Faltan poucas datas para que termine o mes de xullo e, a pesar diso, a actividade política está a bulir como a auga que debe cocer un polbo para transformalo despois nun “polbo á galega”, cos seus correspondentes condimentos. Non é para menos coa bomba que explotou na rúa Xénova, sede do Partido Popular, polo chamado “Caso Montoro” e todo o que iso leva, que non é pouco. Se se confirma todo o que está a saír, a máis diso as persoas que salguen salpicadas (moitas, presuntamente, actores directos), o escándalo está servido. Os feitos que sucederon son dunha gravidade extrema, que “os novos dirixentes” do PP non poden dicir que non sabían nada ou que son doutra etapa. Non é verdade. Vanse coñecendo datos, e seguirá o goteo dos millóns de páxinas que ten o sumario.
Os presuntos actos delituosos do exministro Montoro e a súa cuadrilla non teñen precedentes até a data. É impensable que todos os que estiveron metidos no “allo” non tivesen coñecemento por parte dos dirixentes do PP do que os “listillos” estaban a facer. É mentira.
Segundo declaracións de Rodrigo Rato, deste mesmo luns, o Consello de Ministros sabía o que estaba a facer Montoro e miraron para outro lado. Dicía o expresidente de Uruguai, Pepe Múgica: “O poder non cambia ás persoas, só revela o que verdadeiramente son”. Non lle falta razón. El entrou en política e continuou levando a mesma vida de antes: vivía na mesma casa, continuaba co seu coche de sempre e, cando saíu da mesma, o seu patrimonio non aumentara. Tiña claro que á política chégase con vocación de servizo, non para servir a si mesmo.
Montoro, que provén dunha familia humilde dun pobo de Xaén, cuxos pais se mudaron a Madrid para conseguir un futuro mellor para os seus fillos, conseguiu un status social froito do seu traballo. Debeu pensar que a caridade empeza por un mesmo, e cando estaba no máis alto da súa carreira no Goberno, acendéronselle as luces. Roubar aos ricos para darllo aos pobres? Si, claro: primeiro a el (que era pobre) e despois aos pobres de ética que tiña ao seu lado e aos que necesitaba para levar a cabo as súas operacións económicas. Todo un exemplo de por que queren facer política. Dicía a filósofa Adela Cortina que “un político/a que prescinde da ética é un mal político/a” e axuda ben pouco a conservar a democracia do país.
Cando ouvimos e seguimos escoitando a Alberto Núñez Feijóo falar de mafias, de ladróns, de corruptos, e até meter en temas familiares publicamente, non sabía no terreo no que se meteu. Ou si? Porque, como dicía Jesús: “Quen estea libre de pecado, que tire a primeira pedra”. E o PP non é un modelo de exemplo, dino as sentenzas firmes e as que teñen que chegar, que son unhas cantas. Como dicía Mariano José de Larra: “Non sei quen dixo que o gran talento non consiste precisamente en saber o que se debe dicir, senón en saber o que se debe calar”. E iso non é o que fixo o líder do PP, que nesa présa que teñen por chegar á Moncloa está a cometer erros de vulto.
Aínda por riba, tamén este luns un diario dixital facíalle unha entrevista a un “ex amigo narco”, Marcial Dourado, quen recoñeceu que a súa relación con Feijóo vén de lonxe; que pasaron varios anos saíndo, pasando vacacións, paseando no seu barco, comendo, e que cando se foi ao “trullo”, polos delitos de narcotráfico, non lle axudou en nada. Envioulle un recadito moi directo (que lle afectará nas súas pretensións de gañar eleccións), o mesmo que a Pepiño Branco (socialista), que está metido en todos os “fregavos” e fixo un patrimonio que moitos compañeiros quixesen. É un listo de narices: pisou a universidade para estudar Dereito, pero só fixo iso. Saíu rapidamente sen terminar nada. Iso si, realizou cursos de formación, política e esas cousas. Era, como moitos e como outros (de todos os partidos políticos), un idealista que veu cambiar o mundo. E como dixo alguén: “O idealismo é o último luxo da mocidade”, porque a ambición, en moitos casos, dá paso ao poder e ao diñeiro.
Con este panorama, que non irá a mellor, o verán seguirá sendo quente no político tamén. Feijóo, con tanto falar, deuse un tiro nos seus pés. Máis dun, incluído do seu propio partido, estará a dar saltos de alegría, porque a súa situación non é moi alentadora que digamos.
Escribe o teu comentario