Avia Veira (BNG da Coruña): "A Coruña merece un goberno que traballe en equipo, algo que lle faltou a Inés Rey"

Avia Veira (A Coruña, 1986) leva máis dunha década na política municipal coruñesa. Chegou a María Pita en 2012 e viu desmoronarse ao BNG durante o goberno de Xulio Ferreiro, sendo a única edila dos nacionalistas, para agora remontar o voo e postularse como alcaldable nas eleccións municipais de 2027. Coa mirada posta na xente e nos barrios, Veira toma o testemuño de Jorquera e analiza nesta conversa con Galiciapress a crise da vivenda na cidade, os problemas na mobilidade ou a falta de transparencia nun proxecto de cidade que acabou converténdose nunha pataca quente, como foi a candidatura para ser sede do Mundial 2030.


|

WhatsApp Image 2026 03 30 at 12.20.17
Foto: Galiciapress

 

Levas xa máis dunha década metida na política municipal da Coruña, sendo unha veterana en María Pita malia a túa xuventude. Fuches xa portavoz no seu día e número 2 nas dúas últimas campañas. Con ese percorrido, chega tarde esta oportunidade?

Para nada. Chega no momento adecuado, no momento no que me sinto máis preparada, máis ilusionada e máis convencida de que podemos dar un salto grande nestas eleccións de 2027 e ir moi, moi convencidos e a por todas.

 

Como foi a evolución da Coruña desde aquel 2012 no que entraches na política municipal?

Cambiou moito, tamén na medida en que cambiou moito toda a política en xeral. Estamos a falar de 2012, xusto o período posterior á crise económica de 2008 que aínda estaba vixente en todo aquel ambiente. Despois pasamos pola época da Marea, que foi unha época de moita ilusión, e despois tivemos tamén ao Partido Socialista. A verdade é que a cidade segue sendo na esencia a mesma, porque na esencia segue sendo unha cidade que é un motor económico, moi dinámica a nivel de tecido social, deportivo, cultural, etcétera. Pero creo que hai problemas que se manteñen ou que se foron transformando. O problema da vivenda agudizouse nos últimos anos. O tema do coidado dos barrios, onde creo que nos últimos anos se observa claramente un descuido dos barrios. Ou o transporte público, onde, por desgraza, mantemos exactamente os mesmos problemas.

 

Mencionabas a etapa das Mareas, que foi un momento de moita efervescencia a nivel político, sobre todo no que se refire á esquerda. E ti, con todo, viviches un momento tamén de transformación dentro do BNG. Estiveches ao pé do canón e fuches a única que estivo nese grupo do BNG durante 2015 ata 2019.

Foron as circunstancias que se deron, de transformación en realidade persoal, si, porque de repente te atopas estando soa e mantendo unha organización política como é o BNG, que tiña moitísima traxectoria detrás e que, evidentemente, non ía renderse así como así por moitas dificultades que tivese nese momento. A transformación foi polo reto que era aquilo e creo que, para afrontar o reto presente, todo ese bagaxe é moi importante, porque ao final tiven obrigatoriamente que ter unha perspectiva xeral do Concello, intentar entender, comprender e aprender de todo: de urbanismo, de servizos sociais, de facenda... Esa perspectiva de todos os ámbitos do Concello creo que agora é algo moi positivo de cara a afrontar o reto de alcanzar a alcaldía.

 

 

Tamén es a primeira muller que vai disputar a alcaldía da Coruña polo BNG. É un teito de cristal que se rompe, pero imaxino que tamén unha gran responsabilidade.

Si, pero fágoo con toda a convición, con moitísima ilusión e sabendo que houbo outras atrás que xa foron abrindo camiño. Hai compañeiras que xa estiveron na corporación municipal, que foron abrindo camiño polo BNG e, desde logo, está claro que no BNG temos moi presente ese reto de que as mulleres nos puxemos ao fronte. É unha responsabilidade, pero moi ben levada.

 

Tomar o testemuño de Jorquera tampouco será doado. Aprendiches moito xunto a el? Que balance fas do seu tempo na portavocía?

