Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.
O día 14 de maio do 2019, poñeremos en marcha o Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia (CT de AP de Galicia). Organismo creado pola administración do Partido Popular despois das reunións en Mesa Sectorial con traballadores e traballadoras a través dos sindicatos e logo das mobilizacións dos sanitarios e sanitarias de Galicia e baixo a presión dunha primeira xornada de folga na Atención Primaria que foi desconvocada cando a Consellería de Sanidade aceptou os 5 puntos que considerabamos irrenunciables desde o comité de folga.
Solicitabamos ter unha Mesa de Diálogo en pé da igualdade coa administración sanitaria e poder discutir sobre a creación da Xerencia de Atención Primaria e a mesma responsabilidade que a Xerencia Hospitalaria, cun orzamento propio e capacidade de autogestión. Aumentar o orzamento da AP ata o 25 % en 4 anos; actualmente está no 12%; aumento de persoal coa incorporación de todas as prazas vacantes que existen no Sistema Sanitario Gallego de AP (por certo, a administración non nos entregou o censo de persoal sanitario e non sanitario que se lle pediu na primeira Mesa Sectorial, co cal non temos con que comparar o persoal que temos na Atención Primaria de Galicia); solucionar o problema dos PACs e mellorar o contrato dos profesionais que traballan en precario actualmente, eran puntos tamén irrenunciables.
A segunda reunión da Mesa Sectorial, trataba varios puntos, pero o das prazas era o primeiro…e foi decepcionante: a administración oferta múltiples prazas para diferentes estamentos, pero só 12 prazas de médicos para o ano 2019 e 48 para o 2020 e 2021….60 en 3 anos; na contraoferta, conseguimos ata 80 prazas en 3 anos. Por suposto, parece unha tomadura de pelo, que a problemática máis importante que temos que é a masificiación das consultas, en toda Galicia, quéirana resolver con 12 prazas este ano. A Asociación Galega para a Defensa de Sanidade Pública (AGDSP) estimou en 301 as prazas que deben cubrirse no 2019 para incorporar as 254 que xa están convocadas: así, si se podería resolver o problema da masificiación. Poder ter 10 minutos por consulta e un tope de 30 pacientes por cota. A decepción foi moi importante e as expectativas quedaron truncadas nesa medida.
No ámbito de negociación no CT de AP de Galicia, teremos que ver a disposición da Consellería de Sanidade de negociar, en Comisións, estes puntos, os prazos que se impoñen e as persoas que terán que traballar e estudar cada problemática.
Estamos afeitos a que a administración practique a táctica do “divide e vencerás”: negociou con diferentes entidades unha serie de puntos (150 por unha banda, 7 por outro, 2 por outro, etc...e a propia administración é unha experta en incumprir o pactado previamente). Todo isto despois de dicir o Sr. Feijóo hai 4 meses: “temos a mellor sanidade do mundo”.
Neste momento da negociación, cos seus erros e os seus acertos, deberemos fiarnos das persoas que están no CT, por parte da administración, que teñan a vontade de levar a bo porto as iniciativas que dela saian? Non o sabemos...e non nos fiamos.
Desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública somos moi críticos cas autoridades sanitarias, pois teñen por costume falar moito, mesmo con mentiras, e facer pouco (ou ás veces nada, esperando a que os problemas se enquisten, como pasa cos PACs, que levan máis dun ano para resolver a súa problemática).
Ten credibilidade a Consellería de Sanidade? Nós consideramos que non.
Temos posibilidades de que o CT sexa o marco onde se poidan resolver os graves problemas da AP en Galicia? Veremos… a disposición parece boa, pero a proximidade das eleccións, primeiro xerais e logo municipais, fainos ser escépticos, e que o PP está a negociar (e cedendo) en moitos temas que ao pasar as eleccións poida que non cumpran...outra vez.
Na nosa man está ser vixiantes... e de non ir as cousas por onde consideramos que deben ir, non teremos inconveniente ningún en convocar a segunda xornada de folga si así o consideran os sindicatos e as organizacións políticas e sociais que estaremos no CT.
O CT de AP de Galicia, ten unha composición ampla (ata 45 entidades) reunirase 2 veces o ano e sempre que o considere un terzo dos seus membros, terá unha serie de comisións para abordar a problemática dos diferentes estamentos que compoñen toda a Atención Primaria, e terá un regulamento que elaboraremos entre todos e todas, para darlle o ánimo que necesita a AP en Galicia. Pero sen a disposición da administración, de investir máis orzamento, a AP deixará de ser a porta de entrada o Sistema Sanitario Público Gallego e pasará a ser o faiado onde se gardan as cousas que non queremos ter na casa. Desde a AGDSP desexamos que este CT, poña a AP no lugar que corresponde, e que pase a ser a “sala de estar” da casa, onde as persoas atópense máis a gusto e co persoal máis próximo e eficiente. Pero para elo, temos que contar con medios, que só unha administración responsable pode dar. Así o esperamos pola dignidade da Atención Primaria.
Escribe o teu comentario