Días atrás Pablo Crespo (imputado e condenado por corrupción), que fora Secretario de Organización do Partido Popular (PP), veu confirmar algo que xa moitos/as galegos/as sabiamos. Que o Partido Popular de Galicia participara nas tramas de corrupción, por caso a Gúrtel, na que se moveu aquel partido nas últimas décadas. Segundo este dirixente popular, cando era o responsable da organización galega, o 65% do diñeiro que se movía nas campañas electorais galegas era en negro. Máis aínda: durante esa época pagáronse a altos cargos do partido en Galicia sobresueldos en negro, diñeiro que el chegou a repartir persoalmente.
A relevancia destas declaracións deriva de que o citado Pablo Crespo foi secretario de Organización do Partido Popular de Galicia entre os anos 1995 e 2003, período no cal Manuel Fraga Iribarne (1.990/2005) sería Presidente dá Xunta de Galicia e Presidente do Partido Popular de Galicia, sendo Xosé Cuíña Secretario Xeral do mesmo partido (1990/1999) á vez que Conselleiro de Obras Públicas. Que cada quen saque as súas propias conclusións, pero a moitos non nos convencen os argumentos de que Fraga Iribarne descoñecía a orixe do diñeiro que financiaba as súas campañas. Non era tan inxenuo.
É necesario tamén sinalar que por esas datas (1991) Alberto Núñez Feijóo xa ocupaba altos cargos administrativos, tanto na Xunta de Galicia (con Manuel Fraga) como no Goberno de España (con José María Aznar), todos en nome do Partido Popular: Secretario Xeral da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, Secretario Xeral de Asistencia Sanitaria, presidente do INSALUD….Cargos de grande relevancia política que poñen en moi serias dúbidas que non fora, por tanto, coñecedor da trama corrupta na que se movía o seu partido tanto a nivel de Galicia como de toda España. Moito máis cando se teñen probas documentais da súa excelente relación con coñecidas e históricas figuras do narcotráfico galego que aparecían mesturadas coas citadas tramas de corrupción.
Neste contexto non deixan de ser tremendamente significativas as recentes manifestacións de Núñez Feijóo, respondendo as anteriormente citadas declaracións de Pablo Crespo, nas que reivindicaba “a honorabilidade de Manuel Fraga”. Significativas tanto polo personaxe político en cuestión (Manuel Fraga) como polo silencio sobre a honorabilidade de miles e miles de cidadáns galegos, asasinados polos franquistas (uns 5.000 so entre aos anos 1936 e 1939), cuxos cadáveres aínda están perdidos nas cunetas, en fosas comúns, e/ou no fondo das rías, gardan tanto este político como o seu partido (PP), que frea calquera intento de facer xustiza histórica as vítimas da criminal ditadura franquista. Vítimas cuxos familiares teñen mesmo que soportar as continuas e crueis humillacións de que son obxecto por destacados dirixentes de tal partido (PP), por caso con feitos como a condecoración de torturadores do franquismo, caso ‘Billy O Neno’, e/ou a legalización e financiamento pública de fundacións como a Francisco Franco.
Reivindicar a honorabilidade de Manuel Fraga é reivindicar unha traxectoria política que non deixa de ser unha clara mostra de complicidade por parte de Núñez Feijoo. Complicidade cunha traxectoria política na que a ditadura franquista ocupa un lugar relevante como é ben sabido. E non estamos a falar dunha ditadura precisamente branda, senón da ditadura máis criminal e sanguenta do século XX. Unha ditadura na que Manuel Fraga ocupou o Ministerio de Información e Turismo (1962/1969), que non deixaba de ser un ministerio de propaganda do réxime franquista (“vinte e cinco anos de paz”). Un tempo no cal tivo lugar, entre outros, o asasinato legal do dirixente comunista Julián Grimau (fusilado no 1963), execución que M. Fraga non só defendeu, senón que liderou a campaña propagandística do réxime franquista que xustificaba o crime, algo do que nunca renegou, no que é unha proba máis da súa honorabilidade.
Por estas razóns reivindicar a honorabilidade de Manuel Fraga e reivindicar a honorabilidade da ditadura franquista. Lembremos que non só consideraba que “o franquismo sentou as bases para unha España con máis orde”, senón que nunca se desdijo de afirmacións como estas: “é evidente que o glorioso alzamento popular do 18 de xullo de 1936 foi un dos máis simpáticos movementos político-sociais de que o mundo ten memoria. Os observadores imparciais e o historiador obxectivo teñen que recoñecer que a maior e a mellor parte do país foi a que se alzou, o 18 de xullo, contra un Goberno ilegal e corrupto, que preparaba a máis sinistra da revolucións louras desde podelo” (Manuel Fraga Iribarne. Oficina de Información Diplomática.)
Con tales evidencias, cando se reivindica a honorabilidade dun político con esta traxectoria, á vez que se condena ao ostracismo as vítimas dunha cruel ditadura da que foi dirixente, está a facerse unha declaración firme e inequívoca a favor dunha ideoloxía corrupta e totalitaria. Ao mesmo tempo reivindicar a honorabilidade de Manuel Fraga á vez que, por caso, cuéstionase a conduta duns políticos da oposición (Luís Villares, Xaquin Leiceaga e Ana Pontón) cunha traxectoria democrática impecable, algo que non pode presentar Núñez Feijoo, é aliñarse cos inimigos da democracia. Neste momento pódese afirmar que un dos grandes déficits democráticos de Galicia é a carencia dunha dereita articulada que asuma sinceramente que a democracia é a mellor das opcións políticas para a defensa dos seus intereses económicos e sociais. Neste marco a opción polo Partido Popular (PP), que segue negándose a condenar a ditadura franquista, non é unha aposta pola democracia.
Escribe o teu comentario