O balance resúmese na sensatez, na coherencia, no traballo e tamén niso que el resume: en que a política ten que ser unha vocación de servizo público. El encarna perfectamente iso. É do que máis me empapei nestes anos.

 

Rueda de prensa de los concejales Francisco Jorquera y Avia Veira
Rolda de prensa dos edis Francisco Jorquera e Avia Veira

 

E se houbera que definir a Avia Veira? Como sería? Coa mesma sensatez e coherencia?

Con toda honestidade e humildade, porque me dá moitísima vergoña falar de min mesma, prefiro que o fagan outros, creo que tamén. Mesmo no mandato ese da Marea, creo que a sensatez, a coherencia, o traballo, o diálogo, foron as principais características que determinaron esa acción política e, ao final, estar ao lado de Paco reafirma todo iso.

 

ELECCIÓNS MUNICIPAIS EN 2027

Queda preto dun ano e entramos xa en precampaña. Tes xa en mente os nomes que te acompañarán na candidatura?

Ese é un traballo colectivo. Temos que reunirnos, que falar de cales cremos colectivamente que teñen que ser esas características que teñen que ter as persoas que integren a candidatura, pero sempre coa mesma filosofía: que poidan centrarse no traballo municipal, que teñan sensibilidade de cara aos barrios, á vivenda, ao transporte público, a todas as necesidades que ten a nosa cidade, a xente da Coruña.

 

Creo que temos canteira, a verdade. Imos contar tamén con xente nova, que vén con moita forza, evidentemente coas mulleres do BNG, para facer unha candidatura que configure un equipo de traballo e un equipo que vai ser o equipo de goberno da Coruña en 2027.

 

 

O BNG rexistra un crecemento constante nos últimos anos, tanto a nivel autonómico como municipal. O mellor exemplo atopámolo en Santiago de Compostela. É o espello no que ten que mirarse o BNG da Coruña?

No espello no que ten que mirarse o BNG da Coruña é no da Coruña. O equipo de traballo que configuremos, todo o noso programa e como nos comuniquemos coa xente ten que vir dado da análise que fagamos de A Coruña. É evidente que para nós o feito de que Goretti estea na alcaldía é un orgullo. Coñezo persoalmente a Goretti e fíxome moita ilusión que chegase á alcaldía. Creo que están a facer cousas que son pioneiras e que creo que a xente de Compostela as valora.

 

En calquera caso, todo pasaría, vista a tendencia dos últimos anos, por un entendemento cos socialistas. Que opinión tes de Inés Rey? Hai tanta distancia entre a idea de cidade que ten o BNG e a do PSOE como poida parecer?

Ao final os feitos falan por si mesmos. Creo que Inés Rey, e xa o dixen antes, é unha alcaldesa que non sabe encaixar moi ben as críticas, que lle custou aceptar que non tiña maioría no pleno. Hai feitos que foron constatando que se esqueceu de que tiña que dialogar. Despois, é unha persoa que non soubo liderar un equipo, un goberno que traballase como equipo na cidade. A Coruña si merece un goberno que traballe como un equipo, que teña na cabeza, por riba de todo, os intereses das coruñesas e dos coruñeses. Creo que iso faltou, que iso falta e que a diferenza está en iso.

 

 

Nós temos sempre, en primeira instancia e como a nosa prioridade, as necesidades da xente da Coruña e traballamos para iso. Creo que aí Inés Rey non está en iso. Non creo que esa sexa a súa prioridade porque, se non, creo que teriamos unha política de vivenda moito máis valente, moito máis concreta; teriamos un transporte público actualizado e ao servizo da xente que traballa na nosa cidade; teriamos uns barrios moitísimo máis coidados e unhas infraestruturas deportivas, culturais, centros cívicos, bibliotecas... moitísimo máis coidados. Hai un montón de cousas nas que realmente vemos que Inés Rey non ten como prioridade eses intereses.

