A Mesa apoia a manifestación "pola dignidade dos medios de comunicación pública" de CRTVG e CRTVE
"O pouco que o galego existe no audiovisual sería nada de non existir a RTVG", expón o presidente da Mesa, Marcos Maceira
Este sábado 8 de setembro o persoal da Compañía Radio Televisión de Galicia e Radio Televisión Española arrincan desde as instalacións de ambos os medios de comunicación en San Marcos en unha manifestación "pola dignidade dos medios de comunicación pública".
A Mesa pola Normalización Lingüística fai un chamamento para participar na marcha contra a manipulación informativa, sumándose a os apoios que "as e os profesionais da televisión pública galega están a recibir de centos de entidades do ámbito social, cultural, político e sindical", segundo explican nun comunicado.
"Sen RTVG non teriamos noticias en galego, nin programación infantil en galego, nin películas, nin series, nin música en galego. O pouco que o galego existe no audiovisual sería nada de non existir a RTVG", expón o presidente da Mesa, Marcos Maceira.
Maceira tamén alude á necesidade de "dar un impulso novo ao papel normalizador que dá razón de ser á CRTVG e facelo desde a pluralidade, a obxectividade e a dignidade". O presidente expón que o galego necesita medios de comunicación "ao servizo de Galicia e atentos á realidade cultural, social e política".
"A dignidade no traballo das e os profesionais é fundamental para manter unha CRTVG viva e de calidade, e isto é imprescindible para unha lingua viva e con futuro", sentencian desde a Mesa.
Escribe o teu comentario