A sensibilidade das persoas, unhas máis que outras, adoita durar o que dura un informativo da televisión. Estamos tan afeitos ás imaxes que nos proxectan, que é coma se as cousas que suceden fosen de películas. Cada día estamos a ver as matanzas que se están producindo no mundo: guerras e todo o que iso leva, que son mortes, destrución, dor inmensa de quen as padecen. As que están máis cerca son das que máis se informa, parece que sexan as únicas, pero son moitas máis que non teñen a repercusión, pero son mortes.
Matar nestes tempos (noutros tamén) é unha cousa moi fácil para os seus autores, só temos que mirar a Ucraína e Gaza. Nesta última, mátase de dúas maneiras a todos os seus habitantes: ataques do exército israelita ou de fame polos mesmos actores, como se está vendo. Ou das dúas maneiras, que é o que está a facer o goberno de Netanyahu coa poboación de Palestina. As imaxes que nos están chegando deberíannos facer levantar dos nosos cómodos asentos, pero non é así. Seguimos coa nosa vida diaria e, ao moito que chegamos, é a queixarnos; dános mágoa, pero nada máis. Os gobernos dos países, tres cuartos do mesmo. Convertémonos/Convertémosnos en seres insensibles, domesticados, cómodos. Xa non saímos maioritariamente ás rúas para protestar; esperamos que os gobernos o fagan todo. A solidariedade, en demasiados casos, empeza e termina nun mesmo.
Este mércores, o director da Organización Mundial da Saúde explicaba que unha gran proporción da poboación de Gaza está a morrer de fame, a maior arma que se pode empregar para terminar cun pobo. A situación cualificábaa de fame negra masiva, causada tamén polo home, neste caso polos integrantes do goberno de Israel. Unha maneira moi cruel de terminar coa vida das persoas, especialmente cos nenos indefensos e desprotexidos. As cifras que se dan son incribles: nos dous últimos días, na Franxa de Gaza morreron de fame 33 persoas, a maioría delas mulleres e nenos.
Os últimos informes de Nacións Unidas indican que a situación alimentaria na Franxa de Gaza alcanzou a fase 5 (catastrófica), o nivel máis alto da escala que indica o alto risco de fame negra, que xa está a suceder. A medida que a fame negra masiva esténdese, as matanzas de civís por parte do exército israelita han aumentado considerablemente, especialmente mulleres e nenos. Neste mes de xullo, unha persoa foi asasinada por Israel cada 12 minutos, o que o converte nun dos meses máis mortíferos da guerra de Gaza, segundo datos da ONU.
O escritor palestino Mahmoud Darwish escribiu máis dunha vez que “A paz non é só a ausencia de guerra, tamén é a existencia de xustiza e equidad para todos os pobos”.
A situación na que viven os palestinos é de aniquilación dun pobo, que a eleva a brutais. As escenas de estampidas son máis brutais que os bombardeos. Nenos, mulleres e persoas maiores xóganse a vida nunha loita diaria pola supervivencia cando van recoller a escasa e pouco nutritiva comida. É o momento que aproveitan os asasinos para matalos. Non llo pensan dúas veces. A piedade é unha palabra que borraron da súa mente. Do que se trata é de exterminalos das dúas maneiras: ataques e fame.
Nas fronteiras seguen estacionados uns 950 camións de axuda que non poden facerlles chegar á poboación, a pesar de que máis de 100 axencias/#ONG emitiron un comunicado para que deixen chegar a axuda humanitaria á poboación, que está desesperada. Até o momento, son máis de 59.000 as persoas que morreron en Gaza. Unha cifra que debería facer pensar. Non son simplemente números, son persoas con nomes e apelidos. Desde que empezou a guerra, 220 xornalistas perderon a vida no exercicio da súa profesión: informar onde se produce a noticia.
Escribe o teu comentario