Por que Galicia nin é o País Vasco nin Cataluña

Manoel Barbeitos
Economista

Resulta indiscutible que son razóns históricas ligadas ao modelo de desenvolvemento que tivo o capitalismo español as que están na base das diferenzas, por caso, de Galicia co País Vasco e Cataluña. Un desenrolo no que estas últimas desempeñaron o papel de centro mentres que a Galicia reservóuselle o de periferia. Un papel que se mantén inalterable durante o presente período democrático (1975-2019), independentemente de quen gobernase en España e en Galicia.


Nas 12 lexislaturas habidas desde que se aprobou a Constitución Española (1978) alternáronse en gobernar de España a dereita con UCD (1 lexislatura) e o PP (4 lexislaturas) co centro esquerda o PSOE (6 lexislaturas) -as que debe sumarse a última lexislatura na que gobernaron primeiro o PP e logo o PSOE-. En Galicia, no período autonómico os longos períodos de goberno conservador (2 lexislaturas de UCD, 8 do PP) víronse so temporalmente interrompidos por curtos períodos de gobernos de centro esquerda (2 lexislaturas do PSOE en coalición). Neste tempo Galicia xamais abandonaría a súa condición de comunidade periférica. Unha condición que se mantén ao mesmo tempo tanto nas fases expansivas como recesivas que o capitalismo español atravesa en todo este tempo. Galicia en ningún momento foi quen de igualar, por caso, o nivel de riqueza medio de España manténdose deste xeito no grupo das comunidades que teñen un nivel de riqueza claramente inferior á media española (90% no ano 2017)


Aceptando que hai unha decisiva causa económica no debemos menosprezar outras causas tamén relevantes e que teñen que ver coa propia política, coas políticas públicas.


Reparemos no seguinte: aínda que hai importantes diferenzas nos resultados presentados polas distintas enquisas electorais con relación as inmediatas eleccións xerais, todas coinciden en que no próximo parlamento español a presenza de forzas políticas xenuinamente galegas seguirá sendo moi minoritaria ou nula. Un resultado moi diferente ao que as mesmas enquisas vaticinan para o País Vasco e Cataluña, comunidades históricas que mantiveron sempre un valor medio de riqueza claramente por encima da media española (País Vasco: 132,4%, Cataluña: 119,7%).


De cumprirse o resultado vaticinado polas enquisas estariamos diante dunha situación que non resulta nova xa que nas 12 lexislaturas habidas Galicia so contou con presenza de partidos galegos no Parlamento español en 6 lexislaturas, a metade, e sempre de maneira moi minoritaria (excepto na última lexislatura cando contou con 5 deputados de EN MAREA antes non superara nunca a cifra de 3 co BNG nas cinco lexislaturas). Moi diferente a situación do País Vasco e Cataluña que sempre contaron con presenza, e plural, de forzas autóctonas en todas as lexislaturas e cun número de deputados/as tal que lles permite, cando menos ter un grupo parlamentario propio (País Vasco: unha media entre 8 e 13 deputados, Cataluña: entre 9 e 23). Como podemos ver Galicia, a diferenza de Cataluña e o País Vasco, nunca foi quen de incidir, de ter peso específico na política do estado. E, de cumprirse os resultados que vaticinan moitas enquisas, ve camiño de manter esa irrelevancia.


Unha irrelevancia política no Parlamento español que, como sinalaba, ven acompañada dunha longuísima hexemonía en solitario do Partido Popular (PP) en Galicia (8 de 12 lexislaturas). Unha hexemonía de non fácil explicación, por que como é posible que o partido máis corrupto de Europa (non hai ningún outro que teña a tal número de dirixentes e directivos imputados, cando non condenados por corrupción: non pasa un día en que non apareza un novo caso de corrupción neste partido) e do que en Galicia hai evidencias indiscutibles tanto das súas amizades perigosas con narcotraficantes como con empresarios imputados en redes de proxenetismo, leve tantos anos gobernando en Galicia? Un partido cuxas políticas públicas axudaron a que Galicia consolídese no grupo das rexións europeas cuxo nivel de riqueza está claramente por baixo da media comunitaria (82% da media da UE, 92,7% no ano 2009) e moi lonxe, por caso, do País Vasco (121%) e Cataluña (110%). No grupo de comunidades con maior número de persoas en situación de pobreza (29,5%) con valores moi superiores, de novo, a Cataluña (19,5%) e País Vasco. (8,8%), con maiores dificultades para crear emprego, peores salarios e pensións máis baixas, cos servizos de benestar máis deficitarios e maior índice de emigración entre a poboación nova.


Unha longuísima hexemonía (8 de 12 lexislaturas) do Partido Popular (PP) en Galicia que non ten parangón noutras comunidades españolas e moi especialmente no País Vasco e Cataluña. Comunidades históricas onde o Partido Popular (PP) non so xamais estivo no goberno de calquera destas dúas comunidades senón que aparece como unha forza política claramente menor (10,5% dos votos e 5ª/6ª forza no País Vasco; por baixo do 8 % dos votos e 7ª forza en Cataluña).


Estas son algunhas evidencias de por que Galicia nin e o País Vasco nin Cataluña. Por que como ben dicía Castelao, nunha das súas viñetas máis famosas: “Galicia, non protesta...emigra”.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE