Ventos do leste, ventos do oeste

Manoel Barbeitos
Economista

Nunha das súas mellores novelas (“Ventos do leste, ventos do oeste”) a magnífica escritora estadounidense  Pearl S.  Buck, quen viviu en China moitos anos, retrata como se presentan no seo dunha nova familia chinesa as contradicións entre a supostas tradición (Este) e modernidade (Oeste). Como sopran ventos en direccións contrarias que provocan inevitables conflitos. Unha novela que lin hai moitos anos e que cuxa lectura recomendo.


Veume esa obra á memoria observando o escenario político español, e moi concretamente a batalla partidaria entre o PSOE e PODEMOS que, dado o  cesarismo de ambas as organizacións, parece unha batalla entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias,  ao redor da natureza do próximo goberno. De si debera ser un goberno monocromático (PSOE) ou un goberno de coalición (PSOE/UP). Unha batalla que non resulta especialmente gratificante e está a ser demasiado longa.

Unha batalla que deixa en evidencia como unha cousa é a campaña electoral, onde son suficientes as promesas e os compromisos, e outra moi distinta a acción política posterior e a propia  gobernanza. Non por casualidade, senón por mor deste tipo de comportamentos escasamente democráticos, está moi estendida entre a cidadanía a desconfianza cara aos dirixentes políticos e os seus partidos.


Resulta indiscutible que o resultado das eleccións xerais revalidou o pluralismo político en España. O partido máis votado, neste caso o PSOE, nin sequera conseguiu un terzo dos votos emitidos (28,6%) aínda que o sistema electoral español tan  nesgado a favor do bipartidismo monárquico permítelle ter un número de deputados (123) claramente superior a ese porcentaxe (37,8%). Si resulta lóxico esperar que a xefatura do estado encargue a formación de goberno ao partido máis votado e con notable diferenza sobre o resto, neste caso o PSOE, tamén é indiscutible que para gobernar ese partido precisará inevitablemente de forzar alianzas. Unhas alianzas que si tomamos en consideración tanto o resultado das urnas como as promesas electorais de Pedro Sánchez debesen procurarse preferentemente no seo dos partidos que apoiaron a moción de censura, e moi especialmente dos partidos das esquerdas cuxa hexemonía corresponde, neste momento, a UNIDOS PODEMOS (33 deputados).


Evidentemente que ese non é o pensamento das elites económicas e os seus altofalantes, maioría entre os medios de comunicación, que  tiran por outro tipo de alianza máis orientada cara ao lado dereito (Cidadáns, preferentemente). Unha campaña que, por caso, non rexeita a utilización de  prognósticos apocalípticos no caso de que esa alianza non frutifique e o PSOE mire á esquerda. Unha campaña que contén, como vén sucedendo desde a súa aparición no escenario político, tremendas  descualificacións tanto de PODEMOS como do seu “carismático” líder Pablo Iglesias. Unha campaña que pon en evidencia como a independencia e o rigor informativo seguen ausentes en moitos dos medios de comunicación e opinión de España e Galicia. Unha campaña na que, hai que dicilo, participan destacados líderes e dirixentes do propio PSOE. Son os ventos do leste que  tiran por que o bipartidismo monárquico (con  Cidadáns no lugar do PP) siga gobernando en España e así  mantéñanse na súa maioría as políticas aplicadas ata agora a pesar da dor e sufrimento provocados en tanta e tanta xente. As políticas que situaron a España entre os estados europeos con maiores niveis de desigualdade social e territorial, con maior índice de familias pobres.


Xoga a favor desta posición o feito, cada día que pasa máis evidente, de que Pedro Sánchez non pensou cumprir moitas das súas promesas electorais, mesmo das máis reivindicadas como por caso reverter as políticas neoliberais e avanzar na efectiva descentralización e democratización do estado  borbónico. Unha intención de Pedro Sánchez que para o movemento sindical español (UXT,  CCO) aparece máis clara cada día que pasa. Un movemento sindical moi preocupado e loxicamente, como lle corresponde, cada vez máis belixerante. Ata o propio PNV, sempre tan jesuítico, parece chegar a esa conclusión.


Fronte a esta realidade hai unha necesidade política indiscutible. Si o PSOE, neste momento, quere realmente reverter as políticas neoliberais e aplicar en España unha política progresista, precisa do apoio de PODEMOS e outras forzas progresistas. Algo que puidemos ver no curto período de goberno do PSOE logo da moción de censura (primavera do 2018) durante o que se aplicaron unha serie de medidas moi favorables as clases populares que non se houberon aprobado sen a presión de, por caso, PODEMOS. A dimensión das políticas que hoxe se precisan aplicar en España e de tal magnitude que o PSOE non poderá facelas so con pactos puntuais (“xeometría variable”) como parece querer Pedro Sánchez. Moito menos con pactos con  Cidadáns, un partido neoliberal.


Sopran ventos do Leste e do Oeste, quen soprará mais forte? O futuro de España, e moi especialmente das clases populares está en xogo. Pero Pedro Sánchez non debería ignorar aquel mandato das súas bases de “con Rivera non” por que recolle a vontade da soberanía popular.


1 Comentarios

1

Artigo claro, mas também está claro que no P$OE não mandam os militantes e me atrevo a dizer que nem sequer os seus "varones", os que em verdade mandam, são os de sempre, o poder económico, o que se manifesta com a sua potente voz: os meios de comunicação, monopólio do que são donos.

escrito por Carlos GV 27/Xuñ/19    19:14 h.

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE