Extinguido o incendio dunha nave de soldaduras Salvaterra de Miño
O interior da nave ardeu por completo
O incendio nunha nave de soldadura en Salvaterra de Miño que se iniciou este xoves quedou extinto, e unha persoa resultou ferida con queimaduras. O interior da nave ardeu por completo.
Tal e como trasladou o 112 Galicia nunha nota de prensa, tivo constancia do suceso, grazas á chamada dun particular, preto das 20.30 horas do xoves, que indicaba que saían chamas polo tellado dunha nave de soldadura en Grixó, Alxén, en Salvaterra de Miño.
Até alí desprazouse o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que indicou que había unha persoa ferida con queimaduras polo lume.
A continuación activouse un dispositivo de intervención no que participaron ademais dos profesionais sanitarios, os Bombeiros de Baixo Miño, do Morrazo, de Ponteareas, os membros do GES de Mos, a Garda Civil, a Policía Local, efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño e persoal do distrito provincial de incendios.
Ademais, tamén foron informados persoal da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Finalmente, sobre as 23.15 horas, os bombeiros daban por acabadas as tarefas de extinción, aínda que posteriormente, de madrugada, arderon algúns rescoldos. Así mesmo, a persoa ferida foi trasladada ao centro hospitalario de referencia.
Escribe o teu comentario