As dereitas reaccionarias

Manoel Barbeitos
Economista

Moitas das enquisas que se publican estes días con motivo das próximas eleccións xerais (28 de abril) apuntan a que o bloque das dereitas (PP, Cs, Vox), unhas das dereitas máis reaccionarias de Europa, pode conseguir a maioría de votos e, por tanto, os escanos suficientes para gobernar. Con todo, é ben sabido que as enquisas que publican a maior parte dos medios de comunicación e opinión teñen un obxectivo non explícito pero si evidente: condicionar e orientar o voto en dúas direccións. Ben sexa a favor dun goberno claramente de dereitas (PP, Cs e Vox) ou ben a un goberno de centro- esquerda (PSOE, Cs). En calquera dos casos, un goberno que non cuestione as bases da hexemonía e dominio das dereitas económicas (banca e grandes empresas da construción e os servizos), que son quen financia os medios que publican esas enquisas.


Independentemente desta intencionalidade das enquisas, hai unha evidencia histórica indiscutible: Éspaña, e con ela Galicia, é moi de dereitas. Varias son as razóns que explican este conservadurismo a pesar de ser un dos estados europeos con maiores niveis de desigualdade social e desequilibrio territorial. En primeiro lugar España, como moi ben sinala o profesor V. Navarro, é unha democracia moi deficitaria. O dominio e control que sobre relevantes estamentos do estado (xudicatura, exército, policía…) manteñen as dereitas neofranquistas ten a súa influencia na opinión pública. Un control que se estende a moitos medios de comunicación e opinión que reproducen esa ideoloxía.


Un dominio ideolóxico e político no que desempeña un papel decisivo, unha igrexa católica enormemente reaccionaria pero xenerosamente subvencionada con fondos públicos. Un dominio que, por caso, estamos a ver no tratamento político e informativo de asuntos craves como poden ser os relativos a igualdade de xénero (aborto), aos servizos públicos (ensino) ou a descentralización do estado (política autonómica) cando as formulacións máis reaccionarias e centralistas son maioritarios.


Un dominio ao que non é alleo, por caso na visión centralista do estado español, a posición do partido maioritario das esquerdas (PSOE) incapaz historicamente de afrontar con valentía e decisión a necesaria reforma do estado español. Un dominio que conduce a situacións claramente antidemocráticas e inxustas como, por caso, o trato xudicial aos políticos cataláns independentistas, que son tratados como si fosen delincuentes. Independentemente dos erros e as prácticas trileras destes políticos son, con todo, demócratas na súa maioría, cousa que non se pode asegurar, por caso, de moitos políticos das dereitas españolas que, con todo, reciben un trato xudicial moito máis benevolente.


Finalmente, si botamos unha ollada a Europa, veremos como este ascenso das dereitas reaccionarias é un fenómeno que está a crecer perigosamente en toda a Unión Europea (Hungría, Polonia, Italia, Austria, Bélxica, Francia, Dinamarca ……). Que está a pasar, por tanto, en Europa? Por que este ascenso das dereitas reaccionarias presentes en 17 de 19 Parlamentos nacionais? A resposta é sinxela e a evidencia contundente: as políticas públicas que veñen aplicando en toda a Unión Europea na última década son un caldo de cultivo moi favorable para alimento das políticas reaccionarias. Unhas políticas coñecidas popularmente como “austericidas” que disparan as desigualdades sociais, colocan a un crecente número de familias en risco de exclusión, consolidan un elevado desemprego e uns moi baixos salarios e incrementan os desequilibrios territoriais ata límites poucas veces coñecidos. Políticas que promoven e defenden os partidos europeos maioritarios (liberal-conservadores e socialdemócratas) e que favorecen o rexurdir e crecemento dos partidos reaccionarios cando non claramente fascistas. Situación a que España, e Galicia, non son alleas de ninguén.


Moitos opinadores, tertulianos, comentaristas, sinalan a división das esquerdas antisistémicas como un factor que favorece este ascenso da reacción. Particularmente non comparto este xuízo. Non estamos nin na Alemaña dos anos trinta nin nun sistema bipartidista, nin a división é, por caso, un fenómeno exclusivo das esquerdas. Temos, por caso, o moi recente exemplo do sucedido en Andalucía coas últimas eleccións autonómicas cando unhas dereitas mais divididas que nunca (PP, Cs, Vox) foron quen de superar a unhas esquerdas menos divididas (PSOE- Andalucia, Adiante Andalucia). Como xa sinalei en un artigo anterior na vitoria das dereitas en Andalucía influíron decisivamente varios factores: o fastío  dunha maioría de andaluces coas políticas e prácticas do PSOE que, a pesar do seu larguísimo dominio, non foi quen nin de sacar a Andalucía do subdesarrollo, nin de evitar tanto o crecemento das desigualdades como o elevado desemprego. Hartazgo ao que se sumaron prácticas políticas corruptas e non exentas de despotismo. Con todo, a caída paralela de Adiante Andalucía mostra como en Andalucía, do mesmo xeito que en España e en Europa as forzas reaccionarias están en ascenso. Un ascenso que, cando menos, poñen en cuestión o suposto carácter progresista de moitos andaluces.


Non, non é a división das esquerdas a que favorece ao auxe das forzas conservadoras e reaccionarias. Son, como pasa na Unión Europea, as políticas que se practican e o abafador dominio institucional, político e mediático de tales forzas. Un dominio que lle permite, como diría A. Gramsci, manter unha hexemonía cultural e ideolóxica indiscutible. Non hai máis que pensar en como unha consigna tan reaccionaria e racista como “a por eles” (en referencia aos políticos cataláns) tivo un enorme eco e difusión en toda España. Ou en como, por caso, reaccionan importantes líderes rexionais do PSOE diante de calquera intento, por tímido que sexa, de acordo do goberno Sánchez (PSOE) cos políticos independentistas cataláns.


Aínda que non nos guste, España, e con ela Galicia, é moi de dereitas. 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE