¿Por que sube a extrema dereita en Europa?

Manoel Barbeitos
Economista



Un dos fenómenos políticos mais preocupantes que se ten producido en Europa nos derradeiros anos é a crecente relevancia que están adquirindo os partidos de extrema dereita. Unha presenza que as derradeiras eleccións europeas non viñeron mais que a confirmar. Parecera que, una vez mais, Europa quere seguir o camiño iniciado polos Estados Unidos coa elección de Donald Trump como Presidente.


Unha relevante presenza que se produce nun contexto político marcado pola elevada abstención nas sucesivas contendas electorais. Abstención que si ben é certo que favorece o crecente protagonismo da extrema dereita europea ten, como xa sinalamos nestas mesmas páxinas, varias explicacións.


As elites políticas e mediaticas non prestan as eleccións europeas a atención que lles debera corresponder tendo en conta a relevancia das decisións que toman entidades europeas como a poderosísima Comisión Europea e o propio Banco Central


En primeiro lugar resulta evidente que as elites políticas e mediaticas non prestan as eleccións europeas a atención que lles debera corresponder tendo en conta a relevancia das decisións que toman entidades europeas como a poderosísima Comisión Europea e o propio Banco Central Europeo (BCE). Un menor interese que incide negativamente na atención cidadán deica Europa.


En segundo lugar que logo das suicidas cesións de soberanía que teñen feito os estados europeos na derradeira década, e que están plasmadas nos tratados asinados, tanto a Comisión como o Banco Central teñen un poder decisión determinante sobre aspectos claves e decisivos da política económica dos estados membros: políticas fiscal, monetaria, laboral e comercial. Un poder que marca unha clara orientación neoliberal que ten como consecuencia que as desigualdades sociais e os desequilibrios territoriais acaden na Unión Europea niveis nunca vistos dende a súa constitución. Desigualdades e desequilibrios que afectan as condicións de vida e de benestar da maioría da poboación europea. Unha situación que crea un claro e indiscutible malestar aguzado polo secretismo e a falta de control democrático con que actúan institucións tan poderosas.


Finalmente os dous fenómenos anteriores combinados levan a que o malestar cidadán se canalice deica posturas xenófobas e racistas que son aproveitadas e estimuladas polas forzas de extrema dereita sen que as forzas democráticas sexan quen de combatelas. Así vemos como, por caso, medra o sentimento de rexeite deica a poboación inmigrante ao tempo que un claro descontento deica a situación presente cuxas causas aparecen difusas por mor de que as forzas maioritarias -conservadores, liberais e socialdemócratas- apoian as políticas austericidas que aplican as institucións europeas e os propios gobernos nacionais.


Non estamos, nin moito menos, nunha situación parecida a que atravesou Europa nos anos trinta. Pero resulta indiscutible que o camiño trazado polos gobernos europeos e as institucións comunitarias dende os Tratados de Maastrich e Amsterdam favorece entre a cidadanía europea o desencanto coa Unión Europea actual e crea un caldo de cultivo moi favorable para o auxe das forzas neofascistas. Auxe que se estende, algo que non recibe a atención que se merece, entre as clases populares europeas e que responde ao desencanto destas coas forzas progresistas que abandonaron fai tempo as políticas publicas progresistas para substituílas por políticas públicas neoliberais.




Salvini

Salvini, el polémico ministro del Interior de Italia




Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress