En Marea: Baixa mar

Manoel Barbeitos
Economista

Sei que moitos dos/as meus/miñas queridos/as amigos/as de EN MAREA quedaron en estado de shock logo das eleccións xerais (abril 2019) polo pobrísimo resultado conseguido. Enténdoos, sei o esforzo que fixeron e o entusiasmo con que se lanzaron a campaña electoral sabendo de antemán que as condicións eran moi difíciles e claramente desfavorables. Pero non deben desmoralizarse pois hai moita tarefa pendente (eleccións locais, autonómicas …). O que si deben é reflexionar (sei que o están facendo e seguirán) para analizar con rigor as razóns dos resultados obtidos e logo fixar estratexias cara o inmediato futuro.


Unha reflexión que, na miña opinión, debe ter en conta as seguintes evidencias. Galicia, como xa teño sinalado en artigos anteriores non é nin o Pais Vasco nin Cataluña onde o sentimento nacionalista e moito mais forte como se pode ver claramente na diferente forza e implantación das forzas nacionalistas e soberanistas. En Galicia as eleccións xerais case sempre teñen un compoñente español moi forte dado que moitos/as galegos pensan que as forzas estatais defenden mellor os intereses dos/as galegos/as no Parlamento español que as forzas autóctonas. Os resultados están aí e non deixan lugar a dúbidas. Xunto a esta evidencia histórica está ademais comprobado que, facilitado polo grande desenrolo dos novos medios de información e comunicación, vivimos tempos en que unha porcentaxe moi relevante da cidadanía galega i española é moi voluble no seu voto que pode dar grandes xiros no tempo. EN MAREA foi, neste caso, unha das forzas mais afectadas por esta tendencia que parece moi acentuada entre os seus potenciais votantes.


O resultado obtido por EN MAREA nas anteriores eleccións xerais foi moi enganoso. Non se debera esquecer que se produciu nun contexto moi favorable pois o PSOE atravesaba unha fonda crise por loitas intestinas e no BNG os liderados aínda non estaban consolidados. Neste marco a situación era claramente favorable a unha opción política de esquerdas que se presentaba como nova, distinta e mais fresca que os partidos tradicionais. Naquel momento os seus dirixentes deberían ter en conta que manter aquel apoio electoral non sería doado xa que non se debía rexeitar que tanto o PSOE como o BNG recuperaran no tempo parte de apoio perdido. Que isto sucedera dependería tanto da acción política de EN MAREA como do PSOE e o BNG.


Nembargante a acción política dos representantes de EN MAREA no Parlamento español foi moi decepcionante para moitos dos seus votantes. Estes comprobaron como algunhas das promesas electorais mais atractivas (como por caso a formación de grupo parlamentario propio) non se cumprían así como que tampouco a labor de clara defensa dos intereses dos galegos foi moi brillante (velaí a súa negativa a defender unha axenda galega). Paralelamente a marca municipal de EN MAREA (FERROL EN COMUN, MAREA ATLANTICA e COMPOSTELA ABERTA) empezou un claro e aparentemente imparable proceso de erosión tanto por evidentes fallos de xestión como por comportamentos de cariz despótico que puxeron en cuestión as promesas electorais que espertaran tanta expectación.


Hoxe xa non quedan dúbidas de que a recente historia cainita de EN MAREA lle pasou factura. Inmediatamente despois das eleccións xerais de 2016 quedou moi claro que para as forzas partidistas (PODEMOS, ESQUERDA UNIDA E A NOVA) EN MAREA non era mais cunha alianza conxuntural entre partidos que como tal non debía consolidarse política ou institucionalmente. Este plantexamento partidista, lexítimo pero demoledor como se viu, dou paso a que as lóxicas diferenzas partidarias tiveran reflexo e protagonismo no interior de EN MAREA. Unhas diferenzas imposibles de ocultar e que se foron agrandando consonte pasaba o tempo ao que contribuíron con celo merecedor de mellor premio moitos altofalantes galegos (CRTVG, La Voz de Galicia…) difundindo e ampliando con profusión e deleite a imaxe dunha organización política ingobernable e, como tal, nada diferente dos partidos tradicionais.


Entre os feitos de carácter externo pero con grande influencia electoral estivo o forte impacto provocado polo rexurdir da dereita franquista en España. Non só a aparición de VOX, unha forza de carácter claramente fascistoide, senón ademais a dereitización que da man de Casado e Ribera adoptaron tanto o PP como Cs supuxo unha deriva que asustou a moita xente que temeu por unha volta a longa e negra noite franquista. Un temor que fixo que o voto progresista se concentrara maiormente no PSOE –para moitos a mellor garantía fronte ao fascismo- e, en menor medida, PODEMOS. Unha concentración do voto que prexudicou claramente as forzas emerxentes: EN MAREA, COMPROMIS, COMUNS….. Outro feito, tamén de grande impacto na opinión pública, foi a moción de censura triunfante (maio 2018) que lanzou a Pedro Sánchez e ao PSOE a presidencia de goberno e provocou o alivio de moitos cidadáns ao ver a M. Rajoy e ao PP fora do goberno de España grazas ao voto favorable da maioría dos partidos democráticos. Un estado de ánimo que O PSOE soubo capitalizar, moi intelixentemente, por riba doutras forzas.


Asemade, e para remate, a división de EN MAREA dou lugar a que nestas eleccións xerais pareceran no escenario electoral de Galicia catro forzas que se reclamaban de esquerdas: EN MAREA, PSOE, PODEMOS-EU-MAREAS EN COMUN-EQUO e BNG. Unha elevada fragmentación que, necesariamente, restaría votos a todas ou, como se comprobou, a parte delas –neste caso EN MAREA e PODEMOS-EU-MAREAS EN COMUN EQUO-. A esquerda tradicional ganoulle claramente a batalla a esquerda que se presentaba como innovadora quen, por outra parte, foi vítima do desigual e desequilibrado tratamento informativo recibido polas distintas organizacións. Unha publicidade, pública e privada, na que EN MAREA apareceu como claramente damnificada.


Nun marco tan complexo e con tantos matices e puntos negros era moi difícil que EN MAREA, orgánica e mediaticamente a más débil, tivera un bo resultado electoral. Outra cousa é valorar si o castigo recibido foi, ou non, excesivo con relación aos fallos e erros cometidos por EN MAREA.



Villares

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE