Nestas últimas semanas tivemos noticias que nos confirman algo que vimos subliñando repetidamente neste medio e que fan referencia ás actuacións de maxistrados españois ben situados nas esferas do poder xudicial (Consejo General del Poder Judicial, Tribunal Supremo, Audiencias Provinciais….) contra o lexítimo goberno español de quenda (PSOE/Sumar). Miserias dun sector do poder xudicial que deterioran a confianza cidadá no Estado de dereito: 9 de cada 10 españois pensan que a xustiza non é igual para todos e 8 de cada 10 que tampouco actúa igual diante dunha persoa rica que dunha pobre (CIS).
Estado de opinión ao que contribúe a actuación de xuíces como, por caso, Ángel Hurtado maxistrado do Tribunal Supremo, quen leva o expediente xudicial contra o Fiscal General del Estado e que apesares dos seus afáns “torquemadistas” non é quen de atopar probas que inculpen ao fiscal xeral de filtrar o correo electrónico que confirmaba a confesión de fraude fiscal de González Amador. A última proba facilitouna a UCO informando que nos datos subministrados por Google e Meta non hai nada que implique ao fiscal xeral do Estado en filtración algunha. Chegados a este punto, e diante da actuación deste maxistrado do Tribunal Supremo, a pregunta agora debería ser: quen lle pide responsabilidades ao señor Hurtado?, quen se escusa diante de García Ortiz e repara o dano producido á imaxe da Fiscalía Xeral?
Credibilidade que por estas mesmas datas volveu a recibir un novo golpe cando o Tribunal Supremo vén de dicirnos que non hai nada que se poda facer para que os cidadáns españois coñezamos como o rei emérito, Juan Carlos de Borbón, fixo a súa fortuna mentres era Xefe de Estado. Así as querelas presentadas por cinco delitos fiscais contra a Facenda Pública, cometidos por aquel, foron rexeitadas pola Sala Segunda do Supremo cuxo ponente do auto era o xuíz Manuel Marchena até hai pouco Presidente da Sala Penal do Supremo.
Pasemos agora ao caso da señora Begoña Gómez a quen o xuíz instrutor, Juan Carlos Peinado, acusa de tráfico de influencias, corrupción nos negocios e apropiación indebida. Pois ben, logo dun ano e de cinco investigacións abertas non se atoparon indicios que apoien as acusacións, de que a señora Begoña Gómez cometera delito algún. Pero o xuíz instrutor teima na súa investigación prorrogando a causa e tomando declaración a un número cada vez máis amplo e variado de testemuñas (a propósito desta febre de citacións un amigo dicíame que calquera día este xuíz o citaba a el) sen que aparezan probas de delito como así manifesta a propia UCO (Unidad Central Operativa da Garda Civil) que no seu informe para o Xulgado descartou irregularidade e indicios de delito.
Finalmente no caso do cidadán David Sánchez Pérez-Castejón investigado polo Juzgado de Instrucción número 3 de Badajoz pola concesión dunha praza de director do conservatorio de música de Badajoz compre tamén facer algunhas consideracións ao respecto. En primeiro lugar que a praza foi concedida no 2017, hai logo 8 anos -cando o seu irmán Pedro Sánchez aínda non era Presidente do Goberno-, unha concesión que no seu día non foi recorrida sen que tampouco durante todo este tempo houbera obxeccións ao desenvolvemento de dito cargo. Por outra parte coas probas que presenta a titular do Xulgado, e como demostra contundentemente o emérito maxistrado Martín Pallín, as acusacións de tráfico de influencia e prevaricación non se sosteñen polo que só cabe “unha sentenza absolutoria que restableza a confianza no estado de Dereito” (https://www.publico.es/opinion/jueza-badajoz-da-do-pecho.html).
Tomando como referencia estes tres casos paradigmáticos que cabe pensar duns maxistrados que actúan desta forma e ao tempo manteñen suspendidos e a espera de que prescriban numerosos expedientes por corrupción (neste ano hai un mínimo de 30 causas xudiciais abertas) que afectan ao Partido Popular (PP), tanto a directivos e dirixentes relevantes do mesmo (máis de 900) como ao propio partido (a trama Gurtel)? Maxistrados que se durante anos levaron adiante unha campaña xudicial e periodística de acoso e derribo de PODEMOS agora puxeron no foco a Pedro Sánchez e ás súas contornas política e familiar. Maxistrados que se analizamos os expedientes vemos como para a posta en marcha e desenvolvemento dos mesmos contan co apoio loxístico da extrema dereita: Vox e os seus círculos de influencia (Manos Limpias, Hazte Oír, Movimiento de Regeneración Política de España..) que son quen presentan as denuncias e conforman as acusacións que estes xuíces admiten inmediatamente.
Maxistrados cuxa vinculación coas dereitas extremas (PP/Vox) resulta imposible de ocultar como, de novo, podemos comprobar agora coas manobras daquelas para impedir que no CGPJ (Consejo General del Poder Judicial) entren maxistrados progresistas que poidan, por caso, converter ao Tribunal Supremo no que realmente ten que ser: un órgano integrante do poder xudicial independente (Art. 117 Constitución Española) e cuxa misión e garantir a aplicación uniforme das leis en todo o territorio nacional é asegurar que os órganos xudiciais de todo o país aplican os mesmos criterios interpretativos destas (Lei Orgánica do Poder Xudicial)
Escribe o teu comentario