 

Falas desa prioridade, de poñer aos veciños no centro, imaxino. Pode que empañase toda esa política municipal o feito de que este ano, ou hai uns meses, vivísemos situacións de denuncias cruzadas, reproches entre excompañeiros da alcaldesa contra a alcaldesa e demais? Todo iso puido enturbar un pouco o que é o traballo dentro do Concello da Coruña e ver que non se poñía o foco sobre os veciños, senón noutros aspectos?

Cando eu digo que Inés Rey non soubo facer un equipo, non soubo liderar un goberno que traballase como equipo, evidentemente que esas cousas demostran que iso é así. Cando ti non tes un equipo, un goberno que sexa un equipo, e que teña os intereses da cidadanía da Coruña como prioridade, evidentemente todo iso inflúe.

 

 

Cal é a pegada do BNG nas políticas impulsadas desde o Concello nesta lexislatura?

A declaración de zona tensionada foi unha cousa que tiñamos no acordo de investidura, era unha cuestión absolutamente fundamental. Aínda que hai cousas que son mellorables, por exemplo, a ordenanza de mobilidade foi unha cousa que tamén puxemos nós enriba da mesa, como tamén a ordenanza de terrazas. Os orzamentos municipais, que a nós nos gustaría que se executasen, evidentemente, priorizando os investimentos nos barrios. E hai cousas que aínda quedan por cumprir.

 

Nós o que cremos é que, en realidade, para que todas estas cuestións se cumpran e todas estas prioridades das que falaba se poñan enriba da mesa e impliquen políticas reais, é necesario que o BNG estea na alcaldía para que haxa realmente un cambio a mellor; para que todas esas esperanzas que ten tanta xente de que A Coruña vaia a mellor, é necesario que o BNG estea na alcaldía.

 

A VIVENDA NA CORUÑA

O ano pasado tiven a oportunidade de falar con Francisco Dinis Díaz Gallego despois de que a cidade fose declarada zona de vivenda tensionada. Entón díxome que, aínda que A Coruña fose zona de vivenda tensionada, a súa área metropolitana non o era, e que faltaba apoio da Xunta. Que valoración fai dos resultados da declaración ata agora? Debería ser máis ambiciosa a política da cidade en canto á vivenda?

A declaración de zona tensionada ten os seus límites nas normativas que marca a Xunta. Evidentemente a Xunta pode facer moito máis e debería incluír na súa normativa un réxime sancionador. É dicir: se ti te saltas aquilo que determina a zona tensionada, deberías poder sancionar a aqueles propietarios que incumpren esa declaración de zona tensionada. Pero a Xunta ao final adaptou a normativa estatal para que as declaracións de zona tensionada tivesen máis limitacións. Aí vemos como a Xunta, en vez de traballar para que as coruñesas e coruñeses, e as galegas e os galegos, teñamos dereito á vivenda, traballa para outros fins... Imos deixalo aí. Ao igual que non impulsou en 17 anos de goberno políticas de vivenda na cidade da Coruña, porque 40 vivendas en 17 anos é unha auténtica vergoña ante o problema que temos enriba da mesa.

 

 

Despois, en canto á política municipal, creo que si, que podería ser máis ambiciosa. Creo que debería haber máis vivendas municipais e traballar para que haxa máis vivendas municipais. Esa é unha competencia que ten o goberno municipal. Cremos que hai que impulsar a rehabilitación. Hai 20.000 vivendas baleiras na cidade. Hai que procurar poñer esas vivendas á disposición da cidadanía para que se poidan alugar, e aí o máis importante é a rehabilitación, impulsar esa rehabilitación. Tamén está a cuestión dunha oficina municipal de asesoramento ás persoas inquilinas, que estaba no acordo e que foi nos acordos orzamentarios, que se puxo en marcha pero que non se impulsou realmente.

 

É moi importante, en todo este contexto que vivimos de problemas para acceder a unha vivenda, o feito de que hai moitas persoas que ven os seus dereitos totalmente vulnerados e non teñen capacidade de resposta ante eses abusos. Aí a administración ten que estar do lado da xente que ve como ten dificultades para que os seus dereitos se cumpran.

