A liberdade de información e opinión: unha materia pendente

Manoel Barbeitos
Economista

Galicia é, hoxe por hoxe, un caso paradigmático de que sen prensa libre non hai sociedade libre. Con unha prensa servil coas elites políticas e económicas a democracia é moi deficitaria e insuficiente. Galicia carece hoxe dunha pluralidade nos medios tal que garante o dereito a información pois esta é moi sesgada a prol dos intereses políticos e económicos dos que controlan os medios galegos. Por caso, os medios públicos (CRTVG: Corporación de Radio e Televisión de Galicia) confirman, un día si e outro tamén, esta realidade. O mesmo podería dicirse dos medios privados de maior tradición (Grupo Voz, Prensa Ibérica, El Progreso, La Región, Grupo La Capital, Editorial Compostela ...) cuxa dependencia financeira das subvencións dos poderes públicos, a pesares de ignorar o uso do idioma galego, e das axudas privadas condiciona claramente a súa liña informativa.




5b08320d1710a tvg

Venres negros na CRTVG


Recentemente tivemos unha contundente proba desta falta de pluralidade informativa, e dos seus custos, cando con motivo dun novo escándalo de corrupción do Partido Popular (PP), o caso Gürtel, os medios públicos galegos apenas lle deron cobertura a este relevante suceso xurídico-político reservando os seus espazos ben ao desgraciado accidente dunha pirotecnia en Tui ben aos problemas internos dos partidos da oposición, o seu cantaruxar preferido. O caso Gürtel, por afectar tanto ao partido que gobernaba (PP) como ao propio presidente do goberno de entón (Mariano Rajoy), era merecedor dun tratamento informativo acorde coa importancia política que tiña tal caso de clarísima corrupción sistémica. Un tratamento informativo que os medios públicos galegos, por mandato dunhas direccións vasalas da actual Xunta de Galicia (PP), non lle outorgaron quedando en claro fora de xogo e facendo o maior dos ridículos (con especial mención a TVG), como se puido comprobar coa posterior moción de censura cuxa resolución abriu a porta a un novo tempo político. Medios que con este comportamento puxeron en evidencia que están moi lonxe de ser un servizo público. A dependencia política da Xunta de Galicia estalle facendo un enorme dano a súa credibilidade tal que, como afirman os propios traballadores, estes entes públicos viven o peor momento da democracia.


Unha práctica informativa esta que responde mais a intereses partidarios e de propaganda partidista que aos dunha información obxectiva. Unha práctica informativa, non exclusiva dos medios públicos, que parece ter como fin que a cidadanía non teña unha visión obxectiva do que está a suceder en Galicia e en España. Por caso, que dicir do tratamento informativo que na maioría dos medios de comunicación galegos recibiu e recibe o chamado process en Catalunya?. Cabe maior terxiversación da realidade catalán e meirande manipulación partidista?. Parece imposible evitar o bochorno ao lembrar a tratamento informativo que tivo, por caso, a brutal represión do 1.O. Unha acción que levantou tódalas alarmas en Europa.


Resulta totalmente atinado afirmar que a realidade dos medios de información e opinión dun país é un reflexo do nivel de liberdade e democracia no mesmo. Unha premisa que evidencia como en Galicia a manipulación partidista de moitos medios de comunicación non é mais que unha clara manifestación de que a liberdade e a democracia son aínda claramente deficitarias. Unha manipulación e control da información nos medios públicos (CRTVG) que os propios traballadores dos entes veñen denunciando dende fai moito tempo (“venres negros”). Unha denuncia de falta de liberdade que atopa, por parte dunhas xefaturas ocupadas por cargos orgánicos do Partido Popular (PP), a represión como resposta. Uns traballadores represaliados que, nembargante, non atopan na cidadanía galega a comprensión e a solidariedade que serían xustas e precisas pois están en xogo non so os dereitos destes traballadores senón tamén as liberdades e os dereitos democráticos de tódolos galegos.


Un comportamento partidario e partidista que se ve castigado nos indicadores de confianza da cidadanía neses medios. Unha confianza en caída libre que coincide co crecente malestar que nos últimos tempos están manifestando os traballadores deses centros informativos. Unha caída libre da confianza que é extensible tanto a maioría dos medios de comunicación e opinión de Galicia como de España (os medios de comunicación galegos e españois teñen a credibilidade mais baixa de Europa), e que resulta especialmente perigosa nos tempos en que vivimos marcados na política e na economía por sendas crises sistémicas. Perda de confianza e de credibilidade que afecta a uns medios de comunicación privados que presionados por unha caída de ingresos por publicidade tal que dispara as débedas e obsesionados, ata o paroxismo, polos índices de audiencia aparecen embarcados nunha loita informativa sen principios éticos tal que chega a producir fenómenos informativos alucinantes cando non vomitivos (“cando se descubriu que a información era un negocio, a verdade deixou de ser relevante”). Como, por caso, non cualificar como vergoñento o tratamento informativo que por parte dalgúns medios de información privados está tendo a cobertura do caso da chamada “La manada”?, como conxugar ese tratamento informativo con a igualdade de xénero propia dunha democracia?. Perda de confianza tamén nuns medios públicos faltos de independencia partidaria, de liberdade, de pluralismo, de rigor informativo por non falar de calidade. Por caso, e en relación con este último aspecto, que dicir do tratamento informativo que nos medios públicos galegos (Radio Galega e TVG) reciben a lingua e a cultura propias?, que podemos dicir da información xeral?, da imaxe de Galicia que reflicten?: unha Galicia de gaita e queimada de augardente que diría o grande Antonio Machado se vivira.


A realidade actual dos medios públicos de información e opinión fai que sexa urxente a súa recuperación para a sociedade galega o que pasa necesariamente por liberalos do actual servilismo a Xunta de Galicia (na práctica os medios públicos galegos non son mais que meros portavoces do goberno galego). Unha recuperación que se fai urxente por que non cabe esperar dos grandes medios privados (prensa escrita, empresas audiovisuais …) outra cousa que non sexa a procura da máxima ganancia como obxectivo prioritario. Unha urxencia confirmada pola grande debilidade daqueles medios privados independentes (Tempos Novos, Praza Pública, Galiciapress, Luzes,.. ) que apostando por unha maior calidade, rigor e obxectividade na información non teñen, desgraciadamente, a presenza informativa que sería desexable.


Unha recuperación dos medios públicos que debe favorecer tamén a recuperación para a profesión periodística de moitos xornalistas galegos de recoñecido e ben gañado prestixio que, nembargantes, foron relegados cando non depurados dos respectivos medios públicos e privados.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE