Os deputados progresistas do Congreso acaban de votar a saída dos restos do Ditador e asasino Francisco Franco da Basílica do Val dos Caídos onde foran colocados polo último goberno franquista á súa morte en 1975.
A bancada post franquista formada polos tamén deputados do Partido Popular e de Ciudadanos abstivéronse en bloque, desaproveitando a histórica oportunidade de que con eles non vai a herdanza do Antigo Réxime, algo que é politicamente moi difícil de explicar no actual momento histórico no que nos atopamos.
Cando poderá o Goberno Sánchez executar esta decisión parlamentaria? Ninguén o sabe. Conseguirá o Executivo dobrar xudicialmente as querelas dos netos do Ditador que se negaron publicamente ao traslado? Hai dúbidas. E a igrexa católica deixará facer a exhumación? Algo deixará, pero pouco. A que panteón será trasladada "a momia" do Generalísimo, tal e como a chamou o seu neto Francis? Admítense apostas agora que os ludópatas españois gozan dunha inxente oferta de multinacionais do xogo.
Nos anos cincuenta chegou a España a canción "Se va el caimás, se va el caimán...". Os españois enmudecidos pola censura, e aterrorizados aínda polo recordo de "os paseos nocturnos", adoptárona enseguida, coma se fose propia.
Pensábase entón que as potencias democráticas botarían a fartar democráticas ao amigo e aliado de Hitler e Mussolini. Pero claro, non contaban con que aos americanos xa lles ía ben un "monicreque" nunha Europa na que a antiga URSS marcaba paquete bolxevique asfixiando, "presuntamente" ás moi débiles democracias europeas. Así que, contra todo prognóstico, Franquito quedou e coa súa permanencia, chegaron as bases yankees, e con elas, outro xeneral chamado Eisenhower, que cubriu ao Ditador fascista coa bandeira das barras e as estrelas ata que morreu na súa cama un 20 de novembro de 1975.
Por iso o caimán non se foi a Barranquilla como dicía a canción hispano colombiana. E como consecuencia do traballo de campo que fixeron os seus partidarios durante 40 anos, e máis tarde na Transición, aí segue dándonos o coñazo ata mesmo máis aló do que é lóxico e humanamente comprensible.
Señoras e Señores deputados, acaben dunha vez con esta vergoña nacional e regalen ás novas xeracións de españolitos a oportunidade de enterrar definitivamente a Francisco Franco Bahamonde na irreversible fosa do esquecemento. Brindemos por iso: Saúde e Liberdade.
Escribe o teu comentario