 

 

Nesas dificultades, hai uns días lía que non queres que "as familias teñan que escoller entre comer ou pagar o aluguer". Xa no seu día levaches esta crise habitacional a Bruxelas. Estase expulsando á xente da cidade? E, en relación ao que dicías antes, de que parece que se está incentivando moito a construción ou a planificación de vivenda pública... 20.000 vivendas baleiras, non se debería poñer iso como eixo prioritario? Rehabilitar e facer accesibles esas vivendas?

Totalmente. De feito, estivemos aquí con Ana (Pontón) non hai moito, que anunciaba precisamente unha iniciativa no Parlamento Galego para que a Xunta de Galicia adquirise unha serie de vivendas baleiras para poñelas en aluguer. Porque é unha medida rápida. Esa compra masiva de vivenda é unha medida rápida e introduciría unha bolsa de vivenda no mercado do aluguer que daría saída e daría resposta a moita xente que ten ese problema.

 

Tamén hai xente que a o mellor ten unha vivenda baleira e non ten ferramentas para poñela en aluguer, ou ten dificultades, ou hai problemas entre herdeiros... o que sexa. Creo que con esa medida tamén se lle dá saída a toda esa vivenda baleira, é unha medida máis ecolóxica e máis rápida. A vivenda pública que está a impulsar a Xunta na cidade, iso que está a planear en Monte Mero, nós no que poñemos o foco agora mesmo tamén é na xente que vivía alí, porque aquilo non era un solar baleiro. Iso era un lugar de vivenda, era un lugar onde a xente ten a súa memoria, ten toda unha vida construída, onde propietarios, persoas alugadas, onde hai moitas circunstancias. O que lle pedimos á Xunta é que lle dea resposta a esa xente, que construír vivenda pública non pode implicar destruír a vivenda e o modo de vida da xente.

 

DOS BUSES AO MUNDIAL

En canto a mobilidade, hai varios asuntos que abordar. Un deles é o dos autobuses, xa que moitos veciños demandan un servizo máis eficiente. Hai pouco levastes ao pleno a necesidade de recuperar o carril bus. Como debe cambiar a renovación do servizo?

En canto ao bus, o primeiro: hai que pór en marcha todo o que implica o novo contrato. Pero, desde logo, aí o que temos que ter é mellores conexións, e hoxe co derrube do "scalextric" hai que poñer o foco máis aínda aí. Máis conexións con hospitais, con centros de traballo, conexións puntuais cando hai concertos, cando hai partidos, cando hai determinadas cuestións, para evitar que se mova o coche.

 

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón, en la presentación de la concejala Avia Veira como candidata a la Alcaldía de A Coruña
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na presentación da concelleira Avia Veira como candidata á alcaldía da Coruña

 

Falamos dun redeseño das liñas?

Un redeseño total das liñas. Mellores conexións cos barrios que están desconectados ou que teñen unhas conexións que son inadmisibles como Mesoiro ou Xuxán, barrios que en pleno século XXI non poden ter as conexións que teñen hoxe en día. Tamén están os horarios, que hoxe en día non serven para a xente que traballa na cidade. Non poden empezar ás horas que empezan, teñen que empezar como mínimo ás seis da mañá, analizaremos se máis alá, pero desde logo antes para dar resposta a toda esa xente que entra a traballar cedo. Tamén ten que rematar máis tarde, como mínimo ás doce da noite.

 

Imaxinemos un camareiro que ten que pechar a súa barra ás once da noite. Que teña un bus para saír de traballar, porque o que non pode ser é que teña que moverse en coche. A este tipo de cuestións hai que darlles resposta. As frecuencias, que non te quedes tirado e ter que esperar media hora por un bus. O carril bus é importante tamén porque axiliza todos os tempos do bus.

Tamén está o tema da noite, como damos resposta aos servizos de noite que hoxe en día están a xerar moita demanda noutros modos de transporte. Aí a mobilidade ten que ser como un todo. Estamos a falar do bus, temos que falar do taxi, temos que falar de Bicicoruña... temos que falar de moitas cousas.

