Galicia vive un anticipo do verán, dispáranse os termómetros por encima dos 30 graos
Segundo os datos oficiais da Axencia Estatal de Meteorología (AEMET) e Meteogalicia, a comunidade autónoma atópase inmersa nun ambiente caloroso marcado pola presenza dunha masa de aire moi cálido en superficie
Galicia está a rexistrar durante estes últimos días do mes de maio un episodio de temperaturas inusualmente altas para a época do ano, deixando un ambiente de pleno verán nas catro provincias. Segundo os datos oficiais da Axencia Estatal de Meteorología (AEMET) e Meteogalicia, a comunidade autónoma atópase inmersa nun ambiente caloroso marcado pola presenza dunha masa de aire moi cálido en superficie.
A calor está a deixarse notar con especial intensidade nas principais cidades galegas. En Santiago de Compostela, as previsións e rexistros oficiais confirman que os termómetros pasaron a barreira dos 30 graos, alcanzando valores máximos estimados de até 32°C, o que xera unha forte sensación térmica de bochorno.
Máximas extremas en toda a comunidade
O mapa de temperaturas máximas do fin de semana da AEMET e os boletíns de Meteogalicia detallan que a calor non é exclusivo do interior, senón que se estendeu de forma xeneralizada con Ourense liderando os valores máis altos da comunidade con máximas previstas de até 34°C.
En Santiago de Compostela está previsto que se rexistre até 36ºC o xoves día 28 mentres que A Coruña rexistrará uns 29ºC o luns para baixar aos 24ºC de face ao fin de semana. Lugo mantedrá unha tendencia que non baixará dos 30ºC e Pontevedra alcazará os 31ºC o mércores.
Ferrol, pola súa banda, oscilará entre os 33ºC que se poden rexistrar o vindeiro luns e mércores. Vigo empezará cuns 26ºC para alcanzar os 31ºC o mércores.
Estas temperaturas sitúanse significativamente por encima dos valores medios habituais para o mes de maio en Galicia, onde as mínimas tamén están a mostrar unha tendencia á alza, roldando os 15°C e 17°C, o que dá lugar a noites notablemente tépedas.
Calor e tormentas
De acordo coa análise dos expertos de Meteogalicia, esta situación responde a unha marcada inestabilidade atmosférica. A conxunción deste aire tan cálido acumulado na superficie coa entrada de aire frío nas capas altas da atmosfera é o motor perfecto para a formación de nubes de evolución.
Aviso da AEMET: Aínda que as temperaturas seguirán sendo de carácter estival, a aproximación dunha Depresión Illada en Niveis Altos (DANA) aumentará a probabilidade de que se rexistren chuvascos de carácter tormentoso, os cales poderán ser localmente fortes e ir acompañados de saraiba en zonas do interior da comunidade.
A pesar da previsión destas tormentas vespertinas, os servizos meteorolóxicos confirman que o descenso térmico inmediato será moderado no leste, mantendo de momento o ambiente sufocante en gran parte do territorio galego para despedir o mes de maio.
Escribe o teu comentario