Rueda non ve sentido a dialogar cun comité "diminuído" e confía en que a folga de xustiza acabe esta semana

"Está en mans dos sindicatos", advirte o vicepresidente e subliña o "moitísimo" que baixou o seguimento do paro nos últimos días

|

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda


Dos sete sindicatos que conformaban o Comité de Folga de Xustiza, catro (SPJ-USO, AXG-CUT, SPAJ e CIG) están decididos a continuar, mentres que os outros tres desmarcáronse, e cada un propón unha alternativa para a resolución do conflito. Ante esta situación, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que confía en que a semana que entra se poida "pechar" a folga indefinida que os funcionarios da xustiza en Galicia manteñen desde o pasado 7 de febreiro e que o luns cumprirá tres meses. 


Iso si, o Goberno galego non falará cun "comité de folga diminuído", senón que quere negociar nun foro no que estean "todos" os sindicatos. "Terá que haber outros foros, outras canles nos que estean presentes todos os sindicatos e ímolo a tentar. A ver se esta semana (en referencia á que entra), somos capaces entre todos de pechar a folga", sinalou, en declaracións aos medios en Ourense.
 
E é que, aínda que subliñou que o paro "baixou moitísimo en apoio" -o venres a Xunta situou o seguimento nun 15 por cento-, Rueda recoñeceu que aínda hai funcionarios que a seguen.

En todo caso, recalcou que as sedes xudiciais están "a volver á normalidade aos poucos", o cal "é bo" porque a folga estaba a provocar "prexuízos importantes" aos cidadáns.

DIVISIÓN SINDICAL
Rueda tamén fixo fincapé na división sindical, tendo en conta que no comité de folga seguen participando de forma activa SPJ-USO, xunto cos tres sindicatos (AXG-CUT, CIG e STAJ) que, no seu día, rexeitaron o preacordo coa Xunta, ao que posteriormente a maioría dos traballadores dixeron non nas asembleas.

CC.OO. renunciou a formar parte deste órgano e os seus afiliados reincorporáronse á actividade, mentres que UXT avoga por conducir a negociación nunha mesa sectorial e CSIF, que insiste na mediación, avisou que, se esta non se materializa, manterá as reunións que considere oportunas para poñer fin ao conflito.

"NEGOCIAR SOBRE O QUE SE PODE NEGOCIAR"
Nesta conxuntura, Rueda non lle ve sentido a dialogar cun comité "diminuído" e reafírmase en que o foro no que haxa reunións ten que contar con "todos" os sindicatos. Tamén espera que aqueles que "non querían o acordo" entren "en razón" e acepten "negociar sobre o que se pode negociar, que é a oferta da Xunta".

"Sobre a mesa" está así a última proposta da Administración, que se traduce un aumento de 140 euros ao mes para os médicos forenses, 135 para os xestores, 127 para o corpo de tramitación e 122 para auxilios, a aplicar en tres anualidades. Os funcionarios percibirán o 50% desta alza neste exercicio, unha vez que se valide o acordo, o 30% en 2019, e o outro 20% en 2020.

A oferta tamén contempla un plan de recuperación do traballo paralizado polas xornadas de folga que se elaboraría co TSXG e coa Fiscalía e ao que poderían adherirse todos os traballadores do sector de forma voluntaria haxan ou non secundando o paro. Ademais, inclúe unha cláusula de revisión para manter os emolumentos dos traballadores por encima da media na táboa salarial.

Iso si, Rueda advertiu que, se os sindicatos do comité "seguen empeñados" nunha cláusula que lles garanta "ser sempre os cuartos" na táboa salarial e en utilizar o plan de traballo para que "os folguistas recuperen" os descontos que lles afectaron durante o paro, "non vai poder ser". "O fin da folga está en mans dos sindicatos", resolveu.

relacionada CC.OO. abandona o Comité de Folga da Xustiza
relacionada A folga da Xustiza sen visos de solución tras dicir Rueda que non hai Comité de Empresa
relacionada Nova maioría sindical na folga de xustiza coa adhesión de SPJ-USO a AXG-CUT, STAJ e CIG

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE