Fronte aos que nos intentan vender a ofensiva xudicial e mediática contra o goberno de quenda (PSOE/Sumar) como unha vitoria das dereitas (PP), o que aquela está deixando en evidencia é a máis absoluta falta de estratexia e programa de goberno por parte do líder da oposición (Núñez Feijóo) que coma un “galo sen cabeza”, vaise movendo ao ritmo que lle marcan as dereitas extremas políticas, xudiciais e mediáticas. Diría máis, sen menosprezar esta ofensiva de carácter totalitario, resulta difícil pensar que poida chegar á Presidencia do goberno español un líder da oposición tan escandalosamente en coiros. Algo que nesta semana quedou unha vez máis de manifesto co gallo da convocatoria do congreso/cónclave do PP para xullo en Madrid, cando comprobamos que a iniciativa para adiantar a súa celebración non partiu da dirección do Partido Popular senón da Presidenta da Comunidade de Madrid (https://gal.galiciapress.es/artigo/politica-galicia/2025-05-12/5286759-nunez-feijoo-convoca-congreso-do-pp-dicir-ayuso-habia-aceleralo).
Unha Isabel Díaz Ayuso que ve como o cerco xudicial á súa parella, González Amador, se vai estreitando diante das indiscutibles evidencias de ter cometido dous delitos de fraude fiscal con Facenda e un de falsidade documental -que lle poden entrañar até seis anos e medio de cadea e multas millonarias- a pesares dos intentos da Presidenta da Comunidade de Madrid por desviar o foco xudicial e mediático acusando falsamente ao Fiscal Xeral do Estado de filtrar o correo electrónico que confirmaba a confesión de fraude fiscal de González Amador. Acusación de cuxa falsidade xa demos conta neste medio (https://gal.galiciapress.es/artigo/opinión/2025-05-10/5285125-miserias-do-poder-xudicial-espanol).
Un xefe da oposición cuxo espido político quedaría de novo en evidencia no recente debate parlamentario sobre as medidas que propuxo adoptar o goberno español de quenda para facer fronte aos aranceis aprobados unilateralmente polos Estados Unidos. Resulta rechamante que nun momento tan importante para Europa, cando esta precisa dotarse con armas de defensa fronte a brutal ofensiva comercial e política da Administración Trump -que considera a Unión Europea como un “parasito dos Estados Unidos”- o principal partido da oposición (PP) se aparte do sentir maioritario do Parlamento -a proposta contou co apoio de todos os socios parlamentarios agás PODEMOS- e, unha vez máis, se aliñe coa dereita mais extrema -Vox- cuxas simpatías con Donald Trump son coñecidas.
O mesmo podemos dicir co gallo do apagamento eléctrico do pasado 28 de abril xa que cando non hai coincidencia entre os expertos sobre as causas do mesmo, nin tampouco unha información veraz, o xefe da oposición vai por aí culpando do apagamento ao goberno de quenda (PSOE/Sumar), pola súa oposición ás centrais nucleares o que pon en evidencia o seu preocupante descoñecemento sobre a realidade do sistema eléctrico español.
Volvendo á convocatoria do congreso/conclave do Partido Popular (PP): poderemos, por fin, os cidadáns dos pobos de España coñecer o seu programa de goberno? En relación ao mesmo será moi interesante saber se as dereitas españolas por fin abandonan as posturas racistas, xenófobas e sexistas que, como estamos vendo, tanto facilitan a entrada dos partidos de extrema dereita nas institucións democráticas como contribúen a degradación política, social e cultural dos pobos. Debería ser a “proba do algodón” do definitivo abandono do franquismo e de que Alberto Núñez Feijóo non é un político nu que vive preso das extremas dereitas senón que ten o seu propio proxecto liberal-conservador. Unha folla de ruta en liña cos partidos europeos de dereitas cunha longa tradición democrática tal que os leva a refugar de gobernar coas extremas dereitas como por caso sucede en Alemaña, Francia e Portugal. De ser así Núñez Feijóo lle estaría facendo un favor á democracia española e a si mesmo.
Escribe o teu comentario