Miserias da política: sen principios nin ideoloxía

Manoel Barbeitos
Economista

Hai algunhas semanas unha organización da credibilidade e o prestixio de UNICEF chamaba a atención mundial sobre a brutal masacre que se esta a producir no Iemen. Na “Arabia feliz”, patria da lendaria raíña de Saba –raíña dos sabeos, habitantes de un territorio localizado no Iemen- esta ocorrendo, segundo esta organización, “a peor crise humanitaria actual”. Iemen atravesa por un conflito cuxa escalada “ten un impacto terrible nos civís, especialmente en nenos e mulleres nun pais que xa se enfrontaba a pobreza xeneralizada, a vulnerabilidade, a inseguridade alimentaria e a falta de servizos de saúde. Logo de seis meses, case 5.000 persoas foron asasinadas, 25.000 resultaron feridas. Mais de 1,4 millóns foron desprazadas mais dunha vez. Moitas instalacións de saúde pública e moitas escolas o están derruídas ou sufriron tales danos que tiveron que pechar. O deterioro tamén afecta aos medios de sustento de tal xeito que moitas familias ben non poden alimentar aos seus fillos/as ben téñeno que facer en pésimas condicións, dado que os sectores agrícola e pesqueiro vense terriblemente afectados polo conflito e as importacións de alimentos interrompéronse. Un pais onde 8,4 millóns de persoas, dunha poboación de 22 millóns, están a piques de caer na inanición. Un país no que cada dez minutos morre un neno, un de cada catro sofre desnutrición aguda polo que as sécolas que sufrirán padeceranas o resto das súas vidas”.


A poboación civil iemení aparece desta maneira como a grande damnificada dunha nova guerra que enfronta a dous grandes colosos de Medio Oriente: Arabia Saudi e Irán. Dúas potencias que viñeron a agudizar aínda mais as históricas tensións e enfrontamentos entre tribos iemenís agora agrupadas ben en torno as forzas aliadas ao anterior presidente que contan co apoio militar e político de coalición árabe, ben ao grupo armado de oposición apoiada polo réxime irano. Aínda que ámbalas dúas partes están cometendo auténticos e terribles crimes de guerra, así como abusos dos dereitos humanos contra a poboación civil, as Nacións Unidas e expertos no terreo aseguran que son os bombardeos levados a cabo pola coalición árabe os responsables da maioría das mortes de civís. Bombardeos que non parecen respetar nada pois son frecuentes as novas que informan como vodas, enterros, bautizos, en definitiva concentracións de poboación civil son o obxectivo preferente dos citados bombardeos que teñen causado xa mais de 11.000 mortes entre a poboación iemení.


Un conflito fronte ao que as potencias occidentais non permanecen precisamente neutrais. Non so non permanecen neutrais senón que incluso tentan de facer negocio como sucede, por caso, con España que, como é ben sabido, mantén con Arabia Saudita fortes lazos comerciais favorecidos pola monarquía borbónica que adopta condutas e formas herdadas da ditadura franquista.


Volvamos aos bombardeos. Para evitar suspicacias digamos que hasta as Nacións Unidas sinalan que son os bombardeos realizados pola coalición árabe quen están provocando a crise humanitaria. Uns bombardeos nos que modernos avións de combate utilizan mísiles e proxectís que van especialmente dirixidos a concentracións da poboación civil (vodas, bautizos, enterros…). Bombas que dirixidas mediante raios láser están provocando unha auténtica masacre. Bombas do mesmo tipo que, por caso, as 400 que España quere agora venderlle a Arabia Saudí. Velaí que a propia Ministra de Defensa (Margarita Robles) puxera reparos a tal venta.

Podemos entender que o goberno español actual se atope con grandes dificultades (comerciais, políticas) para impedir unha venta de armas autorizada e aprobada polos gobernos anteriores. Podémolo entender aínda que habería moito que discutir. Pero o que resulta bochornoso e inadmisible e que este goberno intente xustificar tal venta con argumentos tan inconsistentes como, por caso, os do Ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell e/ou a Ministra Portavoz, Isabel Celaá cando chegan a afirmar que “as bombas españolas non producirán danos colaterais … non matarán iemenís”. Argumentos que producen vergoña allea pois tratan de xustificar o inxustificable.


Resulta tamén inadmisible que este goberno, que aposta polo cambio, non se comprometa, dende xa, a que nas futuras ventas de armamento fará cumprir a lexislación vixente en materia de comercio exterior de material de defensa e de dobre uso (Ley de Comercio de Armas del Estado Español) quen limita, por caso, a venta de armas a réximes que as empregan en accións que perturban a paz e violan os dereitos humanos como neste caso sucede coa coalición árabe liderada por Arabia Saudí. O PSOE non deberá esquecer que un dos principios ideolóxicos da socialdemocracia foi sempre a defensa da paz e os dereitos humanos en todo o mundo. Principios que supoñen estar radicalmente en contra de guerras como a do Iemen e, xa que logo, vender armas a ditaduras feudais como a de Arabia Saudita.


Podemos entender tamén que os traballadores do naval da baía de Cádiz, unha comarca moi castigada polo desemprego (27% de paro), defendan o emprego por riba doutras consideracións. Pero estes traballadores non debera esquecer que o movemento obreiro estivo en contra das guerras entre outras razóns por que son, sempre, as clases populares as grandes damnificadas. Por caso esqueceron xa o que pasou cando a guerra de Iraq? Ou cando a guerra de Vietnam?... ou hai que volver mais atrás e lembrar a postura do movemento obreiro internacional na I e na II Guerra Mundiais?. Mais que atacar ao novo goberno español por replantarse a venta de armas a unha ditadura sanguinaria –que con esas armas mata a traballadores, a nenos e a mulleres- por que non miran ao seu propio goberno (Xunta de Andalucía) quen, a pesar do longuísimo período de gobérnana (o PSOE leva 40 anos gobernando en Andalucía, a metade con maioría absoluta) aínda non foi quen de procurar alternativas de emprego para os traballadores da baía de Cádiz que non supoñan constantes perdas de diñeiro público (1.000 millóns de euros nos derradeiros 10 anos)?. Como explicar que logo de 35 anos de reconversión naval aínda persistan os mesmos problemas?.


Miserias da política: é ben certo que unha parte nada desprezable da esquerda española (política e sindical) xa parece non ter nin principios nin ideoloxía.



YEMENATTACK BOMBGTQ24E930.1


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE