A vergoña do Centro Galego de Buenos Aires

Manuel Fernando González Iglesias

150821


Moitos dos galegos que aínda quedamos en pé temos parte da nosa familia durmindo o seu sono eterno no cemiterio da Chacarita ou no do Mar del Plata. Fuxían da miseria ou a guerra e logo deixaban que a vida se lles fose indo día a día, ano a ano, naquel país xeneroso onde tanto traballaron e que lles conquistaba para sempre.


Podo lembrar nesa historia persoal que todos temos ao meu avó, que traballou sendo moi novo na rotativa de Clarín, e como decidiu regresar para casar coa miña avoa paterna, e nos atardeceres do Campo da Compañía -onde aínda están os escolapios, en Monforte de Lemos-, contaba as súas "fazañas arxentinas" cunha graza inigualable para asombro dos seus interlocutores e amigos de toda unha vida.


Un dos seus fillos, Emilio, aos 16 anos, aínda un neno, subíase a un barco e atravesaba o charco onde iniciaría unha vida aventureira e fascinante que lle fixo percorrer o mundo, coñecer a Eva Duarte e volver en varias ocasións a Galicia, para quedar finalmente varado na súa segunda patria, Arxentina, xa moi preto dos noventa anos.


Eu mesmo, aos 19 anos, collín un avión, tras acabar os estudos, e funme a coñecer ese inmenso país no que aos españois chamábaselles simplemente galegos, que na miña infancia futboleira enviáranos ao mellor futbolista da historia, un tipo chamado Alfredo Di Stefano. Tal como agardaba namoreime perdidamente de Buenos Aires e sobre todo dunha forma de entender a vida que nunca souben atopar noutro lugar do mundo por moito que viaxei.


Cando cheguei, o meu propio tío que me acolleu como a ese fillo que nunca tivo, contoume moitas e vellas historias da emigración e da terra que lle había acollido, onde tivo que traballar duro e pasar privacións. O Tío Emilio, por aquel entón, vivía na bonaerense rúa Hipólito Irigoyen, a mesma rúa na que O Centro Galego instalou a súa sede en 1912, edificio que cinco anos máis tarde abandonaría para irse á xa histórica da Rúa Belgrano, que como lles conta Galiciapress, vai ter que vender para que esta histórica Institución non desapareza definitivamente.


Para que os máis novos saiban, houbo un tempo en que os miles de galegos que fuxían da fame en Galicia e deixaban aquí ás "viúvas de vivos" que tan ben soubo chorar Rosalía, ou aqueloutros miles que escaparon do fascismo tras a Guerra Civil, tiveron no Centro Galego de Buenos Aires a súa casa que lles daba asistencia médica, ensináballes a moitos deles a ler e escribir, e en "A longa Noite de Pedra" que versou Celso Emilio Ferreiro converteríase en "estadullo carreterio" de Cabanillas que non lle tivo medo ao fusil franquista.


Alí estivo Castelao, alá morreu rodeado dunha das bibliotecas máis excelsas que posúe unha intuición galega en todo o mundo, incluída a propia Galicia. Da pinacoteca faloume moitas veces no noso cafés santiagueses un vello e querido mestre de todos, Isaac Diaz Pardo, que estrañaba o Buenos Aires no que tamén conviviu co seu inseparable Lois Seoane ydonde pariu o Laboratorio de Formas, que logo aquí converteuse en o Sargadelos que tantos desgustos deulle ao final dos seus días.


Hoxe sabemos que o Centro Galego que naceu da emoción pola Alborada e a morte de Pascual Veiga, extínguese, malferido, pola mala praxe política dos gobernantes da Xunta, algo para min inconcibible, e como non, pola inacción dos diferentes Gobernos de España, aos que os nosos antepasados lles importa o mesmo que as mulleres e homes da Galicia actual. Un exemplo sinxelo e actual? Moitos Ministros e Ministras galegos en Fomento e dous resultados funestos: Angrois e o AVE que nunca chega.


A historia coloca a cada cal no seu lugar. Dentro duns anos, cando unha xornalista galega mergulle nas hemerotecas dixitais atopará seguramente dúas cousas. Unha, que un Diario galego chamado Galiciapress neste septiembre de teses doutorais e ‘procés’ catalán fixo unha clara denuncia do que está a pasar no Centro Galego de Buenos Aires, nun intento desesperado de salvarlle a vida. E dous, que os políticos de San Caetano, co seu Presidente á fronte, mirárono con indisimulada suficiencia, como a ponte de Hierro de Vos Peares ao que ao final remocicaron pintándoo dunha asombrosa e rechamante cor azul. Tecnoloxía punta paga pola Deputación de Ourense, que é a miña vila, oia.


Manda carallo!

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE