Ten sentido o nacionalismo galego no século XXI nunha Unión Europea en permanente desenrolo e cada día menos democrática? Ten sentido un partido político como Coalición Galega neste mesmo século XXI, aquí, en Galicia? Vai xa para século e medio que as tres provincias vascongadas e o antigo Reino de Navarra comezaron a xestionar as súas facendas autónomas.
En plena Restauración despois da Primeira República, Cánovas do Castelo, xefe de goberno naqueles tempos, era un firme partidario do Estado unitario e centralista, pero quería facer algunhas cesións ás elites vascas, tan poderosas en vésperas da que sería a segunda revolución industrial española.
Antonio Cánovas viña de deseñar a Constitución de 1876 para garantir a paz civil despois dunha chea de golpes de estado e viña tamén de aplicar unha redución dos privilexios territoriais contidos nos Foros. Hoxe, 150 anos despois, atopámonos nunha tesitura semellante.
Como dicía recentemente o profesor Nuñez Seixas e outros colegas, é un erro pensar que as provincias forais saen do franquismo cos seus regimenes fiscais particulares. Foi unha decisión dos gobernantes da transición democrática.
Hai quen di que este privilexio se lle ofreceu tamén á nacente Autonomía Catalá, pero parece ser que o Sr. Pujol rexeitouna. E tamén hai quen di que foi un erro ofrecer isto ao PNV para que se decantase plenamente polo camiño constitucional, porque despois non estivo á altura das circunstancias. E chegamos agora coa nacionalista madrileña Sra. Ayuso e o Sr. Salvador Illa en Cataluña á chamada cota catalá.
Un sistema xeneralizado de concertos nas autonomías levaría ao federalismo, que non é outra cousa que o que nós vimos defendendo primeiro como Partido Galeguista desde 1931 e xa desde mediados dos anos 80 como Coalición Galega.
Defendemos tamén os principios humanistas, liberais e o dereito á autodeterminación, do mesmo xeito que esiximos a plena potestade tributaria orixinaria acerca de todos os feitos impoñibles que se produzan en Galicia.
Un vasco ou un navarro cando se dirixen á administración non o fan en termos de submisión, senón en termos positivos, e isto é porque teñen unha administración recadatoria que lles pode achegar solucións, xa que dispón de diñeiro e non ten que estar a pedir esmola continuamente ás administracións autonómicas ou central. Falta agora saber o grao de simetría ou asimetría que de aquí en diante, entre todos, somos quen de conquerir até alcanzar un pleno poder tributario.
Escribe o teu comentario