 

 

Nesa conexión entre tantos aspectos, falamos tamén de seguridade. Penso por exemplo, nas traballadoras do Marineda cando saen do seu quendas.

Que tampouco teñen bus.

 

Pero de noite, para moitos mozos e moitas mozas, falamos tamén da súa seguridade nese sentido.

Por suposto. E creo que aí tamén hai outra pata que é a mobilidade a pé. O exemplo de Marineda, que ao final está como nunha illa. Seguramente a Marineda poderías ir a pé se houbese unha boa conexión a pé a determinados barrios da cidade. Pero, tal e como está...

 

Xa falamos entón de redefinir o urbanismo.

Claro, tal e como está configurado, ten ese problema, ao igual que o hospital e outras cousas. En definitiva, si, é unha cuestión tamén de seguridade, é unha cuestión de atender á realidade das persoas que traballan na cidade.

 

Mencionou o taxi, sector que desde hai meses vén celebrando mobilizacións contra a actividade dos VTC na cidade. É posible atopar un equilibrio entre os dous sectores?

É que non se trata de equilibrio, trátase de cumprir a normativa galega e a normativa local, de priorizar un servizo público. Porque o taxi é un servizo público, e iso hai que recordalo sempre. Nós cremos que co servizo de taxi, se é preciso, que se introduzan todas as melloras que se entendan oportunas para mellorar o servizo do taxi. E, se é preciso, que haxa efectivamente máis taxis, que é algo que hai que analizar. Desde logo o que hai que priorizar é o servizo público. E o equilibrio ten que darse entre o bus, que ten que ser complementario co servizo do taxi, e con outros modos de transporte. Cremos que o equilibrio ten que ser entre modos de transporte público.

 

 

Outro asunto de actualidade é a renuncia da cidade a ser candidata a sede do Mundial 2030. Como o ve? É unha oportunidade perdida ou A Coruña "esquiva unha bala"?

Nós sempre vimos que o que se nos estaba era a vender unha moto, a vender fume. Unha de dúas, ou iso, ou nos mentían todos os días. Sempre pedimos transparencia nisto, porque se falaba dun investidor privado, dun investidor privado, dun investidor privado... e nunca se nos daba información. Ata mesmo che diría que se burlaron de nós nalgún pleno dicíndonos que non nos ían informar sobre isto. Para min, se é un proxecto de cidade, terás que informar aos representantes da cidadanía como mínimo. A falta de transparencia foi unha constante e a alcaldesa chegou a unha conclusión ao final de todo este proceso na renuncia. "Para tres días, para tres partidos, non podemos hipotecar a cidade". ¡Pois ben, para esa viaxe non facían falta estas alforxas! Iso poderiamos telo concluído o primeiro día que sabiamos que ía ser así.

 

 

O goberno local fixo unha xestión nefasta de todo isto. Ou mentiu, ou nos vendeu fume... Faltoulle transparencia e en todo caso mal, mal xestionado, desde logo. O que dixemos sempre é que na Coruña o que hai é que poñer a punto todas as infraestruturas deportivas, esas que son as utilizadas polo deporte de base. Falamos desde vestiarios para nenas ata que non se levante o céspede, de que haxa infraestruturas para todas as disciplinas deportivas. Iso é o que necesita a cidade, iso é o que necesitan as coruñesas e coruñeses. Que a piscina de Riazor non estea pechada porque está en mal estado. En iso temos que centrarnos, iso é fundamental.

 

 

E xa pensando na precampaña, como van ser estes meses para Avia Veira? Por onde empezar?

Xa estamos a programar visitas aos barrios, visitas que xa estivemos facendo, porque non estamos a estudar o último día para o exame. Levamos xa todo o mandato e o mandato pasado estando nos barrios, estando na rúa, pero hai que intensificar ese traballo con visitas a barrios, xa temos dúas programadas para estes próximos días, e tamén a empresas da cidade, a centros sociais, a centros do terceiro sector... Ese é o traballo que imos facer, estar moi fóra de María Pita, para que a xente escoite de primeira man o que é o noso proxecto de cidade e pedirlle esa confianza.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE