se desaproveitará, o electorado non o entendería. Tamén se terán aprendido as leccións do pasado e se conformará un goberno integrado.


Fai vostede referencia a un goberno integrado. Nestes anos moita xente deu a súa opinión sobre os conflitos e o fracaso final do bipartito de Touriño e Quintana, pero a vostede non se lle escoitou a súa opinión; pese a ser vostede secretario da Presidencia de Touriño, e polo tanto, se non protagonista, cando menos si espectador privilexiado …


Si, eu estaba cando menos nun sitio de observación. A miña visión é sen dúbida parcial e subxectiva. Sinceramente, a parte da conxuntura, co inicio da crise, hai que admitirlle un éxito ao PPdeG: logrou que a opinión pública vira aquel goberno como un bipartito, e poño o acento nese termo. En Europa hai moitos gobernos bipartitos aos que ninguén lle chama así, por exemplo o de Merkel en Alemaña.


Ben, foi un éxito do PPdeG pero o certo é que tamén tiñan de onde tirar …

Claro, foi un éxito do PP lograr tal, pero sinceramente creo que tiña un aliado dentro do goberno, que era o BNG, que tamén tiña un interese eu creo que excesivo, e non foi intelixente, en facer notar que eles eran un elemento diferencial dentro do goberno, que non eran o goberno de Touriño senón o de Quintana. Iso a opinión pública fíxollo pagar. O Goberno perdeuse porque o BNG tivo un deputado menos na Coruña, o PSOE mantívose, e PSOE e BNG sumaron máis votos que Feijóo naquelas eleccións. Erros seguramente houbo por parte de todos -aínda que nese goberno houbo moitos máis acertos- e probablemente non se logrou transmitir -porque seguramente había un fondo de certa realidade de algunhas diverxencias internas que transcenderon nalgúns temas- a idea de que era un goberno único. Por iso cando agora Sánchez esixe un goberno integrado, que se perciba como tal, eu creo que iso é moi importante. Non entendo que un partido diga que quere ter o ministerio de tal, dicindo que nese ministerio se vai facer a política do seu partido e non a política do goberno. Cando se entra nun goberno, éntrase nel e faise a política dese goberno, e non dunha parte. 

relacionada Máis turismo fai que Galicia sexa segunda en destrucción de paro este verán
relacionada Bugallo planea levantar a moratoria a hoteis na zona vella para loitar contra o boom dos pisos turísticos
relacionada Bugallo quere imitar o modelo de Madrid e Barcelona para regular os pisos turísticos
relacionada Feijóo erixe o Xacobeo dos 5.000 días como a súa baza económica prometendo 11.500 empregos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE