Il dolce far niente

Manoel Barbeitos
Economista


Cada vez hai mais evidencias de que a década transcorrida dende que estourara a crise financeira (2008) foi unha década perdida para Galicia. Calquera avaliación que se faga a nivel económico, social, político, ambiental e cultural confirma que a situación hoxe non e mellor, senón incluso peor que fai unha década. Unha realidade que si afecta maiormente as clases de rendas medias e baixas –as clases populares- que son abrumadora maioría en Galicia tamén afecta ao país galego no seu conxunto. Galicia está, hoxe por hoxe peor situada no panorama español e internacional que fai unha década.



Maiores envellecemento

Podemos empezar destacando un dato que recentemente o IGE fixo público: o dato de poboación. Segundo este organismo oficial Galicia leva practicamente unha década perdendo poboación, unha media do 3,5% anual o que lle supón perder posicións no conxunto do estado español. Non por casualidade esta perda de poboación acompáñase de perdas no mercado laboral realmente relevantes durante a grande recesión: 50.000 activos e 150.000 empregos menos –unha caída de 5 puntos-, 75.000 despedidos mais –Galicia é na actualidade unha das rexións europeas con mais alta taxa de paro e menor taxa de ocupación-. Datos que subliñan como o mercado laboral foi o principal damnificado das políticas austericidas. Algo que ratifica a caída do salario real que foi do 25% neste período. Galicia non so ten menos emprego que hai unha década senón que conta cunha maior precariedade velaí que o peso das rendas do traballo na riqueza nacional sexa o mais baixo de sempre (43,6%).


Estas perdas de emprego e salarios repercuten directamente sobre a realidade económica do pais. Unha realidade económica marcada pola debilidade dunha demanda interna na que os gastos privado e público sofren as consecuencias das políticas austericidas. Se, en termos reais, o gasto público global cae nun 15%, maior é a caída do gasto privado (40%), no que ven a ser unha nova confirmación da falsidade das teorías neoliberais: o gasto público non substitúe o gasto privado senón que provoca o chamado “efecto arrastre”. Si se incrementa o gasto público este arrastra consigo o gasto privado, o contrario nunca se cumpre. Tampouco se compre en Galiza outra tese neoliberal que afirma que son os elevados salarios quen frean o investimento xa que a pesar da grande caída do salario real o investimento privado desplumouse (-55%), poñendo en evidencia que este depende doutros factores moi diferentes. Unha debilidade da demanda que repercute sobre a riqueza global de Galicia que aínda non recuperou os valores anteriores ao estoupido da crise financeira. Algo que parece tardará moito en suceder.


Pero Galicia non so é mais pobre dende un punto de vista macroeconómico senón tamén mais desigual. Si, como sinalaba antes, asdiferenzas entre as rendas do traballo e do capital disparáronse ata chegar a valores nunca coñecidos (Galicia é unha das poucas comunidades en España na que o peso das rendas do traballo é inferior ao das rendas de capital: 43,6% e 46,1% ), o número de familias en risco de exclusión acada tamén cifras moi elevadas ao superar o 25%. Maior desigualdade que se ve favorecida polo intenso e crecente deterioro dos servizos e transferencias públicas (pensións, atención sanitaria, ensino, dependencia, familia e infancia…..) provocado polas políticas públicas da actual Xunta Galiza quen turra tanto polos recortes no gasto público como pola intensa penetración do capital privado nos mesmos (para o Partido Popular os servizos públicos non son mais que un nicho de negocio para o gran capital). Un deterioro que si, loxicamente, prexudica maiormente as clases populares que son quen mais os precisan e que polo seu nivel de renda non poden acceder aos servizos privados tamén prexudica aos/as propios/as traballadores/as destes servizos. Calquera usuario/a que teña que acudir aos servizos públicos de benestar en Galiza pode confirmar o que aquí se sinala. As continuas e constantes protestas tanto dos/as traballadores como de cada vez mais cidadáns/as galegos/as polo estado dos servizos públicos tamén confirman ese crecente deterioro.


Un deterioro que se amplía ao medio ambiente. As políticas da Xunta de Galicia en materias con grande incidencia no medio ambiente (os incendios forestas, as industrias extractivas e altamente contaminantes, as urbanizacións salvaxes e descontroladas, a presión urbanística sobre as costas, a falta de tratamento global dos verquidos e residuos….) poñen en evidencia que o medio ambiente non é, de ningures, unha prioridade de goberno senón que se somete aos intereses das grandes empresas e construtoras. Unha evidencia que conduce a que a situación medio ambiental sexa, hoxe por hoxe, unha das maiores preocupacións dos cidadáns galegos como así confirman a maioría das enquisas.


Neste repaso periodístico a situación en Galiza non se pode deixar de subliñar o grave risco de desaparición, ou cando menos de grave marxinación, que corren o idioma e a cultura galegas. Resulta especialmente irritante o manifesto desprezo que nestas materias tan relevantes para un país mostra a actual Xunta de Galicia e moi especialmente o presidente A.Núñez Feijoo. Unha situación que fai que voces tan moderadas como a RAG cualifique a situación como “preocupante”.


Esta triste realidade de Galicia non responde a causas externas senón que ten causas internas, causas políticas. Exactamente: “il dolce far niente” no que está comodamente instalada esta Xunta de Galicia gobernada por un partido que tendo a maioría absoluta no Parlamento galego se permite adoptar prácticas claramente despóticas. Un partido (PP) que nembargante amosa unha insólita incapacidade para facer política de pais. Cóntanse cos dedos das mans, e aínda sobrarían algúns, as iniciativas gobernamentais que poñan en evidencia a existencia dunha estratexia para Galicia como país. Unha carencia cuxos resultados, e consecuencias, son os que veño de sinalar e que son manifestamente evidentes.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE