Pedro Alonso: “Cómpre un referéndum sobre o eucalipto”

Haberá en Galicia quen saiba máis de natureza, pero poucos hai que pateasen máis monte que Pedro Alonso. O biólogo detalla décadas na serra atrás do lobo e en loitas ecoloxistas en “A fraga estomballada. Crónicas naturalistas dacabalo de dous séculos”, crónica de como agoniza a Galicia rural pero tamén das vitorias do movemento ecoloxista galego, que tamén as houbo. Nesta entrevista con Galiciapress, o naturalista aborda temas como Altri, Ence, as eólicas e os incedios. A súa aposta pasa por deixar de considerar o monte só como unha fonte de riqueza e por unha consulta popular sobre as coníferas e os eucaliptos.


|

Pedro Alonso
Pedro Alonso

 

 

"A Fraga Esborrallada" é o retrato dunha xeración que fundou o ecoloxismo galego nos 70 e 80. Medio século despois, con Galicia enfrontando unha crise medioambiental sen precedentes polos lumes e a eucaliptización, que leccións daquela xeración seguen válidas? Como membro daquel grupo, e visto o calibre da desfeita ambiental actual, síntese derrotado? O libro é unha crónica desa derrota. 

Globalmente, se colocamos nunha balanza os logros e os fracasos, é inevitábel recoñecer que pesan bastante máis os últimos. O panorama ambiental, ao igual que o político que o ampara, é o que é. Só co entusiasmo e o compromiso se pode parar a desfeita. Aínda que non se pode cantar vitória, na actualidade somos testemuñas do devalo dun proxecto estratéxico como o de Altri e Greenalia, concebido como un paseo administrativo, social e institucional. E, pola contra, a organización da resposta, na que participaron non poucos referentes desa época, foi capaz de darlle a volta a unha tolemia como muitas outras das que saen da Xunta do PP. Perseverar, propagar e organizar son hoxe actitudes que se aprenderon ao longo deses anos todos polos que percorren as páxinas deste libro. Así que, máis que derrotismo, o que se pretende é dar ánimos para a resistencia.

 

Aquí hai condicións para o desenvolemento rural, pero interesa xear espazos baleiro para o extractivismo como o de Altri

 

No libro documenta o "devalo radical" da Galicia rural e salvaxe. Hoxe fálase moito da "España vaciada", dunha "Galicia en extinción". Na súa opinión, este abandono é unha consecuencia inevitable da modernidade, ou foi un proxecto político e económico máis ou menos deliberado? Mencionaba o plan da celulosa de Palas, é Altri o exemplo máis recente dese proxecto?

A modernidade entrou galopando por múltiples comarcas onde apenas unha ducia de anos atrás aínda tiña vitalidade a economía de subsistencia e as remesas da emigración. A metamorfose que vivimos neses anos é o resultado dun proceso imparábel, por un lado, e dunha renuncia, por outro. A condición subalterna do noso país, incapaz de blindar os seus sectores produtivos estratéxicos, é a explicación lóxica de que ese proceso, que noutras esferas tivo unha repercusión limitada, no contexto galego fose unha verdadeira hecatombe. Non se trata de equiparar o acontecido na nosa terra co que puido ter pasado máis alá do Padornelo ata o Douro, onde as consecuencias teñen sido, se callar, peores. Aqui existían, e existen, condicións reais para o desenvolvimento rural. Pero o que interesaba era curtocircuitar o sistema medio rural-poboación, para xerar grandes espazos baleiros onde impulsar o extractivismo convencional. O de Altri-Greenalia é de manual.

 

Vostede vincula o abandono do rural e a erosión da vida tradicional cos grandes incendios. Máis aló do tópico do "terrorismo incendiario", onde sitúa vostede a principal responsabilidade das vagas de lumes que asolan Galicia: na política forestal baseada no eucalipto ou na sociedade que abandonou o monte?

Todo vai da man. A imposibilidade de encontrar condicións de vida dignas favorece o abandono. A destrución do tecido produtivo rural e a inexistencia de oportunidades de emprego, disparan o abandono. Esa metamorfose do paso dunha sociedade ancorada na subsistencia, a medio gas, a unha sociedade consumista, fai imposíbel a permanencia. Por exemplo, a aparición de Alúmina-Aluminio desencadeou un masivo abandono das aldeas da Mariña. Ese baleiro foi ocupado polo eucalipto, mediando pequenos produtores que marcharon para as vilas e grandes especuladores que encontraron unha oportunidade de negocio. Non é facil iso de ser “silvicultor profisional” cando se teñen 3 ou 4 hectáreas. Boa parte deses predios carecen de atención. Noutras áreas, principalmente da Dorsal Galega para o mar, onde as coníferas foron inicialmente a referencia, ou nos montes públicos da provincia de Ourense, o impulso da silvicultura intensiva cobrou a portaxe do abandono da gandería extensiva menor, de ovellas e cabras, e o crecemento dunha inxente masa de arborizado altamente combustíbel e inflamábel. Só hai que lembrar o documento técnico do Plan Forestal de 1991 para decatarse de que a obsesión produtivista é responsábel da actual vulnerabilidade. 


Sempre se fala de "máis medios de extinción". Baseándose na súa experiencia de décadas pateando o monte, se fose presidente da Xunta por un día, cales serían as dúas primeiras medidas que tomaría para empezar a solucionar de raíz o problema dos incendios en Galicia?

Se o teu leitmotiv é a produtividade en base á silvicultura intensiva, a política preventiva é un obstáculo e todo se fía aos medios de extinción, nomeadamente aos aéreos, máis eficaces, máis custosos e, sobre todo, con maiores posibilidades de “negocio”. Sería interesante abordar a elaboración dunha lei estratéxica que transversalizase a política toda de medio rural e captase fondos para mobilizar recursos, humanos e económicos, para darlle a volta á actual situación de abandono. E, de seguido, convocar un referendum que amparase a redución significativa da superficie ocupada por coníferas e eucaliptos, sen desbotar a eliminación desta última especie.

 

A polaridade dominante sobre o lobo é unha mostra clara da cegueira coa que se interpreta a realidade

Dedica un capítulo moi persoal, "A ouvear cos lobos". O lobo é centro dunha enorme polémica política e social sobre a que vostede se pronunciou en reiteradas ocasións pero, máis alá da polémica, que foi o que aprendeu deses anos todos no monte ? 

Unha vez, acompañando Francisco Álvares, investigador do lobo en Portugal, estabamos nun lugar arredado coñecido como O Nariz do Mundo. Nunha pequena aldea, unha vella de ollos gacios e engurras como regos de arado mostrounos unha gola do lobo, un fragmento da traquea dun lobo, conservada para curar a doenza dos porcos coñecida como a “lobagueira”. Pasaban a agua pola “gola do lobo” e dábanlla aos porcos para sandar. Todo o que se vive na actualidade ignora a dualidade do lobo como fonte de prexuízos, pero tamén como elemento natural con dereito propio. A polaridade dominante é unha mostra clara da cegueira coa que se interpreta a realidade. Pero isto da problemática do lobo é complicado explica-lo nunhas poucas frases.


 

 

 

ENCE e as eólicas parten da mesma base de espoliación con carácter colonial en alianza cunha caste política que procura o seu lucro

O seu libro denuncia a "invasión eólica". Este é, quizais, o conflito ambiental máis popular en Galicia canda Altri. A loita actual contra os parques eólicos é o equivalente á loita da súa xeración contra as celulosas ou os encoros? Que cambiou?

A miña xeración só tivo que enfrontar aquela tolemia das celulosas de EuroGalicia Forestal e Papelga, os encoros de Lindoso e Cenza e a febre das minicentrais. Xa Ence estaba implantada en Lourizán e a maioría dos encoros largaban os quilovatios para España toda. Ence e os encoros foron produto do franquismo. Agora ben, sobre se son equiparábeis, diría que non son exactamente o mesmo, aínda que teñan a mesma base de espoliación con carácter colonial. A resistencia contra as eólicas é lexítima porque o que se pretende é a súa masificación fóra de calquera lóxica. Podemos aceptar un determinado contributo do noso país a iso que agora se chama descarbonización. Pero o que se nos impón non é un abuso, é unha vampirización dos nosos recursos, cun elevadísimo custe ambiental. As celulosas e os encoros aparecen nun momento histórico onde o noroeste ibérico se presenta como espazo ideal para o sostén do proxecto autárquico franquista. Hoxe, sen deixar de ser algo similar, conta máis a consideración de Galiza como un predio onde especular e facer caixa, en alianza cunha caste política que procura o seu lucro e o remate do seu proxecto de demolición da nación, para seguir facendo caixa. 

 

 

 

 

 

A sociedade urbana vive nunha esfera de cristal e síntese o centro do mundo. E sen o campo non existiría.

No libro escribe a fraga como unha "cápsula do tempo" e fala de "contemplar a vida do bosque". Cre que a sociedade urbana actual perdeu esa capacidade de contemplación? É esa desconexión a raíz da nosa incapacidade para defender o territorio? 

O que máis contempla unha boa parte da sociedade urbana é como vai chegar a fin de mes. Seducida, abducida e abstraída polo engano consumista, o individualismo domina os recantos todos da vida. Non se lle pode pedir a alguén que loita por manter a familia un pequeno exercicio de saudábel vida contemplativa. Ese é un dos triunfos deste capitalismo suicida. Pero si, a sociedade urbana vive nunha esfera de cristal e síntese o centro do mundo. E sen o campo non existiría. Parece trivial, pero debemos insistir nisto.

 

 O libro é tamén un "axuste de contas". Ser ecoloxista e naturalista en Galicia durante estes 40 anos, supuxo máis custos persoais ou máis satisfaccións? Valeu a pena?

Como naturalista, os pequenos momentos de gloria fican na retina por sempre. Non vin naves a arder en Orión, pero teño entrado a sitios nos que había décadas ou séculos onde ningún ser humano entrara. E teño visto fenómenos da nosa natureza, só ou en compañía, que xa ninguén vai ver máis. Esas perdas, algunhas máis transcendentes que outras, sempre fan a un abalar. Converter a tristura en odio e racionalizar e controlar este para resistir, son mecanismos de supervivencia. 

A batalla pola nosa natureza é indisociábel da loita pola nosa soberanía, pero non garante a conservación da natureza, basta ollar a Portugal, convertida nun predio celulósico

 

O epílogo titúlase "Réquiem por unha outra Galiza rural", pero tamén é unha chamada á resistencia. Despois de velo todo, mantén a esperanza ou escribe desde o pesimismo dunha batalla que, quizais, xa está perdida? 

O de “requiem” non é en sentido mortuorio. É unha forma de describir a saudade por algo que puido ser e que aínda pode ser. Non sei se a batalla será nosa, o que sei é que se non se enfronta, as consecuencias dunha derrota sen resistencia serán aínda peores. Por outro lado, a batalla pola nosa natureza é indisociábel da loita pola nosa soberanía como pobo e como nación. Sen os resortes políticos, non hai loita ambiental con futuro. E, por outro lado, cunha independencia gratuíta, non existe garantía de conservación da natureza. Basta con ollar Portugal e o seu norte todo convertido nun predio celulósico. Se temos esperanza é porque temos convición na nosa condición de nación e cremos nas nosas posibilidades como pobo diferenciado.

 

Qué autocrítica debe facer o ecoloxismo ao respecto?

Sempre hai que exerce-la. Mais non hai que esquecer que o camiño é longo. O que vimos é só a adolescencia. E esa xeración da que falamos transitabamos da adolescencia para a madurez, imbuídos do entusiasmo e a descuberta. Iso si.., se cadra pecamos de inxenuidade.
 

A fraga estomballada. Crónicas naturalistas dacabalo de dous séculos acaba de ser editado por Toxosoutos e pronto será presentado en varias localidades do país como Vigo, Gondomar, Santiago, Lugo, A Coruña e posiblemente Ourense.


 

relacionada A UE exclúe a Altri de subvencións para innovación que se dá a outros proxectos galegos
relacionada APDR lanza 'crowdfunding' para sufragar a última batalla xudicial contra Ence
relacionada Que ardan Santiago de Compostela e Madrid

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE