​Enquisas, resultados electorais e democracia

Manoel Barbeitos
Economista

Serven realmente para algo as enquisas electorais? As respostas a esta pregunta poden ser tan dispares e diferentes como distintos/as poden ser os/as opinadores/as. Nembargante a crecente proliferación das mesmas –non hai medio que se prece que non saque as súas propias enquisas- leva a pensar que teñen algunha utilidade. Por caso non cabe negar a evidencia de que mentres algunhas empresas demoscópicas buscan recoller o estado de opinión da maioría cidadán, outras nembargante tentan de influír nese estado de opinión co gallo de orientar o voto deica unha forza política determinada. Unha proba témola na contundencia dos datos que confirman como son abondosos os casos en que os resultados finais obtidos por algunhas forzas políticas quedan moi lonxe do que lle vaticinaban os sóndeos previos. En España, por caso, esta situación vense repetindo con PODEMOS –os sóndeos solen adxudicarlle resultados bastante peores que os que remata obtendo- e CIUDADANOS –os sóndeos solen darlle resultados moito mellores que os que acaba conseguindo-. Mais adiante veremos como os casos de disparidade entre sóndeos e resultados tamén se repiten en Galicia con o PARTIDO POPULAR e os partidos de esquerda –EN MAREA, PSOE e BNG-.


Con toda lóxica corporativista as empresas demoscópicas sempre atopan algunha explicación para esta disparidade entre sóndeos e resultados. A mais socorrida e solvente é a de que as enquisas mostran o estado opinión da cidadanía no momento en que se realizan que, como é ben sabido, é anterior a data electoral polo que finalmente os sóndeos so reflicten tendencias. Son, xa que logo, os feitos que teñen lugar entre os sóndeos e as votacións, como a calidade das campañas partidarias e/ou a dimensión da mobilidade do electorado, quen poden facer variar a intención inicial do voto. Variación favorecida, seguindo cos criterios das empresas demoscópicas, pola circunstancia de que o electorado menos sólido, menos firme ideoloxicamente e por tanto cunha opinión mais volátil é o electorado maioritario. Un electorado que, case sempre, se identifica coas autodenominadas clases medias.


Ultimamente moitas destas empresas demoscópicas engaden un novo factor como causa tamén relevante dos fallos nos sóndeos: a aparición de forzas emerxentes (PODEMOS, CIUDADANOS, EN MAREA). Nun marco pluripartidista resulta razoable pensar que a volatilidade dunha porcentaxe importante dos votos e maior e, xa que logo, as probabilidades de errar nos sóndeos tamén é superior.


Co gallo de contrastar as teses anteriores coa realidade empírica comparamos os sóndeos realizados cos resultados habidos nas eleccións autonómicas galegas mais recentes (dende o ano 2001). Análise que nos permite avanzar algunhas conclusións. En primeiro lugar que en tódalas citas habidas houbo importantes erros nos sóndeos preelectorais sendo na convocatoria do ano 2012 cando se deron as maiores diferenzas. Erros que no caso do Partido Popular foron erros a baixa: o PP sempre obtivo mellores resultados dos adxudicados polos sóndeos monopolizando o voto de dereitas en Galiza. En sentido contrario os sóndeos preelectorais cos partidos de esquerdas (PSOE, BNG, A NOVA, EN MAREA) agás algún caso puntual sempre erraron a alta xa que obtiveron peores resultados tralos escrutinio e con erros importantes nas tres últimas convocatorias (2009, 2012, 2016). Uns sóndeos que, agás na derradeira convocatoria (2016) apostaron sempre polo bipartidismo o que provocou que nas dúas derradeiras convocatorias (2012, 2016) os erros foran espectaculares (parecera que as enquisas empeoren cos anos). Uns resultados que mostran con claridade como nesta comunidade funciona mais o efecto bandwagon –adhesión ao ganador- que o efecto underdog –simpatía polo perdedor-.


As evidencias empíricas apuntan a que en Galicia as enquisas electorais serven tanto para a estimular o voto conservador (mais fiel) como para retraer o voto progresista (mais indeciso). A maioría dos medios de comunicación e opinión galegos non son independentes polo que o obxectivo real das enquisas que sacan non é tanto recoller o opinión da maioría cidadán canto influír (mediante o efecto bandwagon) nun estado de opinión xa de por si moi volátil e indeciso. Un estado de opinión no que se busca incidir mediante un uso partidista das noticias (construíndo a realidade mediatice).


Tendo en conta estas experiencias e diante dun probable cambio en condutas de voto asentadas en crenzas políticas moi arraigadas cabe facerse as seguintes preguntas relacionadas cos futuros sóndeos: manterán a baixa os resultados do PP?, seguirán apostando polo bipartidismo?, serán, unha vez mais, os partidos de esquerdas vaticinados a alta?, agora que o pluripartidismo parece asentado os interpretes das enquisas variarán os criterios das predicións, por caso, na asignación do voto indeciso (a famosa “cociña”)?, seguirán os medios facendo un uso político do mesmo?.


Irémolo vendo. 



Enquisa TVG


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE